Novidades para este ano nas inspeccións dos equipos fitosanitarios

Novidades para este ano nas inspeccións dos equipos fitosanitarios

Nos próximos días está previsto que se reanuden as inspeccións nos equipos de tratamento de produtos fitosanitarios (ITEAF) despois de permanecer suspendidas, ao igual que as ITV, dende o pasado 14 de marzo, día no que se declarou o estado de alarma en España debido ao coronavirus Covid 19.

Desde novembro de 2016, os equipos de aplicación de produtos fitosanitarios, tamén teñen a obrigación de pasar unha inspección técnica, para cumprir coa normativa do uso sustentable de produtos fitosanitarios (excepto as carretas de menos de 100 litros e mochilas).

Que equipos teñen que pasar a ITEAF?

Desta forma, ao longo de 2020 os equipos de aplicación de fitosanitarios que durante ese ano alcancen unha antigüidade 5 anos deberán pasar a correspondente Inspección por primeira vez antes de chegar á devandita idade. Dito doutro xeito, están obrigados a pasar a súa primeira inspección todos os equipos adquiridos (como equipo novo) durante 2015.

Ademais, no caso dos equipos clasificados como prioritarios, como tras a primeira inspección hai que repetilas cada tres anos, durante o presente terán que pasala tamén os equipos prioritarios que realizaron a primeira inspección en 2017. Estes equipos prioritarios son os de empresas de servizos, ATRIAS, ADS e cooperativas ou entidades con máis de 10 membros.

Desde este 2020 haberá que pasar a inspección cada 3 anos

A partir deste ano 2020 todos os equipos, non só os prioritarios, terán que someterse á inspección cada tres anos, non cada 5 anos como até agora.

Tamén deberán pasar a inspección en 2020 os equipos que tiveron que pasala durante 2016, 2017 ou 2018 e non o fixeron. Sempre que esta inspección non se pase, os equipos non poderán ser utilizados e facelo pode carrexar unha sanción de entre 300 e 3.000 euros.

Os equipos que están obrigados someterse á Inspección Técnica (ITEAF) durante 2020, son os equipos móbiles de aplicación de produtos fitosanitarios, inscritos no ROMA e que correspondan a algúns dos seguintes xéneros de máquinas:

-Pulverizadores hidráulicos (de barras ou pistolas de pulverización).

-Pulverizadores hidroneumáticos.

-Pulverizadores pneumáticos.

-Pulverizadores centrífugos.

-Espolvoreadores

-Equipos instalados no interior de invernadoiros ou outros locais pechados.

-Equipos de aplicación montados a bordo de aeronaves, que deberán dispor da mellor tecnoloxía dispoñible para reducir a deriva da pulverización.

-Están excluídos os pulverizadores de mochila, os de arrastre manual (carretilla) con depósito de até 100 litros e o resto de equipos non contemplado na listaxe anterior.

A partir de 2020 será máis difícil pasar a ITEAF á maquinaria que non estea inscrita no ROMA

Para pasar a ITEAF é obrigatorio que o equipo estea inscrito no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA). No caso de Galicia e, sobre todo para aquelas máquinas máis antigas, a Xunta facilita até agora este proceso aos propietarios. “É un proceso sinxelo que se pode realizar nas Oficinas Agrarias Comarcais da Consellería de Medio Rural. Hai que cubrir un formulario, levar unhas fotos no móbil do equipo para que os funcionarios o podan identificar, e, se é posible o número de bastidor. Páganse as taxas -entre 5 e 6 euros- e no prazo medio dun mes xa está inscrito o equipo no ROMA e pódese pasar xa a inspección”, explica María Naveira, propietaria de NAGAR Servizos, unha empresa coruñesa que ofrece o servizo de ITEAF por toda Galicia.

O problema é que a partir do 1 de xaneiro de 2021 para poder inscribir unha máquina agrícola no ROMA vai ser obrigatorio presentar tamén factura de compra e certificado do fabricante, algo difícil de conseguir se o aparello é de segunda man ou hai moitos anos que se adquiriu. “A nosa recomendación é que se dean de alta os equipos este ano no ROMA, porque a partir do próximo ano vai ser máis complicado”, recomenda María Naveira, cuxa empresa prevé retomar en breve o programa de inspeccións de equipos de aplicación de fitosanitarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información