Ence continúa a súa política de asinar contratos estables cos colectivos de propietarios forestais para asegurarse o abastecemento de madeira ó longo do 2016, unha liña de traballo que a compañía pasteira entende que xenera estabilidade para as dúas partes. Logo dos asinados nos últimos meses con propietarios da Mariña lucense, de Mañón ou do Val de Lourenzá, Ence vén de pechar tamén nos últimos días acordos con Promarriba, asociación de propietarios forestais de Ribadeo, e coa Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga).
Promarriba asinou un acordo para suministrar ata 10.000 toneladas de madeira de eucalipto nos próximos 12 meses, en tanto que no caso de Asefoga o acordo é por 12.000 toneladas no prazo dun ano. Os convenios de colaboración inclúen tamén formación en selvicultura e asesoramento técnico.
As tarifas pactadas entre Ence e as asociacións establecen primas ligadas á evolución do prezo internacional da pasta de papel e tamén se fixaron complementos para o caso de madeira con dobre certificación Pefc e Fsc. Primarase ademais a madeira cortada en couto redondo, é dicir, en fincas de propietarios colindantes, cando se superen as 1.000 toneladas.