Novidades dos seguros agrarios e gandeiros para 2025

O Plan 2025 de seguros pecuarios de Agroseguro inclúe 15 liñas gandeiras e acuícolas que entran en vigor maioritariamente a partir do 1 de xuño. Incorpora importantes melloras para as explotacións de ovino e caprino, entre elas a inclusión da cobertura da variola na garantía básica das pólizas.

Cambiaron a palla por silo de herba e reduciron a cantidade de silo de millo na ración das secas

Agroseguro presentou hoxe en Santiago de Compostela (Galicia) as novidades do Plan 2025 de seguros pecuarios, cuxa entrada en vigor está prevista para o próximo 1 de xuño, con 15 liñas de seguros, entre gandeiras e acuícolas. A xornada divulgativa contou coa participación das entidades coaseguradoras e as súas redes comerciais.

O encontro iniciouse cun repaso xeral ás cifras do seguro agrario en 2025. A directora de Produción e Comunicación de Agroseguro, Sílvia Marques, destacou o crecemento no aseguramento agrícola e especialmente nas liñas gandeiras “cun 7% máis en primas totais e un 16% máis de capitais asegurados” ata este mes de maio. O conxunto dos seguros pecuarios mantén un peso importante no seguro agrario, e un gran recoñecemento por parte do sector gandeiro que outorga “case un oito de nota media ao seguro agrario e á xestión de Agroseguro, unha boa nota que só nos anima e impulsa a seguir mellorando cada día”.

O Plan 2024 de seguros pecuarios pecharase con 1.020 millóns de euros de capital asegurado en Galicia, “unha cifra 8% superior ao ano anterior”, como lembrou Noelia Aparicio, coordinadora da dirección territorial Noroeste de Agroseguro, que destacou o “incremento continuo” do aseguramento en Galicia do gando vacún de reprodución e produción, con máis de 460.000 vacas con cobertura fronte aos sinistros provocados por accidentes e enfermidades no pasado ano.

Novidades na liña de seguro de ovino e caprino

Uns datos que coinciden coas novidades aplicadas nos últimos anos á liña de seguro de vacún de produción e reprodución, así como ao vacún de cebo. De cara ao Plan 2025 é a liña de seguro de ovino e caprino quen incorpora numerosas melloras, como indicou Manuel Cardo, responsable de seguros pecuarios do departamento de Estudos de Agroseguro. En concreto, destaca a inclusión da cobertura de variolas ovinas e caprinas na garantía básica das pólizas, a ampliación da protección fronte á Brucella, a Tuberculose Caprina ou o meteorismo, ou o importante crecemento (próximo ao 8%) nos valores de aseguramento das explotacións reprodutoras de carne e cebadoiros, así como un incremento no valor do leite.

Ademais, o novo plan de seguros pecuarios introducirá algunhas melloras na xestión da contratación e tramitación de subvencións públicas, que foron presentadas por Valle Cervantes, xefa do departamento de Produción. Ademais, dentro do ámbito da xestión tamén destaca o forte uso da aplicación móbil Agroseguro Clientes que, entre outras funcionalidades, facilita a xestión do seguro de retirada aos asegurados e que xa conta con 40.000 usuarios e un crecemento do 54% no último ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información