“O 2024 rematou cun descenso de cortas do 4% no sector forestal galego”

A provincia da Coruña liderou os aproveitamentos, por diante da de Lugo. A madeira de eucalipto supuxo 5,3 millóns de metros cúbicos e a de piñeiro 3,7 millóns

Publicidade
Nuria Rodríguez Arias, xerente da asociación de rematantes e empresas de primeira transformación da provincia de Lugo

Nuria Rodríguez, xerente da asociación de empresas da primeira transformación da madeira da provincia de Lugo

O sector forestal encadea dous anos consecutivos de descenso no volume de madeira cortada nos montes galegos. Logo da cifra de 10,8 millóns de metros cúbicos acadados no 2022, nun ano de forte demanda e prezos elevados, a contración do mercado na segunda metade do 2023 fixo caer os rexistros nun millón de metros cúbicos a final dese ano, unha cifra que non se recuperou no 2024.  

O forestal é un dos principais motores económicos da provincia de Lugo. Nos seus montes cortáronse o ano pasado 3,6 millóns de metros cúbicos de madeira, dando emprego directo a 2.700 persoas por parte das máis de 250 empresas extractoras e transformadoras existentes.

Con respecto ao 2023, a corta de coníferas mantívose estable, mentres que o eucalipto reduciu volume

Falamos do momento actual do mercado, tanto de piñeiro como de eucalipto, con Nuria Rodríguez, xerente de Lugomadera, a asociación que integra ás empresas do sector na provincia. Tamén para coñecer a opinión dos madeiristas e empresas de primeira transformación a respecto das novas taxas á saca de madeira que algúns concellos da provincia de Lugo comezaron a impoñer este ano e doutros temas de actualidade, como a finalización da moratoria ao eucalipto ou a planta de Altri. 

– Como se moveu o mercado da madeira no 2024 en canto a volume de cortas, prezos e demanda?
– No ano 2024 o volume de cortas de Galicia foi de case 9,4 millóns de m3, polo que se contraeu o volume de cortas un 4% con respecto ó ano anterior. Sen embargo, vista a tendencia dos anos anteriores, consideramos que estamos nunha senda estable en canto a aproveitamentos.

Facendo un análise da intensidade de corta, máis do 80 % das cortas do ano 2024 tiveron lugar nas provincias da Coruña e Lugo, cun 43% e 39% respectivamente, sendo unha actividade moito máis baixa nas provincias de Pontevedra e Ourense, cun 12 % e un 4% do total de cortas de Galicia.

O pasado ano o 60% da madeira cortada foi eucalipto e o 40% piñeiro

Por outra banda, os aproveitamentos forestais de eucalipto en Galicia foron de 5,3 millóns de m3 e os de coníferas de 3,7 millóns de m3, sendo as especies tractoras en Galicia, sendo máis residual o aproveitamento de frondosas caducifolias, cun valor de 236.000 m3, a pesar de ser a especie que máis superficie ocupa, con máis de 628.000 hectáreas.

– Que previsión facedes para o 2025?
– Cara o ano 2025 prevese unha continuidade do mercado , coa demanda estable. Se vén hai que reflexionar sobre que o sector forestal ten marxe de mellora sobre todo nos produtos de alto valor, e que temos que traballar nesta liña co obxectivo de ter un maior rendemento en todos os elos da cadea produtiva, chegando ata o propietario forestal.

O sector forestal ten marxe de mellora sobre todo nos produtos de alto valor

– Por especies, está máis animado neste momento o piñeiro ou o eucalipto?
– Dende os últimos anos mantense o volume de cortas das dúas principais especies, sendo un 40% de coníferas do total de cortas de Galicia, e algo menos do 60% de eucalipto, polo tanto, hai unha senda constante en canto a demanda de cada unha delas.

– Están as empresas forestais da provincia traballando neste momento ao 100% da súa capacidade?
– Tal e como nos tramiten as nosas empresas, atópanse traballando con normalidade, dentro da súa capacidade, quere isto dicir que terían aínda marxe de crecemento en canto a capacidade produtiva, se o mercado o requirise, e se dispuxeran dos medios adecuados, especialmente no ámbito do persoal.

Se dispuxeran dos medios adecuados, especialmente no ámbito do persoal, as empresas da provincia de Lugo terían aínda marxe de crecemento en canto a capacidade produtiva

– Cales son as principais dificultades coas que se atopa o sector para traballar: man de obra, incremento de custos, tamaño das parcelas, etc?
– O sector acusa distintas dificultades, algunhas xa de anos atrás, como pode ser a superficie de parcela, que lastra a competitividade de calquera empresa, e si a iso lle engadimos o incremento de custos que estamos a sufrir dende anos atrás, especialmente dende o ano 2022, co incremento dos custos dos combustibles derivado da Guerra de Ucraína, pois fai moi difícil ser competitivo nun mercado cada vez más global.

Ademais, o sector ten unha eiva que lastra o seu crecemento, que é a falta de relevo nas empresas e a falta de persoal. A día de hoxe, é moi difícil incorporar traballadores ás nosas empresas, e moitas veces iso implica que as empresas sexan menos competitivas, e mermen a súa capacidade de crecemento, reducindo á súa vez os investimentos.

Nos vindeiros días incorporaranse de novo traballadores procedentes de Perú ás empresas forestais da provincia de Lugo

En Lugomadera, impulsamos nos anos 2003-2007 a contratación de traballadores estranxeiros, especialmente de Romanía e Perú, e de novo agora estamos a incorporar traballadores de Perú ás nosas empresas, as través dun convenio de colaboración coa entidade Talento Internacional. Nos vindeiros días xa se incorporarán os primeiros traballadores.

“Moitas empresas están evitando comprar madeira nos concellos que aplican taxas por sacala dos montes”

Nuria Rodríguez, xerente da asociación LugoMadera

Nuria, impartindo unha ponencia sobre certificación forestal nun seminario en Portugal

– Algúns concellos da provincia, como Meira, Ribeira de Piquín, A Pontenova ou A Pastoriza están comezando a aplicar este ano taxas para as sacas de madeira. Que opinas ao respecto?
– Dende Lugomadera, e dende o sector ó que representamos, consideramos que esta regulación vén xerar unhas cargas económicas e burocráticas ó noso sector inxustas e discriminatorias.

Non concibimos que os nosos vehículos, con igual dimensión e peso que outros que circulan polas mesmas vías, teñas que aboar un imposto máis, gravando a actividade forestal, que como estamos a ver, acaba trasladándose ó recurso, presionando ó pequeno propietario forestal, que ve mermado o prezo da súa madeira e, polo tanto, fomentando o abandono das mesmas, e por conseguinte do noso rural. A realidade é que a día de hoxe, moitas empresas evitan comprar madeira nos concellos con aplicación de taxas.

Non concibimos que os nosos vehículos, con igual dimensión e peso que outros que circulan polas mesmas vías, teñas que aboar un imposto discriminatorio

De todas maneiras, Lugomadera como entidade representativa ofrece solucións dixitais ós concellos e esta aberta a estudar calquera vía para regular a actividade forestal nos concellos, impulsando a mesma, e non freando o seu desenvolvemeto e competitividade.

– Cantas empresas forman parte na actualidade da Asociación? Que cifra de volume de negocio sumarían e cantos postos de traballo crean?
– Lugomadera componse de máis de 270 empresas, do todos os ámbitos da cadea forestal-madeira, dende empresas de servizos forestais, rematantes, serradoiros, xestión da biomasa, fábricas de taboleiro e fábricas de celulosa.

Os datos máis relevantes do noso sector son que na provincia de Lugo supoñemos 2.700  postos de traballo directos, e se contamos os indirectos, poderiamos chegar preto dos 10.000 empregos. Por outra banda, hai que destacar que a nosa actividade é en moitos concellos a primeira actividade industrial que se desenvolve nese territorio e nunha alta porcentaxe estamos nos tres primeiros postos.

– O proxecto de Altri, que está polo de agora na fase de autorización administrativa, xera grande controversia a nivel social. Cal é a postura de Lugomadera?
– Lugomadera está a favor do peche de ciclos transformadores e industriais en Galicia, e que neste caso en concreto nos vai permitir maximizar ó máximo o valor dos nosos recursos forestais. Polo tanto, Lugomadera, apoia o proxecto de creación desta fábrica, que cumpre cos parámetros de bioeconomía forestal, imprescindible para acadar un desenvolvemento sostible.

Apoiamos o proxecto da planta de Altri en Palas de Rei, que cumpre cos parámetros de bioeconomía forestal

– No caso de que a planta se instale finalmente en Palas de Rei, considerades que habería suficiente materia prima nos montes galegos para abastecela sen desatender outros mercados actuais, tendo en conta o incremento de demanda que se produciría?
– Os datos que coñecemos son os que aporta o Inventario Forestal Continuo de Galicia, e nos aporta unha información de ocupación de superficie por especie, e agora se está analizando o estado das masas, en canto a turno de corta e produtividade.

Finalizada esta análise, cos datos resultantes poderáse evaluar e iniciar un proceso de mellora da produción dos recursos forestais, dado que somos conscientes de que existe superficie forestal ampla con plantacións en estado de abandono ou infrautilizados.

Temos que afondar nas oportunidades do monte galego, e no crecemento das empresas do sector forestal-madeira, desde un punto de vista de diversidade

– Neste ano 2025 finaliza a actual moratoria ás plantacións de eucalipto. Deberían manterse as restricións ou ser eliminadas?
– Dende Lugomadera, creemos que o monte galego é unha riqueza para todos, tanto industria, empresas do sector, propietarios, grandes e pequenos, e tamén a sociedade en xeral. Polo tanto, solicitamos a xestión eficiente deste medio, desde os tres parámetros que exixe a Certificación da Xestión Forestal, que sexa economicamente viable, socialmente beneficiosa e medioambientalmente sostible. Polo tanto, temos que afondar nas oportunidades do monte galego, e potenciar o mesmo, para manter a senda de crecemento das pemes do sector forestal-madeira, e xerando emprego e economía no rural, freando o despoboamento, e todo iso dende un punto de vista de diversidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información