Paula Rodríguez Alonso é dietista-nutricionista da Fundación Española da Nutrición (Fen), unha institución que se marca como obxectivo “o estudio e a mellora da nutrición dos españois”. Esta experta destaca que o leite “é un alimento básico desde o punto de vista nutricional e dentro dunha dieta variada e equilibrada”.
Acabamos de celebrar o Día Mundial do Leite. Como experta en nutrición, ¿Por que é importante o consumo de leite para o ser humano?
O consumo de leite é importante por varias razóns pois se trata dun alimento básico desde o punto de vista nutricional e dentro dunha dieta variada e equilibrada. É fonte de proteínas de elevado valor biolóxico, é a principal fonte dietética de calcio, ademais de ter alta biodispoñibilidade grazas a outros compoñentes do leite, como a vitamina D, as proteínas e o fósforo.
É un alimento que se atopa presente na gran maioría dos fogares españois.
Cales serían as doses de leite ou de produtos lácteos recomendados segundo a idade?
A recomendacións de lácteos para adultos é de 2 racións ao día, sempre priorizando as preparacións baixas en graxas e sen azucres engadidos. Para nenos é de 3 racións ao día, e para adolescentes de 4 racións por día.
Entendendo como ración a uns 200-250 ml de leite (1 vaso), 125-250 g de iogur, 40-60 gramos de queixo curado/semicurado (1-2 liscos de queixo) e 80-125 g de queixo fresco (racións para adultos).
Nos últimos anos descendeu o consumo de leite na infancia e a adolescencia, substituíndoo por bebidas vexetais ou outros alimentos Estes cambios poden entrañar riscos para a saúde?
É certo que houbo un lixeiro descenso no consumo de leites, e aumentou o consumo de leites especiais e de bebidas vexetais, pero hai que apuntar que este tipo de bebidas non se consideran leites.
Á pregunta de se estes cambios nos patróns de alimentación poden producir algún tipo de risco para a saúde a resposta é que non, no caso de que se consuman outros produtos lácteos como queixos ou iogures ou no caso de consumir alimentos que conteñan os nutrientes principais dos lácteos, como é o calcio.
Pero no caso de que a persoa sexa intolerante/alérxica ou vexetariana deberase optar polo consumo doutro tipo de alimentos ricos en calcio.
E para unha persoa adulta, ¿Cales son as doses que recomendan os expertos?
2 racións ao día de lácteos, preferiblemente sen azucres engadidos. E en canto á recomendación de desnatados ou enteiros, é a gusto do consumidor, segundo as súas preferencias, pero no caso de que haxa algunha prescrición médica en canto a dietas hipocalóricas si que se recomenda o consumo de leites desnatados.
En países como Estados Unidos están aumentado o consumo de manteiga fronte ao das graxas vexetais hidronexadas. ¿Cal é a súa opinión como experta: realmente a graxa do leite non é tan prexudicial para a saúde como se nos dicía?
Este aumento do consumo de manteiga débese principalmente ao contido en ácidos graxos trans que conteñen as margarinas, pero actualmente a industria está a traballar para mellorar o perfil lipídico das margarinas substituíndo os trans por outros tipos de graxas.
E estudos recentes demostran que a graxa do leite a pesar de que se considerou non beneficiosa para a saúde polo contido en ácidos graxos saturados, non só non é prexudicial para a saúde cardiovascular e outras enfermidades crónicas, senón que numerosos estudos suxiren que podería ter efecto protector a través dalgúns ácidos graxos saturados presentes na graxa láctea.
Leite pasteurizada, UHT, crúa…. ¿Cal recomendaría?
En canto á forma de presentar o leite por diferentes tratamentos térmicos, é indiferente a condición de que se atope nunhas condicións hixiénico-sanitarias óptimas e seguras.
“A poboación debería estar mellor informada sobre os lácteos”
Por último, como experta en nutrición, ¿Ve base científica nas campañas contra o consumo de leite por parte dalgúns colectivos?
Como dietista-nutricionista, creo que a poboación debería estar mellor informada sobre os lácteos e sobre as patoloxías asociadas, para poder ser críticos e decidir sobre o consumo ou a compra de determinados produtos.