DELAGRO S. Coop., cooperativa de segundo grao de referencia na subministración e distribución de insumos agropecuarios no norte de España e Portugal, anunciou o nomeamento de Martín Díaz Álvarez como novo xerente. Con máis dunha década de experiencia dentro da organización en áreas de xestión financeira e administrativa, Díaz asume a responsabilidade de conducir a empresa cara a un futuro cheo de oportunidades, pero fano nun contexto onde se están producindo cambios profundos e de gran alcance para todo o sector agrogandeiro.
Martín Díaz Álvarez é diplomado en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e posúe un Máster en Dirección de Empresas pola Escola Europea de Negocios. A súa carreira profesional está marcada por unha ampla traxectoria na xestión financeira e estratéxica de empresas do sector industrial, construción e agrogandeiro. Durante máis de dez anos, desempeñou roles clave en DELAGRO, contribuíndo á consolidación e expansión da cooperativa grazas á súa visión analítica e capacidade para implementar procesos innovadores.
A súa misión á fronte de DELAGRO será clara e ambiciosa: consolidar unha organización preparada para o futuro, adaptándoa ás novas dinámicas do sector agrogandeiro, cada vez máis condicionado por esixencias regulatorias e ambientais. Díaz fixouse como prioridade fortalecer o vínculo coas cooperativas socias e clientes, garantindo solucións que non só respondan as súas necesidades actuais, senón que tamén os preparen para os cambios lexislativos e de sustentabilidade que se aveciñan.
“Atopámonos nun momento decisivo para o sector agrogandeiro. O meu obxectivo é reforzar o papel de DELAGRO como instrumento estratéxico ao servizo dos nosos socios, asegurándonos de que dispoñan das ferramentas, a tecnoloxía, os produtos e o asesoramento necesarios para producir dunha maneira máis eficiente e sostible”, sinalou o novo director xeral de DELAGRO.
Desde o 1 de xaneiro, Díaz dirixe un equipo formado por máis de 55 profesionais desde os tres centros de traballo cos que conta DELAGRO.