Novidades das axudas para plans de mellora: baixa o máximo subvencionable

Novidades das axudas para plans de mellora: baixa o máximo subvencionable

O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre a nova convocatoria de axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrarias, a creación de empresas para os agricultores mozos e o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Trátase dunha das ordes máis destacadas que ten este departamento autonómico para a modernización do agro, a cal contará para este ano 2018 cun investimento de 65 millóns de euros, e coa que se pretende dende a Consellería fomentar o papel da muller como titulare da explotación agraria e o carácter ambiental destas.

En concreto, esta orde recolle tres liñas de subvencións. A dotación para este ano sitúase nos 40 millóns de euros para apoiar investimentos en explotacións agrícolas (coñecidos como plans de mellora), nos 20 millóns para impulsar a incorporación de novos activos ao agro (agricultores mozos) e nos 5 millóns para fomentar o desenvolvemento de pequenas explotacións. Estas axudas están encadradas dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que prevé –para estas liñas de axuda– un investimento de 247,5 millóns de euros en todo o período de execución.

Novidades nos plans de mellora

Entre as principais novidades desta convocatoria, dende o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez salientan que “se mellorou a xestión destas axudas co fin de incrementar o número de proxectos aprobados”. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural diminuíu a contía máxima por beneficiario nas axudas para plans de mellora, sendo o máximo de 500.000 euros, co fin de incrementar o número de proxectos que se poidan beneficiar destas achegas. Ata o de agora o volume total elixible do investimento subvencionable para cada beneficiario era de 1 millón de euros nun período de catro anos. O obxectivo é aprobar máis solicitudes, xa que na convocatoria de 2017 só se aprobaron o 43%:  692 expedientes aprobados de 1.610 solicitudes presentadas.

Tamén se dá prioridade a determinados colectivos ou orientacións produtivas, tales como a avicultura artesanal e as plantas aromático-medicinais no caso das pequenas explotacións, sectores que se suman aos xa existentes como o hortícola, frutícola, florícola, apícola, vacún de carne e ovino/cabrún.

Máis puntuación para ganderías en Control Leiteiro e cunha muller como titular

A Consellería de Medio Rural destaca tamén que nesta convocatoria “foméntase o papel da muller como titular das explotacións agrarias, de tal xeito que se incrementa o peso deste criterio na puntuación final, a prol da igualdade entre homes e mulleres”. Así mesmo, valóranse as explotacións en control leiteiro oficial, como forma de recoñecer o esforzo dos gandeiros de leite na mellora da raza, primando así o correcto mantemento da sanidade animal, que contribúe ao bo status sanitario da cabana gandeira galega.

Por outra banda, refórzanse os criterios nos que se valoran os investimentos para reducir as emisións contaminantes de amoníaco e de dióxido de carbono, como forma de promover o carácter ambiental destas axudas.

Ademais, e tendo en conta o sucedido no ano 2017, establécese como requisito obrigatorio ter contratado un seguro agrario co fin de minimizar as perdas ocasionadas por efectos meteorolóxicos adversos.

No caso de mozos que se incorporen á actividade agraria, este deberá pertencer ao Plan de seguros agrarios combinados do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, excepto a liña de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións.

O Consello Agrario Galego avanza no decreto para regular a artesanía alimentaria

Reunión da Comisión do Consello Agrario Galego

Reunión da Comisión do Consello Agrario Galego

A Comisión Permanente do Consello Agrario Galego reuniuse hoxe na Consellería do Medio Rural para avanzar na tramitación do borrador de decreto polo que se regula a artesanía alimentaria.

Este órgano, no que están representados responsables da administración autonómica e das organizacións profesionais agrarias, elaborará un ditame sobre a devandita norma, actualmente en tramitación. A normativa que regula a produción artesá en Galicia leva agardando dende o ano 2008 pola súa aprobación.

Os obxectivos deste decreto pasan por promover e protexer as producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade que contribúen á conservación da cultura alimentaria galega. Tamén, por fomentar a diversificación económica das explotacións agrarias e métodos tradicionais de elaboración, así como por potenciar circuítos curtos de comercialización e promover a visibilización e a participación activa das mulleres en todas as dimensións da actividade artesanal alimentaria. Trátase, en definitiva, de contemplar a vinculación da artesanía alimentaria coa produción de materias primas de calidade e con estruturas produtivas tradicionais, sen descoidar a protección do medio natural, entre outros fins específicos.

O texto sometido ao Consello Agrario incorpora a relación inicial de actividades artesanais alimentarias que a día de hoxe se consideran, polas súas características, merecedoras de tal cualificación. Regula, ademais, o Rexistro de artesanía alimentaria, no que se inscribirán as empresas que se dediquen a esta actividade, debidamente acreditada. Concrétanse igualmente os requisitos e as condicións para a obtención da Carta de artesán alimentario, así como para ser considerada unha empresa como artesanal ou para a utilización na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos, dos termos “artesán”, “artesán da casa”, “artesán caseiro” ou “artesán de montaña”.

No borrador explícase que o concepto de empresas artesanais alimentarias integra tanto aquelas que con carácter xeral realizan estas actividades como tamén dous tipos específicos: as microempresas dedicadas a esta produción e as explotacións agrarias elaboradoras de produtos caseiros. O futuro decreto contén ademais, entre outras, diferentes disposicións relativas á creación e regulación do Consello galego da artesanía alimentaria, órgano que, según se explica no texto do borrador, servirá como punto de enlace entre a administración autonómica e o sector profesional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información