Esta pasada noite os lobos atacaron o gando de Casa Bértolo, unha gandería de vacún de leite en ecolóxico do concello lucense de Friol. O ataque, o cuarto no que vai de ano, saldouse coa morte dunha xovenca preñada de 8 meses e medio.
“Debido á normativa de produción en ecolóxico teño as xovencas tamén no prado. Esta mañá ás 7 fun ver un lote de 6 que está nunha finca preto e vin que faltaba unha e ao pouco xa atopei o cadáver. Non estaba moi comesto, só no fuciño, onde se notan as trabadas dos lobos que acabaron matando á vaca por asfixia”, relata Concha, gandeira titular desta granxa en ecolóxico con 51 vacas en muxido.
Non é o primeiro ataque que sofre esta gandería, pois no que vai de ano este é xa o cuarto. “Nun ano levo 4 ataques do lobo: no primeiro abortou unha xovenca preñada de 7,5 meses, no segundo matou unha xovenca preñada de 7 meses e no terceiro tardou un mes en aparecer a osamenta do animal morto”, quéixase a gandeira.
A situación para esta gandería en pastoreo comezou a complicarse no ano 2012, cando rexistraron os primeiros ataques dos lobos. “Teño 52 anos e nunca recordo que houbera lobo nesta aldea. Empezaron a chegar os lobos no 2012 e dende aquela os ataques van a máis porque a poboación de lobos está descontrolada pois non ten depredadores por riba”, explica.
“Agora empeza o lobo burocrático, que é o peor”
En Casa Bértolo xa probaron con varias medidas de prevención, pero sen éxito: “Primeiro metemos unhas burras pero non funcionou, logo empezamos a retirar as vacas do prado de noite e metelas na corte, pero hai ataques a primeira hora da mañá e ao luscofusco, e agora estamos criando unha mastina para protexer o gando, pero estes cans son caros, tanto a súa compra como o seu mantemento, e tampouco temos garantías de que sexan efectivos”, explica Concha.
Neste sentido, esta gandeira reclama á Xunta axudas para o mantemento dos mastíns e indemnizacións polo gando morto ou ferido. “Agora empeza o lobo burocrático, de facer un trámite burocrático farragoso e desesperante para que ao mellor a Consellería de Medio Ambiente nos conceda unha indemnización. Non é xusto que os gandeiros teñamos que sufrir os danos para manter unha especie como o lobo, que debe ser responsabilidade de toda a sociedade, non á nosa costa”, denuncia.