Novo curso sobre a aplicación do GPS no sector agroforestal en Guísamo

Esta formación organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria ten previsto celebrarse a partir do vindeiro mércores 8 de setembro en horario de 9.00 a 14.00 horas

Publicidade
Novo curso sobre a aplicación do GPS no sector agroforestal en Guísamo

Tractor dotado de sistemas de precisión por GPS. / Arquivo.

Data inicio: 08/09/2021
Lugar: Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) segue a apostar pola formación dos traballadores agrícolas. Desta volta, organiza un curso sobre aplicación do GPS no sector agroforestal. A formación durará 30 horas e ten previsto desenvolverse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo a partir do vindeiro mércores 8 de setembro en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Este novo curso da Agacal vai dirixido ás persoas que estean vencelladas aos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira. A Axencia Galega de Calidade Alimentaria fai fincapé tamén no interesante que pode resultar esta formación para a xente nova que teña certas expectativas de se incorporaren ao sector primario.

O curso ten como obxectivo formar axeitadamente aos alumnos para que teñan unha idea clara das constelacións de satélites operativas na actualidade e as aplicacións que poden derivarse cara o sector agroforestal. Ademais, con este curso financiado pola Consellería de Medio Rural, búscase que os participantes sexan capaces de manexar as últimas tecnoloxías en xeolocalización por satélite e que, ao mesmo tempo, teñan os coñecementos necesarios para o desenvolvemento de tarefas agroforestais, elixindo en cada momento os equipos GNSS máis axeitados.

Os principais conceptos que se abordarán neste curso serán o funcionamento dos equipos GNSS, as constelacións de satélites operativos, as páxinas de interese dos visores de redes e direccións WMS ou os equipos e métodos de traballo con GPS e a súa creación e configuración. O curso tamén contará cunha parte práctica na que se traballarán os conceptos previamente adquiridos.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico francisco.toiran.lopez@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 881 881 047 para máis información.

A Agacal ten como obxectivo mellorar a produtividade e a xeración de valor engadido no rural a través da organización de cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Deste xeito, búscase potenciar o relevo xeracional para consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información