O 2017 preséntase como un ano “excelente” para produción de mazá

Un inverno con horas de frío e as boas condicións na primavera para a floración e o callado fan que este ano se presente con moi boas perspectivas para acadar unha gran colleita de mazá, tanto de sidra como de mesa.

Publicidade
O 2017 preséntase como un ano “excelente” para produción de mazá

Mazá da variedade galega Rabiosa de Callobre

O 2017 ten de momento boas condicións para acadar unha moi boa colleita de mazá, tanto de sidra como de mesa. O feito de coincidir con ano impar, o frío do inverno, e as boas condicións da primavera para a floración e o callado do froito, fan prever unha das mellores colleitas dos últimos anos en Galicia.

Francisco Otero, presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), destaca que “este ano acadamos algo máis de 1.000 horas de frío, superando as 800 horas que precisa a maceira”. “Ademais, -engade- é ano impar e foi moi boa a primavera en canto á floración, polo que a previsión é que sexa un dos mellores anos de mazá en Galicia”.

Coidados: realizar aclareo e tratamentos contra o verme da mazá e o pulgón

En canto aos coidados das maceiras, o presidente de Afrugal recomenda en primeiro lugar realizar un aclareo dos froitos. “Sería aconsellable facer un aclareo para que o próximo ano a produción non baixe tanto e ter unha regularidade. Recoméndase retirar unha parte das mazás ata 45 días despois da floración, cando teñan o tamaño dun guisante”, explica.

Por outra parte, e unha vez que rematou a caída de pétalos, Francisco Otero recomenda tamén aplicar un tratamento insecticida contra o pulgón e o verme da mazá, así como un funxicida.

“O pulgón cincento e o verde xa están funcionando e hai oito días que temos a primeira xeración de Cydia Pomonella ou verme da mazá, polo que eliminaríamos estes dous patóxenos prexudiciais para a mazá. E co funxicida protexeríamos do moteado e do oídio”, explica.

En canto ás materias activas, o presidente de Afrugal recomenda para maceiras en ecolóxico aplicar aceite de neem como insecticida e polifulfuro de calcio ao 2% como funxicida, e en convencional clorpirifos ou metil clorpirifos, como insecticida, e tebuconazol como funxicida.

“Se todo vai ben, vai ser un ano de moitos quilos de mazá en Galicia”, conclúe.

Miguel Soto (Ullama) : “Hai que instalar sistemas de regadío porque os veráns están vindo moi secos”

Miguel Soto, técnico da cooperativa Ullama, que agrupa a produtores da estrada que reúnen máis de 100 hectáreas de maceiras de sidra en ecolóxico, salientan tamén que “en principio preséntanse un bo ano de mazá e a previsión é que pasemos de 1 millón de quilos”.

Ademais dos tratamentos anteriores, Miguel Soto recomenda manter ben cortada a herba nas pomareiras, e dispor de infraestruturas de regadío.

“Levamos dous anos seguidos nos que en xullo e agosto non choveu nada, co que nos reduce bastante a produción. Sobre todo nos primeiros 5 anos, as maceiras precisan que as reguen para non murchar, e por iso recomendo que as novas plantacións teñan instalado regadío por goteo e conten cun pozo cerca”, explica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información