Novidades na fiscalidade para agricultores e gandeiros neste 2023

Os agricultores e gandeiros españois poderán acollerse neste 2023 a deducións no rendemento neto do Imposto sobre a Renda para as Persoas Físicas (IRPF) pola adquisición de gasóleo agrícola e de fertilizantes, como medida excepcional para paliar os efectos do encarecemento dos custos de produción.

Esta medida contémplase na orde do Ministerio de Facenda e Función Pública pola que se desenvolven para o ano 2023 o método de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e o réxime especial simplificado do Imposto sobre o Valor Engadido, publicada recentemente no Boletín Oficial do Estado.

O sistema de estimación obxectiva agraria é o maioritario entre os agricultores e gandeiros, ao que se acollen voluntariamente cada ano uns 850.000 declarantes en España.

Como principal novidade cabe destacar a adopción de medidas excepcionais para paliar o efecto producido polo prezo dos insumos de explotación nas actividades agrícolas e gandeiras, que inclúen a redución do 35% do prezo de adquisición do gasóleo agrícola e do 15% dos fertilizantes.

En todo caso, ambas as reducións unicamente procederán cando se trate de adquisicións realizadas no exercicio 2022, documentadas en facturas emitidas no devandito período.

Ademais, mantéñense os índices correctores aplicables ao rendemento neto minorado que se aplicaron excepcionalmente na declaración da renda de 2021 por pensos adquiridos a terceiros e por cultivos en terras de regadío que utilicen enerxía eléctrica.

Concretamente, mantense o índice aplicable ás actividades gandeiras que alimenten o gando con pensos e outros produtos para a alimentación adquiridos a terceiros, sempre que representen máis do 50 % do importe dos consumidos. O índice único para todos os sectores gandeiros será do 0,50.

Tamén se mantén nos niveis de 2021 o índice por uso de electricidade para a rega, cunha redución dun 25 % do rendemento neto extensible a todos os regadíos.

Cabe destacar tamén que os agricultores e gandeiros, do mesmo xeito que o resto de contribuíntes que tributen en módulos, beneficiaranse dunha redución do rendemento neto do 15% en 2022 e do 10% en 2023, fronte ao 5% en que se fixa habitualmente esta redución.

Ademais, para o próximo ano non se modifica o Réxime de Módulos, manténdose, por tanto, os límites existentes para a permanencia no sistema, establecido en 250.000 euros anuais en volume de ingresos.

A orde pode consultarse na seguinte ligazón:

https://www.boe.es/buscar/pdf/2022/BOE-A-2022-20025-consolidado.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información