Só o 24% do solo agrario en Galicia pertence ás mulleres

O XIII Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG centrarase no papel fundamental das mulleres como produtoras de alimentos. Desenvolverase en concellos da Ribeira Sacra ourensá como Castro Caldelas, San Xoán de Río ou Parada do Sil

Só o 24% do solo agrario en Galicia pertence ás mulleres

Marian Ferreiro e Sonia Lamas na rolda de prensa do SLG

O Sindicato Labrego Galego presentou este martes en Ourense o XIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres, que este ano se celebrará entre os concellos ourensáns de San Xoán de Río e Castro Caldelas o 17 e o 18 de marzo baixo o lema “As mulleres alimentamos o mundo: Soberanía Alimentaria e feminismo”.

Na presentación participaron a responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro Santos; e a gandeira de Xunqueira de Ambía e integrante da Executiva da organización agraria, Sonia Vidal Lamas.

SLG: “A nivel mundial, as mulleres só dispoñemos de entre o 1% e o 2% da terra”

Tal e como indica o lema, a décimo terceira edición do Encontro da Secretaría das Mulleres virará ao redor do papel indispensable das mulleres como produtoras de alimentos. Non en van, segundo datos achegados pola ONU, as mulleres producen entre o 60% e o 80% dos alimentos no meirande dos países en vías de desenvolvemento e constitúen o 43% da forza agrícola laboral nestes mesmos países. Neste senso, a propia ONU recoñece que as mulleres son o piar básico da agricultura familiar, de onde sae o 70% dos alimentos producidos no mundo.

Porén, dende o SLG denuncian que as mulleres non teñen o mesmo acceso cós homes a terras, maquinaria agrícola ou insumos para facer o seu traballo. “A nivel mundial, as mulleres só dispoñemos de entre o 1% e o 2% da terra. Na Galiza, as mulleres somos titulares dun 24% da terra, mentres que o 76% restante está nas mans de homes, segundo os últimos datos publicados no Censo de 2009”, advirten.

Só 17 mulleres no rexistro de explotacións de titularidade compartida

En cuestión de dereitos laborais, o Sindicato Labrego advirte de que “as mulleres labregas tampouco poden dicir que se avanzase moito”. Segundo denunciou na rolda de prensa María Ferreiro, “a pesares de que temos unha Lei de Titularidade compartida nas explotacións dende o ano 2011, a día de hoxe só se deron de alta como titulares 17 mulleres na Galiza, a pesares de que as estimacións apuntan a que hai unhas 35.000 que se poderían beneficiar desta medida. E na Seguridade Social do agro, mentres que os homes cotizan unha media de 37 ou 38 anos e poden xubilarse co 100% da pensión, a media nas labregas é de 20 anos cotizados ao final da súa vida laboral, polo que as súas pensións son moi inferiores ás dos homes”.

María Ferreiro tamén apostou pola soberanía alimentaria como vía para o empoderamento das mulleres labregas, un concepto defendido pola Vía Campesina en todo o mundo que defende o dereito dos pobos a decidir o seu sistema e produción alimentaria e a ter acceso a alimentos nutritivos e culturalmente axeitados, accesibles, producidos de xeito sostible e ecolóxico.

Con estes vimbios desenvolverase un programa que foi debullado por Sonia Vidal Lamas na rolda de prensa e que comezará o sábado pola mañá cun debate no castelo de Castro Caldelas sobre feminismo e agroecoloxía. Xa pola tarde, as participantes viaxarán até Parada do Sil para visitar a adega Ronsel do Sil, rexentada por María Yravedra que, ademais de viticultora e arquitecta, é a primeira muller que forma parte do consello regulador da Ribeira Sacra.

O domingo, sen perder o fío temático deste encontro, haberá numerosas mesas redondas e debates no castelo de Castro Caldelas nas que participarán mulleres que lideran proxectos agroecolóxicos como Mimá (horta en Allariz), Amarelante (castaña e derivados en Manzaneda) ou A Cernada (leite pasteurizado e iogures ecolóxicos en Palas de Rei).

CARTAZ DEFINITIVO slg mulleres

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información