Novidades da PAC 2026: ecorreximes e controis na dispoñibilidade das parcelas e nos xurros

Rebáixase de cara a solicitude única da campaña do 2026 de 2 a 1 hectárea a superficie das parcelas nas que hai que dispoñer de contrato, documento por escrito de dispoñibilidade ou DNI do propietario

Lorena Otero Cabarcos, expoñendo as principais novidades da PAC na xornada organizada por Agronovo en Vilalba

Lorena Otero Cabarcos, expoñendo as principais novidades da PAC na xornada organizada por Agronovo en Vilalba

Lorena Otero e Javier Villanueva, da entidade de asesoramento Agronovo, explicaron recentemente nunha xornada celebrada en Vilalba os principais cambios na PAC 2026 e no novo período 2028-2034, aínda en negociación en Bruxelas.

As novidades da PAC 2026 saíron publicadas a mediados de outubro no Real Decreto 916/2025. Entre as principais modificacións a respecto da normativa vixente que regula a axuda básica á renda (RD 1045/2022) estarían:

  • Incorporación á actividade agraria. Os agricultores incorporados non poderán ceder os dereitos ata a campaña na que xustifiquen que cumpren o requisito de agricultor activo.
  • Incremento do valor rexional dos dereitos. Os dereitos que incrementen o seu valor ata o valor medio rexional non poderán ser cedidos en ningunha das campañas (campaña de asignación e as catro seguintes).
  • Solicitude de dereitos á Reserva Nacional. Os solicitantes terán que presentar un documento que xustifique a disposición da superficie para todos os recintos, independentemente do seu tamaño.

En relación aos cambios no RD 1048/2022, que regula os pagos directos, pódense salientar as seguintes modificacións:

  • Instalacións enerxéticas. A colocación de placas solares ou aeroxeradores sobre parcelas agrícolas suporá a súa declaración como superficie improdutiva, debendo ser descontadas da superficie elixible da explotación.
  • Ecorrexime de pastoreo extensivo. Poderase reducir a carga gandeira mínima en circunstancias excepcionais a 0,2 UGM/ha.
  • Ecorrexime de rotación de cultivos. Incorpóranse novas especies mellorantes válidas.
  • Ecorrexime de sega sostible. Baixou a porcentaxe de elementos da paisaxe necesarios nunha explotación (7% en terras de cultivo de secano e 4% en cultivos permanentes), de maneira que no ecorrexime de illas de biodiversidade e no de sega sostible é necesario deixar unha menor superficie sen segar até o 1 de setembro, nas que hai que aplicar posteriormente un desbroce.

Penalizacións

A clasificación xeral de penalizacións nas axudas directas queda establecida en 5 chanzos:

  • Terciario (T). Incumprimento de escasa relevancia, cunha penalización entre o 1 e o 2%.
  • Secundario (S). Incumprimento de baixa relevancia, cunha redución entre o 5 e o 20%. A porcentaxe varía segundo o número de incumprimentos e os anos de incumprimento.
  • Principal (P). Incumprimento importante pero pouco duradeiro, cun desconto entre o 20 e 0 50%.
  • Básico (B). Incumprimento con consecuencias graves e/ou duradeiras, que supón unha redución entre o 50 e o 100% da axuda e o reintegro dos importes cobrados nos anos anteriores.
  • Excluínte (E). Debido a falsidade ou neglixencia no declarado. Supón o reintegro dos importes cobrados en anos anteriores e a exclusión de futuras convocatorias.

Unha das novidades establecidas é que nas axudas directas, se existe unha diferenza entre a superficie declarada e a superficie total igual ou inferior a 0,3 ha, non existirá penalización e a superficie declarada igualarase á determinada a todos os efectos.

Establécense novas penalizacións na intervención sectorial apícola relativas á sobredeclaración de colmeas

As penalizacións por non cubrir o caderno de pastoreo ou non cubrilo con datos reais van desde o 20 ao 30% , igual que no caso dos ecorreximes de illas de biodiversidade e sega sostible, nos que hai que anotar a data das actividades realizadas na parcela a máis tardar 1 mes despois de levalas a cabo.

No caso do ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes, non dispor de plan de abonado ou non rexistrar no caderno da explotación as operacións de aporte de nutrientes supón tamén unha penalización de entre o 20 e o 30%.

As penalizacións van en aumento en función de factores como a gravidade, o alcance e a persistencia, así como a intencionalidade

“As penalizacións non son unha broma e van aumentando por gravidade, alcance e persistencia. Van aumentando a medida que pasan os anos de incumprimento, o primeiro ano leva a unha penalización do 20% e vai aumentando até que vos quitan a axuda”, alertou Lorena aos gandeiros presentes na xornada.

Contrato, DNI dos propietarios ou documento de cesión das parcelas

En relación á dispoñibilidade das parcelas, Agronovo recomenda ter contratos de aluguer de toda a superficie ou, cando menos, os DNI dos propietarios de todos os recintos con superficie igual ou maior a unha hectárea.  En todo caso, para poder solicitar dereitos á Reserva Nacional, débese ter contrato ou documento de disposición de superficie de toda a superficie pola que se solicita.

Ao 1% das solicitudes seránlles requeridos os contratos ou documentos de dispoñibilidade dun 10% das parcelas declaradas

“Está habendo controis de superficie. O ano pasado era para superficies de máis de 2 ha e o vindeiro ano xa se rebaixa a 1 ha. Ao 1% das solicitudes seranlles requeridos os contratos ou documentos de dispoñibilidade do 10% das parcelas agrícolas declaradas. Pero non hai as mesmas regras para todas as provincias, porque o que vale para a Coruña ou Pontevedra non vale para Ourense”, exemplificou.

Tense que ter a dispoñibilidade de todas as parcelas polas que se cobren dereitos, independentemente do seu tamaño

“Hai que contestar os requerimentos nos que vos piden os contratos dunha parcela concreta, porque o seguinte paso é pedirvos que xustifiquedes toda a superficie da explotación. Os contratos de palabra en España son legais, pero para a PAC non serven. Pódenvos bloquear as parcelas na PAC se non tedes un contrato ou documento escrito e a única forma de desbloquealas é con ese documento. Está pasando, hai xente que incluso estivo a piques de perder a axuda de ecolóxico por iso”, advertiu.

Declarar toda a superficie e facer fotos dos cultivos

Como regra xeral, toda a superficie que empregue a explotación (SAU) debe estar declarada na PAC. “Tendes que ter toda a superficie da explotación declarada na PAC, aínda que haxa algunhas parcelas polas que non pidades axuda”, aclarou Lorena.

Para as explotacións en ecolóxico, é necesario dar as novas altas de parcelas no Craega antes de final de ano, xa que non pode haber ningún tipo de superficie en convencional. “Comeza a haber cruce de datos entre o CRAEGA e o FOGGA”, indicou.

Unha explotación en ecolóxico non pode ter fincas en convencional

Todo o que está marcado na capa do SIXPAC como elementos da paisaxe non se pode eliminar sen previa autorización, o que inclúe sebes, árbores e lindes de parcela. Para facer un cambio de uso, no momento de facer a PAC a parcela debe estar limpa ou sementada. Non se poden tampouco arar pastos en zonas de Rede Natura.

E recomendable sacar fotos preventivas para xustificar cultivos que despois se levantan

A renovación das pradeiras debe realizarse tamén antes de final de ano. “A renovación de pradeiras debe facerse en outubro ou novembro, non se pode levantar o terreo noutra época do ano e non pode ser que en febreiro haxa terra baleira”, advertiu Lorena. Desde Agronovo recomendan tamén facer “fotos preventivas” de cada cultivo que albergue a parcela ao longo do ano para poder xustificar documentalmente os distintos cultivos en caso de que haxa un requirimento ou inspección. “Non todos os cultivos serven para ecolóxico e se se supera o 10% de superficie, hai penalización e quedades sen axuda”, indicou.  

A maquinaria debe estar dentro; se está fóra tamén é penalizable

 “As fincas teñen que estar limpas e non se poden descoidar, porque baixa o coeficiente de subvencionalidade, nalgún caso ao 0%”, explicou. “A maquinaria debe estar dentro; se está fóra tamén é penalizable, e non pode haber envases, plásticos ou cordóns tirados ao redor da explotación”, engadiu.

Controis sobre os sistemas de aplicación de xurros

En canto ás medidas de abonado establecidas na condicionalidade reforzada, lembrou que o esterco non pode estar acumulado máis de 10 días nas terras e que pode haber só unha pila de 250 toneladas como máximo. O xurro, non pode aplicarse na franxa de 5 metros aos cauces de auga e o período mínimo que ten que transcorrer despois da aplicación para poder pastorear cos animais é de 21 días.

Está habendo inspeccións do FOGGA en relación a como se botou o purín en parcelas concretas

En relación aos sistemas de aplicación permitidos, Lorena lembrou que está prohibido botar o purín con prato, canón e abanico, salvo unha serie de excepcións recollidas na norma: explotacións de menos de 10 ha de superficie total, parcelas con máis dun 10% de pendente ou cando máis do 50% da superficie da explotación ten unha pendente superior ao 10% e  parcelas illadas alonxadas do resto da superfice da explotación de menos de 2 ha de superficie.

“Está habendo inspeccións do FOGGA en relación á aplicación de xurros. Hai gandeiros aos que lles están pedindo que xustifiquen como aplicaron o purín nunha parcela concreta porque non cumpría coas excepcionalidades previstas na norma. En consecuencia, precisaban ou ben ter unha cisterna con inxectores ou unha factura dunha empresa de servizos para demostrar que se aplicou o xurro dese xeito nesa finca”, indicou.

PAC 2028-2034: Redución de fondos, priorización das axudas e o eterno debate dos perceptores xubilados

Produtoras e produtores en ecolóxico asistentes á xornada

Produtoras e produtores en ecolóxico asistentes á xornada

O pasado 16 de xullo, a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, presentou as liñas xerais do Marco Financeiro Plurianual (MFP) para o período 2028-2034 onde, entre outras moitas políticas, está integrada toda a Política Agraria Común.

Pero a proposta presentada podería sufrir retrasos no proceso de negociación entre a Comisión, o Parlamento e o Consello que obrigasen a prorrogar a PAC actual, como aconteceu no período anterior.

Vai seguir habendo axudas, pero é probable que sexan moi diferentes

“É imposible que a nova PAC vaia entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2028, pero seguramente non se alongue tanto como na actual PAC, porque teñen présa por retirar fondos da PAC para outras cousas e iso non o poden facer prorrogando a PAC actual. Sería positivo que no 2029 tiveramos unha nova PAC con sentido. Vai seguir habendo axudas, pero é probable que sexan moi diferentes”, asegura Javier Villanueva, de Agronovo.  

Menor orzamento

No novo escenario xeopolítico mundial, a agricultura perde peso en favor do investimento en defensa e das políticas para favorecer unha industria estratéxica europea á marxe de China, o que se traduce nun descenso orzamentario para a PAC do 20%.

O marco financieiro da futura PAC supón un orzamento total de 865.000 millóns de euros, dos que 300.000 irán dirixidos á medidas de apoio á renda, outros 300.000 ao paquete de xestión ambiental, 258.000 a outras axudas e 6.500 á reserva de crise.

Vai haber un recorte orzamentario, pero España segue como segundo perceptor despois de Francia

“A PAC en cada reforma, sempre foi perdendo orzamento, pero se se enfocan eses fondos cara os agricultores profesionais non ten por que ser peor. A partir do 2032 os xubilados non van poder cobrar a axuda decrecente á renda por superficie (os actuais dereitos). Polo menos aparece na Proposta, xa veremos no que queda, pero é xa un paso”, salienta.

Agricultor activo

Ao igual que no período actual, un dos debates centrais volverá ser que se considera agricultor activo con dereito á precepción das axudas. “Propoñen dirixir a axuda á renda a agricultores que teñan a actividade agraria como principal, pero excluír aos xubilados xa estaba na proposta anterior, non se levou a cabo e volve aparecer nesta nova proposta. Xa veremos en que queda ao final, porque o que temos polo de agora é soamente unha proposta da Comisión Europea e aínda que a Comisión ten claro por onde teñen que ir os tiros, despois vén o trílogo e os ministros deciden”, aclara Javier Villanueva.  

A PAC en cada reforma, sempre foi perdendo orzamento, pero se se enfocan eses fondos cara os agricultores profesionais non ten por que ser peor

“Temos que ir cara un agro profesionalizado e iso pasa por eliminar os xubilados da PAC. Pero mentres isto non veña pola vía dun Regulamento Europeo de obrigado cumprimento vai ser moi difícil que se aplique en España porque é un tema político e nalgunhas comunidades os perceptores da PAC xubilados chegan ao 80%”, argumenta.

Pouca marxe para as comunidades autónomas

Cun orzamento menor, a PAC para o vindeiro período terá tamén, segundo o documento presentado, unha gobernanza diferente, cun maior protagonismo dos países en detrimento das rexións (as comunidades autónomas, no caso español).

O dous piares actuais, o primeiro decidido polo Estado e o segundo polas comunidades autónomas, fúndense nunha única liña con gobernanza estatal

Así, no novo período asignarase un orzamento global a cada Estado membro, cun plan nacional que elimina a actual arquitectura da PAC, que outorga aos Gobernos autonómicos certo marxe de manobra no reparto dunha parte das axudas.

A estrutura actual da PAC actual divídese en dous bloques: un primeiro piar, igual para todos os produtores de España (axuda á renda, ecorreximes) e un segundo piar, que é onde teñen capacidade de decisión as comunidades autónomas (agroambientais, desenvolvemento rural).

Proponse fusionar, a partir do 2028, o FEAGA e o Feader nun único Fondo de Colaboración Nacional e Rexional (FCNR)

“A nova PAC vai ter maior orzamento no primeiro dos bloques, polo que vai ser o Goberno español o que teña maior capacidade de decisión, en detrimento das autonomías. Iso dificulta a adaptación das axudas ás condicións das distintas comunidades. Seguir coas actuais 20 rexións agronómicas é malo para Galicia, porque os nosos modelos produtivos non se adaptan ben a esas 20 rexións establecidas”, asegura Javier.

Menos axudas directas e máis incentivos medioambientais

En canto á distribución de fondos aos produtores, as axudas directas serán decrecentes no vindeiro período da PAC, favorecéndose as explotacións máis vulnerables, ben polo seu tamaño ou por situarse en zonas desfavorecidas, e aquelas que realicen unha maior contribución ambiental. 

Outro dos grandes cambios da vindeira PAC é que non se propón unha política de condicionalidade como até agora, senón que se opta por recompensas polas acción positivas dos agricultores a favor do medio ambiente. Estas prácticas serán voluntarias e implicarán compromisos plurianuais, como por exemplo a extensificación gandeira. O pago será estatal, fusionando ecorreximes e axudas agroambientais nunha única categoría.  

Na futura PAC substitúese a condicionalidade actual por recompensas polas accións positivas dos agricultores a favor do medio ambiente

A proposta da Comisión pretende tamén mellorar as condicións laborais e a calidade de vida dos agricultores e gandeiros mediante servizos de substitución, incentivar investimentos que fomenten a resiliencia climática e hídrica das explotacións e apoiar os seguros agrarios.

Búscase, así mesmo, garantir a seguridade alimentaria e de abastecemento, a estabilidade dos mercados agrícolas da UE e ofrecer prezos razoables ao consumidor. Para iso, duplícase a reserva de crise, xa que a futura Rede de Seguridade para a Unidade, antes chamada Reserva Agrícola, vai contar con 6.500 millóns de euros exclusivos para mitigar as perturbacións do mercado.

Agricultura ecolóxica

A proposta da Comisión Europea menciona expresamente a agricultura ecolóxica dentro das prácticas beneficiosas co medio ambiente a primar polos Estados membros, polo que desde Agronovo aseguran que “vai haber agricultura ecolóxica no próximo período da PAC; é cara onde vai tirar a Política Agraria”, din.  

Vai haber un pago por transición cara un modelo máis sostible

Javier quixo tranquilizar aos produtores en ecolóxico, porque “os pagos ao ecolóxico non deberían descender, xa que non pasou en ningunha das reformas anteriores”, evidenciou. Iso si, dixo, “se produción ecolóxica pasa ao primeiro piar, que posiblemente sexa o que pase, as primas van ser as mesmas para todo o Estado”, avanzou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información