Novo récord absoluto no prezo medio do vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia acada un prezo medio de 1.165 euros no vacún maior. Nos becerros de recría e carniceiros a tendencia foi á baixa. As mesas de porcino continúan con subas para tódalas seccións e o mercado do ovo marca novos incrementos

Novo récord absoluto no prezo medio do vacún maior en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistrou na sesión desta mañá o seu récord histórico no prezo medio da categoría de vacún maior, ó acadar os 1.165,86 euros. Ata hoxe, o máximo estaba nos 1.071,18 euros que se conseguirán o 30 de abril de 2019. Como apuntan dende a Central, este récord estivo motivado pola gran calidade da maioría dos exemplares que concorreron nesta xornada.

De feito, a categoría extra experimentou unha suba de 304 euros, ata situarse nun prezo medio de 1.908 euros. Tamén houbo incrementos nas vacas de segunda, que tras un aumento de 14 euros, acadan os 726 euros. Mentres, as vacas de primeira experimentaron unha baixada de 11 euros, ata situarse en 1.114 euros. Nas vacas de desfeito, houbo unha redución de 3 euros e cotízanse a 464 euros. Pola súa banda, os animais co selo Vaca e Boi de Galicia, de Ternera Gallega, acadaron un prezo medio de 1.326 euros, fronte ós 952 euros que marcaran a semana pasada.

Nos becerros, este martes a tendencia foi á baixa, tanto na recría coma nos tenreiros carniceiros. No caso dos exemplares de raza frisoa para reposición houbo unha baixada xeral das cotizacións. Os animais de menos de 20 días descontaron 11 euros para quedar en 73 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección máis numerosa da Central, o prezo reduciuse 8 euros, ata os 96 euros. Nos xatos de máis de 50 días a redución foi de 29 euros, de xeito que quedan nos 105 euros.

Na recría de cruces industriais, os animais máis novos, de menos de 20 días, tamén acusaron unha baixada (16 euros para os machos e 24 para as femias), así é que agora os tenreiros cotízanse a 178 euros e as xatas a 130 euros. Porén, no resto de categorías produciuse un incremento dos prezos. Nos exemplares de entre 20 e 50 días, o aumento foi de 8 euros para os machos, polo que acadan os 262 euros. Nas femias desta sección, o prezo medio situouse en 193 euros, logo dunha suba de 17 euros. Os becerros de máis de 50 días acadaron os 382 euros ó sumar 36 euros. As femias desta sección acusaron unha baixada de 6 euros e quedan en 311 euros.

Nos tenreiros carniceiros tamén se apreciaron importantes descontos con respecto da semana pasada. Os animais de cruces industriais pasaron a cotizarse a 779 euros, logo de descontar 35 euros. Nas femias a baixada foi máis importante (61 euros) e quedan cun prezo medio de 712 euros. Os becerros frisóns reduciron o seu valor en 90 euros, de xeito que agora marcan 528 euros. A única excepción produciuse nos machos de Rubia Galega, que pasan a cotizarse a 881 euros, despois dunha suba de 17 euros. As tenreiras desta raza non tiveron a mesma sorte, e o seu prezo caeu ata os 732 ó descontar 60 euros. Tamén mellorou o prezo dos exemplares co selo Ternera Gallega Suprema, que acadan os 852 euros, 10 máis que o cotizado na feira pasada.

Central-Agropecuaria-VAcuno-16_03_2021-

Continúan as subas no porcino e os ovos

O porco cebado e os leitóns experimentaron esta semana novas subas en tódalas seccións. En concreto, o porco selecto e o normal incrementaron o seu valor en 0,06 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,405 e 1,380 euros o quilo, respectivamente. Nos exemplares de Canal II a suba foi de 0,078 euros, e acadan así un valor medio de 1,792 euros. Nos porcos de desfeito o incremento foi de 0,1 euros e pasan a cotizarse entre os 0,79 e os 0,85 euros o quilo.

Nos leitóns, a mesa de prezos acordou unha suba de 5 euros. Así, os animais procedentes dunha única gandería acadan os 78 euros, cun prezo de 3,9 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 3,65 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 73 euros.

No mercado do ovo tódalas seccións incrementaron o seu valor, aínda que houbo diferencias por categoría. Así, os ovos da XL cotízanse a 1,65 euros a ducia tras unha suba de 0,04 euros. Os da L están a 1,23 euros ó experimentar un incremento de 0,05 euros. Na categoría M a suba foi de 0,03 euros e acadan 1,10 euros. Por último, os da S están a 0,89 euros, logo dun aumento de 0,02 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, mantéñense esta semana sen cambios e cun prezo medio de entre os 0,11 e os 0,18 euros por quilo.

O prezo do coello continúa tamén invariable a 1,80 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-Agropecuaria-Procino-16_03_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información