Nos últimos anos son cada vez máis as familias que poñen marcha ganderías de porco celta. Pola súa rusticidade, por apoiar a conservación da especie, por recuperar terras en desuso…son moitos e moi variados os motivos que levan á posta en marcha de proxectos gandeiros vencellados con esta raza autóctona galega. Falamos con algunhas das persoas á fronte deses proxectos que naceron da man da Asociación de Criadores de Porco Celta (ASOPORCEL) 
MARÍA ÁLVAREZ. GANDEIRA DE OUTEIRO DE REI
Aínda que naceu e se criou en Barcelona, María Álvarez sempre tivo claro que quería vivir no campo. Ela e a súa parella compaxinan a xerencia dunha empresa de informática coa cría de porcos celtas no lugar de Cela, en Outeiro de Rei. O día de mañá, contemplan profesionalizarse e dedicarse só á gandería, aínda que saben que non será un camiño doado. Polo de agora manexan un rabaño de 34 exemplares, cun semental e cinco femias reprodutoras que están todo o día pacendo nas leiras.
Asesorados por ASOPORCEL, decidiron dar o paso e aproveitar terreos que xa tiñan en propiedade para a cría desta especie autóctona galega. Dende o primeiro momento apostaron por recuperar a raza do porco celta empregando os métodos de cría tradicionais. “O noso compromiso coa raza vai máis aló de manter a crianza. Temos que ser o máis fieis posible co que foi o hábitat do animal ao longo do tempo.”, explica María.

María e a súa parella apostan polos métodos de cría tradicionais
“O porco celta tende a desenvolver moita graxa. Se non os críamos pacendo ao aire libre, engraxan de máis e a carne perde calidade. Preferimos animais con menos peso e con liña alongada que esoutros que parecen redondos de tanto que engordan por non se mover.” Ademais, nas leiras teñen habilitados espazos nos que escorre a auga para que os cochos se poidan remexer na lama.
Dende o primeiro momento tivemos claro o compromiso coa raza do porco celta e con manter os métodos tradicionais para crialos. (María Álvarez)
A presenza dos porcos apenas se percibe no lugar, Nin fan ruídos, nin xeran malos olores. Aínda así, a cabana non pasa desapercibida para a fauna salvaxe e hai que tomar medidas. “Temos dous mastíns españois, investimos en ter un peche perimetral en case todas as parcelas e empregamos pastor eléctrico. Porque hai o risco de ataques de lobo e de que o xabaril empreñe algunha das femias.”
Polo de agora a única liña de negocio é a venda a particulares da zona. Dar o paso a elaborar produtos cárnicos ou comprometerse con negocios de distribución é a día de hoxe inviable. “Non desbotamos ampliar a cabana e a superficie. Ou incluso diversificar a comercialización. Pero son cousas que hai que pensar moi ben e estar dispostos a sacalas adiante.”
Procuran concentrar unha parte da produción para a época da matanza pero tamén manter un fluxo constante de leitóns durante todo o ano. “Nós vemos a explotación como unha empresa, e as empresas teñen que dar beneficios. A gandería non é un pasatempo, é unha actividade profesional e hai que actuar conforme a esa visión.”
Outra das vantaxes de estar en ASOPORCEL ven polo feito de que se crea unha rede de comunicación entre os produtores e os técnicos. Dese xeito, intercambian experiencias e coñecementos e poñen en común os problemas do día a día para buscar solucións.
MARIO VARELA. CRÍA OS SEUS PORCOS EN SANTISO
Mario Varela ten a súa explotación na parroquia de Beigondo, no concello de Santiso. Se ben o principal motivo para incorporar porcos celtas foi a vontade de recuperar leiras que estaban a piques de ser abandonadas, o que o levou a dar o paso definitivo foi ver un programa da TVG no que se explicaba o labor que desenvolve ASOPORCEL.
Aínda que o seu labor profesional non é a gandería, sempre tiveron vacas na casa. Agora decidiu probar cun tipo de gando moi diferente. A súa explotación ten unha liña moi clara: non fan reprodución e apostan exclusivamente pola ceba de exemplares para sacrificio. “Mercámolos de leitóns a outro socio de ASOPORCEL, xa levo anos con el porque os resultados son moi bons. Estamos mandando os animais para matadoiro con entre 130 e 140 quilos de peso. Ao ano sacamos arredor de 25 exemplares.”, explica. Os animais envíanse ao matadoiro de Taboada, que os vai recoller logo duns once meses na explotación.

A recuperación de leiras foi o que motivou a Mario
“Aproveitamos que nas leiras temos castiñeiros e carballos porque son animais moi rústicos que agradecen as landras e as castañas. Ademais de comer case todo o que da a terra.” Mario conta con dúas hectáreas de terreo nas que os porcos pacen ao aire libre todo o ano. A alimentación complétase cunha aportación de cereais para acabalos de cebar do mellor xeito e con remolachas que cultiva o propio gandeiro.
A axuda de ASOPORCEL é clave para as persoas que non tiñamos experiencia no manexo deste tipo de gando. (Mario Varela)
Este criador de Santiso lamenta as trabas burocráticas que se lle poñen para poder ampliar a cabana. “Hai que manter distancia coas vivendas, cos acuíferos…e logo que con máis de 25 animais xa esixen como se foramos unha granxa industrial. O que facemos é totalmente extensivo e deberan dar máis facilidades para que desenvolvamos a nosa actividade. Quen pasa por aquí só sabe que hai porcos se os ve, polo demais non se nota que están. De feito, os veciños animáronme a metelos.”, sinala.
A fauna salvaxe non supón de momento un problema serio para esta gandería. O lobo non aparece moito pola zona de Santiso e o xabaril non entrou de momento nas leiras. Con todo, Mario coloca peches e pastores eléctricos tanto nas leiras do porco celta como nas das vacas. Porque nunca se pode baixar a garda, afirma.
ASOPORCEL foi clave na posta en marcha da explotación. “Sobre todo para a xente que non tiñamos experiencia no manexo desta raza. Dende o primeiro día viñeron analizar o que se podía facer, o que había que corrixir e como aproveitar mellor o terreo e os animais. E son clave para desenvolver os programas sanitarios. Os técnicos veñen con moita frecuencia e eso é de agradecer.”
ANTONIO MOREIRA. UNHA CABANA DE 160 ANIMAIS EN CORISTANCO
A de Antonio Moreira é unha das explotacións máis profesionalizadas que hai en Galicia. Situada no lugar de Arixón -no municipio de Coristanco-, a cabana consta a día de hoxe de 160 animais, dos que 7 son femias reprodutoras e 2 son sementais. A raíz de ter esa parella de sementais, traballa con dous lotes. Antonio tiña experiencia previa como gandeiro coa cría de vacas xa que durante anos rexentou unha carnicería. Esa experiencia sérvelle para valorar e cualificar a carne a simple vista.
“Procuramos ter dous partos por animal e ano. Para eso facemos un traballo de selección xenética, de manexo e alimentación. Para nós é importante ter un fluxo máis ou menos constante de produción todo o ano. Eso non se conseguiría se agruparamos partos para concentrar a produción nas épocas de picos de consumo.”, explica. O gandeiro percibe un aumento da demanda de leitóns nos últimos meses. El estaos sacando con entre 25 e 30 quilos de peso, pero tendo sempre presente que o prezo e o transporte compensen a venda. “Prefiro mantelos máis semanas e que o animal vaia máis feito e o cliente teña máis garantía.”

Atender os porcos cando están fora é parte do traballo de Antonio
Para as instalacións, Antonio aproveitou os peches que xa tiña de cando criaba vacas. A maiores, engadiulle unha parte con formigón e bloque. E está pendente de completar unha pequena parte do terreo que está aberta. “Eu estou sempre atento cando os porcos están fora. E téñolles mastíns que vixían que non entren o lobo e o xabaril. Ademais hai un burro, que é un animal que da moito aviso cando ve algo raro. Hai que ter moito coidado coa fauna salvaxe para que non morran animais ou para que o xabaril non empreñe as porcas.”
O manexo do porco celta require de moita dedicación se queres que os proxectos saian adiante. Pero é un traballo moi satisfactorio. (Antonio Moreira)
A elección do porco celta veu motivada pola súa saída comercial. “Eu tiven vacas e ovellas, pero na carnicería sempre observei que o porco ten moita máis saída. Sempre hai demanda. E con estes animais podo facer un manexo máis adaptado ao terreo do que dispoño e sacar un produto de moita calidade.”, aclara. Un manexo, sinala, non exento de dedicación, “todo tipo de gandería precisa de horas de traballo e de observación. Se un se embarca neste tipo de proxectos, hai que tomalos moi en serio. Pero tamén é moi satisfactorio.”
Os técnicos de ASOPORCEL levan a parte veterinaria e tamén os problemas e cuestións agronómicas que xorden no día a día. “Sempre que aparece algún contratempo só hai que chamar por teléfono e os técnicos desprázanse ata aquí para buscar a mellor solución posible. Dende que empecei, traballo con eles e os resultados amosan que foi a decisión máis conveniente para a granxa.”
A maiores de vender os animais, Antonio ofrece un servizo de transporte homologado para trasladar os porcos ata o matadoiro e entregalos xa despezados. E a súa reputación de cando era carniceiro axuda a abrir mercado. Os porcos dispoñen nas leiras dunha abondosa vexetación, mesmo de árbores, que lles aporta unha dieta moi variada. Cando o que produce a terra non é suficiente, achégalles cebada ou outro cereal dispoñible. “É fundamental que nunca lles falte de comer e tamén que teñan auga e lugares para refrescarse. O seu benestar é fundamental para que a carne saia ben.”
ANDREW AMIGO. UN PROXECTO FAMILIAR EN MAÑÓN
O lugar de Vilariño, no concello de Mañón, é onde Andrew Amigo e a súa nai Consuelo Caruncho crían os porcos celtas. Polo de agora non fan labor comercial e teñen os animais para autoconsumo ou para regalar a familiares e amigos. Pero xa pensan en dar o paso ao mercado máis adíante. É unha das poucas explotacións nas que os porcos poden ver o mar. E nada menos que o da ría do Barqueiro, onde traballan con dúas hectáreas
“Sempre críamos porcos convencionais en cortes na casa. E chegou un momento en que consideramos que o celta sería o máis indicado para as nosas leiras, que están en pendente e teñen moita vexetación e moita auga. Foi unha decisión fácil porque así temos as leiras limpas, os porcos están ceibes e contamos cunha raza autóctona máis rústica e mellor adaptada. Aquí hai moitos días rachas de vento nordés moi fortes e días moi fríos. Nin sequera as vacas do país aguantan ben. En cambio, o porco celta está encantado.”, di Andrew.

Consuelo, nai de Andrew, completa con verzas a dieta dos porcos
Asesorados por ASOPORCEL, acudiron ao INORDE, en Ourense e fixéronse cun semental para acoplar coas 4 femias que xa tiñan. Actualmente reduciron a 2 as femias reprodutoras. “A xenética é importante para nós e buscamos exemplares de alto nivel. Pero, dada a dureza do porco celta, tamén é moi importante o manexo e a alimentación. Incidimos nos tres parámetros para facelo o mellor posible.”
O asesoramento de ASOPORCEL foi fundamental para definir o modelo de explotación, o manexo e os obxectivos. (Andrew Amigo)
Na zona de Mañón, como noutras de Galicia, o acceso á terra non sempre é doado e Andrew tivo que negociar con moitos veciños para poder xuntar as dúas hectáreas. “Nalgúns casos gañas e noutros perdes, eso é así. O minifundio leva a ter que falar con máis xente da que se pode pensar. A medio prazo temos pensado ampliar a base territorial para a cabana de porcos. Será a maneira de que poidamos comercializar.” Andrew é dos que opina que a produción de porco celta debe estenderse durante todo o ano e non só concentrarse en épocas como o verán, o Nadal e as matanzas.
No caso desta explotación, acudiron a ASOPORCEL xa moito antes de ter os porcos. “O asesoramento profesional é imprescindible e máis nalgo novo para nós como era o porco celta. O primeiro que fixemos foi falar con ASOPORCEL para analizar os terreos e as diferentes posibilidades. Por exemplo, traballamos en coidados especiais para os leitóns durante o primeiro mes de xeito que se reduza o número de baixas. E facemos un manexo orientado a ter dous partos anuais por porca.” Andrew valora tamén a interacción e o intercambio de experiencias con outros socios de ASOPORCEL.
A alimentación é a base da vexetación que hai nas leiras e compleméntase con remolacha, cereal e con alfalfa cando é preciso. “E ás veces dámoslles millo. Porque aínda que se di que o millo engraxa moito a carne, no noso caso non é así porque están nun sitio moi en costa e fan moito exercicio. Sacrifícanse aos 15 meses e pesan arredor de 130 quilos. Nese tempo conseguimos un uso do terreo que é o que desexamos e eles mesmos constrúen as súas zonas de refresco e descanso.”
MANUEL IGLESIAS. COMEZOU ESTE ANO COA SÚA GRANXA EN SAMOS
Foi no mes de marzo cando Manuel Iglesias montou a súa explotación na parroquia de Lousada, en Samos, na que manexan 5,5 hectáreas de terreo. Un dos principais motivos para optar polo porco celta foi a abundancia de castiñeiros nas súas leiras, xa que a castaña é un alimento moi apreciado polo animal e inflúe na conformación da carne. Para comezar, adquiriron un semental e cinco femias, das cales xa pariron dúas.
Dado que os porcos están nunha devesa, foi preciso acometer un forte investimento en pechala. “Como hai un camiño que atravesa a finca, imos dedicar a parte de arriba a zona de parideira e destete e a de abaixo para cebo. O peche ten un perímetro de case dous quilómetros. Eu teño outro traballo así que é preciso garantir que os animais estean nas mellores condicións de alimentación e seguridade cando non os podo atender.”, di Manuel.

O pai de Manuel tamén axuda na cría dos animais
Ademais dos castiñeiros, tamén hai carballos que aportan as landras que rematan o cebo de xeito que os animais cheguen nas mellores condicións á época das matanzas. E o gandeiro ten a intención de aproveitar parte do terreo para facer silos frescos de pasto. A alimentación podería completarse con aportacións de cereal en momentos puntuais. “Cando pasamos as vacas e ecolóxico, comezamos a facer os nosos propios concentrados mercando cereal a unha cooperativa de Zamora. Como teño un muíño mesturador, engádolle soia e resulta un produto que pode ser moi interesante para o porco.” Este sistema de alimentación está pensado para que se poidan sacar animais todo o ano. Dende leitóns ata exemplares xa criados ou, chegado o caso, para vida.”
Hai moitas posibles liñas de negocio co porco celta. O máis importante é saber adecuar esas posibilidades coas características da explotación. (Manuel Iglesias)
Outra idea que baralla Manuel ten que ver cos xamóns. “Pode ser unha opción traballar cos matadoiros e buscar eu a fórmula de curar os xamóns. Porque están moi demandados e valorados. Hai diferentes opcións para comercializar, porque o porco celta ten unha enorme demanda.” No tocante a protección, ademais dos peches perimetrais homologados, utiliza un mastín.
ASOPORCEL leva as pautas sanitarias e tamén axuda, entroutros servizos, na busca de mercados. “No caso dos leitóns foron os técnicos de ASOPORCEL os que me indicaron onde podían ter saída comercial. Porque, mentres non se desenvolve por completo o sistema de alimentación, é importante sacar os leitóns se non hai a capacidade de ter un cebo completo para todos os animais.” Tamén foi importante o asesoramento de ASOPORCEL para non incumprir as restricións ambientais que se derivan do paso do camiño de Santiago pola zona.
De cara ao futuro, pensan en pasar a produción ecolóxica polo menos parte da produción xa que as características da explotación fan que o proceso de transición sexa moi áxil. Por outro lado, mercaron unha casa vella con antigas cortes na planta baixa que pensan destinar a zona de parideira no inverno para que as porcas estean máis recollidas. Outra cousa que teñen clara é a das vantaxes de contar cun ou varios sementais -que se cambiarían cada catro ou cinco anos- para controlar a xenética e non depender das inseminacións dispoñibles.
SERGIO NOYA. APOSTANDO POLO FUTURO EN MAZARICOS
No caso de Sergio, dispoñer de terreo e instalacións foi o que impulsou a cría de porcos celtas. Posuía unhas leiras xa baladas e unhas antigas instalacións para a cría dos porcos que eran dos seus avós. Dado que ten outro negocio, unhas instalacións ben preparadas resultan moi útiles cando non se dispón de todo o tempo desexable para adicarlle á gandería. Hai algo máis dun ano que decidiron comezar co proxecto.
Actualmente contan con dúas femias reprodutoras e un semental e traballan co obxectivo de chegar a seis reprodutoras e dous sementais. Polo de agora poñen a disposición do rabaño algo máis dunha hectárea de terreo e xa teñen intención de mercar leiras lindeiras coa deles para que os porcos teñan a máxima superficie posible.

A Sergio gustaríalle que as súas fillas continuaran coa cría
A alimentación componse basicamente do que produce o terreo onde crían e compleméntase con aportacións que mercan de cereal e de fariña de castaña. A de Mazaricos non é unha zona de moitos castiñeiros ou carballos polo que a terra non ofrece esas posibilidades. Por eso, xa pensan en ampliar e mellorar os cultivos que hai nas leiras, mais tendo sempre en conta a dispoñibilidade de terra e tempo.
Cando se comezan este tipo de proxectos, é imprescindible contar con asesoramento e acompañamento. Eso é algo que nos garante ASOPORCEL. (Sergio Noya)
A comercialización non é ningún problema para Sergio: o seu sogro é propietario dunha empresa de produtos cárnicos e asume toda a produción. “Pode mercar todo o que producimos e máis que houbera. Porque o porco celta sempre ten moita saída; a demanda é continua. Nós non pensamos en elaborar produtos cárnicos porque non temos nin o tempo nin o coñecemento. Pero o meu sogro si que o pode facer sen problema e cun excelente resultado.”
Sergio tamén ten claro o papel decisivo de ASOPORCEL na posta en marcha da explotación. “Se non contactara con eles, sería como tirarse dunha ponte. Nós non tiñamos os coñecementos suficientes e o seu equipo técnico encargouse de que todo estivera ben preparado no momento de comezar. Dende os aspectos veterinarios ata a xestión do terreo ou a selección xenética. É unha vantaxe contar con ASOPORCEL cada vez que xorde un problema do que non temos nocións.”, aclara.
Noya ten claro que a gandería de porco celta pode ser unha opción profesional moi rendible tanto no aspecto económico como no social e no medioambiental. “En parte montei a gandería porque teño dúas fillas e sería un orgullo que se dedicaran a esto se así o deciden. Porque cremos que a gandería non debe estar mal vista, xa que producimos alimentos para a xente. E, no noso caso, con métodos sustentables e respectuosos co medio ambiente. Pero hai que ver a gandería como algo profesional e tomala en serio. E por eso é importante contar con profesionais como os de ASOPORCEL.”

Galego









Control OJD