
Alfredo Fernández Ríos, novo director da Axencia Galega da industria Forestal – XERA. Foto: Cedida
O Consello da Xunta acordou hoxe o nomeamento de Alfredo Fernández Ríos como director da Axencia Galega da industria Forestal – XERA, ente dependente da Consellería de Economía e Industria.
Fernández Ríos é enxeñeiro de Montes pola Escola Politécnica Superior de Lugo desde o ano 1997. Posúe ademais o Diploma de Estudos Avanzados en Teledetección e Sistemas de información xeográfica aplicado aos incendios forestais, así como o título de técnico en Prevención de riscos laborais nas especialidades de Seguridade no traballo, seguridade industrial e ergonomía e Psicosocioloxía aplicada.
No ámbito profesional, iniciou a súa andaina no ano 1997 como técnico GIS do Sistema de Información Territorial de Galicia da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia. No ano 2003 foi nomeado funcionario de carreira da Administración autonómica no corpo facultativo superior na escala de Enxeñeiros de Montes e desde entón desempeñou diferentes postos de responsabilidade nas consellerías de Medio Ambiente e do Medio Rural.
Na actualidade, ocupaba o cargo de director da Área de Información Forestal da Axencia Galega da Industria Forestal.
Fernández Ríos substitúe no cargo a Jacobo Aboal Viñas que cesa a petición propia logo de desempeñar o cargo de director da Xera desde xuño de 2022.