A Lonxa de Silleda acadou por segunda semana consecutiva un récord absoluto no prezo dun becerro carniceiro, ao adxudicarse por 2.762 euros un macho de raza Rubia de Aquitania procedente dunha gandería de Lugo. O animal foi mercado por Ganados Lodeiro. Esta marca supera os 2.699 euros acadados a semana pasada por un becerro de Ternera Gallega Suprema.
Continúan por tanto os bos prezos no vacún de carne, se ben as cotizacións medias dos becerros carniceiros baixaron lixeiramente en comparación coa pasada semana. No caso dos machos cruzados, cotizaron de media a 1.523 euros (- 42 euros), en tanto que os rubios fixérono a 1.517 euros (- 150 euros).

Convén ter en conta que tanto na categoría de becerros carniceiros como no resto, os prezos medios de cada sesión están ligados tamén ás características particulares do gando que entra na Lonxa, máis alá das tendencias do mercado.
En vacún maior, na poxa desta semana mantivéronse os valores da anterior sesión, con leves oscilacións duns poucos euros nos prezos medios da categoría extra e da primeira.

Baixada na recría
Na recría, aprécianse na sesión de onte oscilacións moi fortes, con baixadas importantes nos machos frisóns de 21 a 50 días (- 177 euros) e nos cruces do mesmo treito de idade ( – 79 euros). Nas femias cruces de 21 a 50 días houbo tamén unha baixada importante (- 228 euros).

Pódense consultar tódalas cotizacións de gando e das mesas de prezos de porcino e ovos neste pdf.
Galego






Control OJD