“O 2020 é o máis complicado que recordo para controlar o mildio na viña”

Falamos con tres expertos en viticultura, Rosa Pérez, Diego García e Paco Rego, que nos explican por qué este ano está a ser tan difícil controlar o mildeu na viña

Publicidade
“O 2020 é o máis complicado que recordo para controlar o mildio na viña”

Folla moi ocupada polo mildio. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areero

O mildiu é un dos fungos que máis afecta aos viñedos en Galicia, e especialmente este ano, onde está a supor un quebradeiro de cabeza para moitos viticultores, sobre todo nas denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeiro.

E é que dende o mes de abril cumpriuse a chamada regra dos tres 10 para o desenvolvemento deste fungo que ataca as follas pero tamén os acios das vides: o patóxeno aparece cando os gromos das videiras acadan os 10 ou máis centímetros; cando se rexistraron precipitacións maiores de 10 litros por metro cadrado durante 1 ou 2 días e cando hai unha temperatura media superior aos 10 graos. Unha regra que este ano se cumpriu dende moi cedo e de forma reiterada, dando lugar a un ciclo continúo de infeccións solapadas.

Falamos con tres expertos en viticultura que nos contan a súa experiencia este ano na loita para conservar a saúde da viña fronte aos ataques do mildio.

Rosa Pérez Otero (Estación Fitopatolóxica Areeiro): “Hai que insistir en que as doses e os tratamentos fitosanitarios se fagan ben”

A doutora Rosa Pérez Otero, responsable dos avisos fitosanitarios da Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, recoñece que “este ano hai e houbo moitísimo mildio no viñedo”.

As razóns foron as condicións climáticas especialmente favorables para o desenvolvemento do mildiu, un fungo que chegou a Galicia procedente de Norteamérica a mediados do século XIX. “Primeiro, tivemos un inverno moi chuvioso e con pouco frío, e iso teóricamente xa favorece a maduración das esporas de mildiu. Despois, durante a primavera alternaron períodos de choiva con períodos de sol, e ademais as temperaturas nocturnas foron e son moi altas, con noites nas que chegamos a 20 graos en zonas da provincia de Pontevedra. Todo iso,unido á humidade, son condicións moi favorables para o desenvolvemento da esporulación do mildiu ”, detalla a responsable da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Ademáis, Rosa Otero apunta a outro factor que tamén agravou esta situación crítica: “Moitos viticultores a tempo parcial non puideron tratar as viñas a tempo nos meses de abril e maio debido ás restriccións de mobilidade polo estado de alarma a raíz do coronavirus”.

Os ciclos contínuos de ataques de mildiu -unha vez que coloniza as follas ou os acios da viña, o fungo libera as súas esporas ao aire que inician un novo ciclo se as condicións climáticas son favorables- fixeron tamén que a protección dos tratamentos fose máis curta. “Algúns colaboradores informáronnos de propietarios que tiveron que facer tratamentos cada 5 días recorrendo de forma xeneralizada aos antifúnxicos sistémicos, para aumentar o período de protección, aínda que é certo que estes produtos son os que máis resistencias nos fungos poden xerar”, asegura Rosa Pérez Otero.

Outro aspecto no que incide a técnica é na importancia de aplicar tratamentos de calidade para mellorar a súa efectividade. “Como principais aspectos a corrixir están evitar aplicar os tratamentos con vento; coas viñas demasiado frondosas, xa que o produto non penetra ben; e sen ter controlada a herba do solo. Tamén non sempre se respetan as doses recomendadas, sobre todo en anos de especial incidencia da enfermidade, aínda que niso tampouco axuda que agora en moitos fitosanitarios as doses veñen referidas a hectárea, non a hectolitro como se facía antes”, recoñece a experta.

Neste momento, xa a comezos de xullo, a situación empeza por fin a mellorar nos viñedos da provincia de Pontevedra: “Nas visitas que realizamos esta semana ás viñas vimos que a expansión do mildio está máis contida, aínda que nas videiras testemuña que non levaron ningún tratamento seguen aparecendo manchas de mildio, e iso significa que seguen a darse condicións favorables”, advirte.

Diego García (Adega Paco & Lola): “Hai mermas pero non creo que sexa o ano con máis perdas de uva polo mildio”

Diego García é director de viticultura da Adega Paco & Lola, unha das de referencia na Denominación de Orixe Rías Baixas.

Recoñece que o 2020 está a ser “un ano moi complicado, porque ao longo de toda a campaña as condicións meteorolóxicas favoreceran que se estivesen iniciando distintos ciclos de mildio de forma solapada, o que nos obrigou a tratar con máis frecuencia”. E tamén dende máis cedo debido ao adianto no ciclo vexetativo que se rexistra este ano: “A finais de marzo xa detectamos as primeiras manchas de mildiu e empezamos a aplicar os primeiros tratamentos o 10 de abril, cando o ano pasado comezamos a tratar a primeira semana de maio, e nun ano normal sería cara finais de abril”, explica Diego García.

A situación actual, unha vez que o acio da uva comeza a pechar e a acumular zume é menos problemática para a incidencia do fungo nas uvas, aínda que hai que seguir vixilantes ante o mildio larvado.

O que si lle chamou a atención ao director de viticultura da Adega Paco & Lola é que “este ano, ademais de afectar ás follas e aos acios das vides, tamén afectou de forma xeneralizada aos pámpanos, algo que nunca vira nos anos que levo traballando, e que indica a elevadísima esporulación do mildiu que houbo no ambiente”.

En canto ás perdas que puideron ocasionar estes ataques sucesivos do patóxeno, Diego García, considera que “aínda que foi unha afección moi dilatada no tempo, e polo tanto máis difícil de controlar, non creo que sexa dos anos de máis perdas por mildiu, como cando ten habido ataques máis agresivos na fase de floración”.

Francisco Rego (técnico xubilado da EVEGA): “A clave é ter maquinaria para dar os tratamentos á viña en pouco tempo”

Francisco Rego Martínez, investigador e técnico xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), recoñece que na súa longa experiencia “este ano posiblemente sexa un dos peores de mildiu”. “Aquí no Ribeiro as viñas estaban adiantadas e houbo un ataque moi longo e persistente debido a que tivemos un clima demasiado oceánico, de forma que tratabas pero aos poucos días xa había outra esporulación e tiñas que volver aplicar fitosaniario”, recoñece.

A inusual climatoloxía obrigou a aplicar tratamentos cada poucos intervalos de forma que, segundo Francisco Rego, “a clave estivo en ter maquinaria axeitada e suficiente para, cando escampaba, tratar as viñas en poucas horas”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información