A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) vén de anunciar o comezo de dous novos cursos sobre oportunidades de negocio e certificacións de calidade, que se enmarcan na programación 2022 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social, que conta con financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.
O vindeiro mércores, 24 de novembro, comeza o obradoiro “Emprendemento cooperativo no medio rural: oportunidades de negocio”, que é en liña e de balde para tódalas persoas interesadas. Desenvolverase en 5 xornadas (en novembro, os días 24, 26 e 29; en decembro, o día 1 e o 3, sempre de 10:00 a 13:00 h.): importancia social e económica do emprendemento, oportunidades de negocio, elaboración do plan emprendedor, fórmula cooperativa e axudas públicas e xeración de ideas.
Por outra banda, o 1 de decembro comeza un taller de teleformación titulado “A economía social e a modernización do sector agroalimentario: certificacións de calidade e ambientais” que termina o 14 de xaneiro. Realizarase nunha plataforma en liña de formación e o alumnado pode acceder aos contidos en calquera momento ata completar as tres unidades temáticas: Cooperativismo no sector primario, Certificacións de calidade (ISO, GLOBALG.A. P., BRC/IFS e vacún de leite) e Certificacións de calidade ambientais (ISO, análise de ciclo de vida e pegadas de carbono e hídrica). A duración estimada pola AGACA é de 70 horas.
As persoas interesadas en calquera dos dous cursos poden matricularse en www.agaca.coop ou pedir información no 981 58 47 83.