O 18 % das gandeirías excedeu a cota a dous meses do fin da campaña

A situación máis preocupante rexístrana unhas 440 explotacións, 290 galegas, que a finais de xaneiro acumulaban entregas que xa duplicaban o seu cupo

O 18 % das gandeirías excedeu a cota a dous meses do fin da campaña

Os datos definitivos de sobrepasamento coñeceranse esta primavera, tras o fin da campaña.

As explotacións de leite encararon a campaña 2014-2015, a última co sistema de cota láctea, coa intención de prepararse para o futuro sen cotas que comeza o 1 de abril, no que cada gandeiría poderá producir en teoría a cantidade de leite que queira. Pero o sector fixo os deberes antes de tempo e moitas gandeirías comezaron a entregar leite por riba das entregas mensuais que lles correspondían. Esa situación levou a boa parte das explotacións a chegar ós últimos meses da campaña, que remata o 31 de marzo, co paso cambiado, esforzándose por reducir a produción. Un 18% dos produtores galegos xa sobrepasaba o seu cupo a finais de xaneiro, segundo os datos publicados onte polo Ministerio.

O mes de xaneiro foi o primeiro mes da campaña no que as entregas de leite baixaron lixeiramente en relación co mesmo mes da pasada campaña. O exercicio comezou na primavera pasada cunha produción mensual case un 8% superior á do 2013/2014, un sobrepasamento que se foi moderando nos últimos meses ante as advertencias da Administración dunha posible supertaxa, a multa por sobrepasar a cota asignada. En xaneiro do 2015, as entregas foron xa prácticamente as mesmas que na pasada campaña, segundo os datos que vén de publicar onte o Ministerio.

Con todo, o sobrepasamento acumulado para España en xaneiro, a dous meses do remate da campaña o 31 de marzo, supera as 50.000 toneladas.

Situación galega
En Galicia, arredor dun 18% dos gandeiros xa consumira toda a súa cota a finais de xaneiro e desde entón está entregando leite por riba do seu cupo. Son arredor de 1.900 produtores, dun total en Galicia de algo máis de 10.000. A situación máis complicada enfróntana unhas 290 explotacións galegas que a finais de xaneiro acumulaban entregas que como mínimo xa duplicaban a cota que tiñan asignada. No resto do Estado hai tamén outras 150 gandeirías na mesma situación.

Desde o Ministerio, estimábase nas últimas semanas que os pequenos sobrepasamentos da cota, inferiores ó 10% do cupo asignado, poderían evitar o pago dunha posible supertaxa ou, de ter que afrontalo, trataríase dunha sanción mínima. Ese é un escenario no que en Galicia se atopan outras 1.900 explotacións que a finais do mes de xaneiro acumulaban entregas que se situaban entre o 90 e o 99% da súa cota, o que as sitúa no fin de campaña, a 31 de marzo, cunha previsión de pequenos sobrepasamentos do cupo.

Para as explotacións que xa rebasaron o seu cupo a finais de xaneiro, a situación é máis preocupante.

Prezos
O prezo medio do leite en orixe, nos pagos ó gandeiro, baixou unha media de 4 céntimos desde o inicio da campaña en abril do 2014. Se entón estaba en 36,9 céntimos de media, en xaneiro deste ano quedouse en 32,8, cunha caída de 1,6 céntimos en relación a decembro.

A reducción do prezo foi máis acusada en Galicia. Se en abril do 2014, o prezo era de 36,1 céntimos –moi próximo á media estatal e mesmo por riba do prezo nalgunha outra comunidade-, en xaneiro situouse nos 30,5 céntimos, no furgón de cola dos prezos pagados no Estado. O comportamento das cotizacións parece apuntar a que nos intres fortes de mercado o prezo galego achégase ó do resto do Estado, en tanto nos intres de certa crise das cotizacións aumenta o diferencial, como se as industrias penalizasen a ‘sobreoferta’ de Galicia.

Informe mensual de tasa láctea do Ministerio de Agricultura

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información