Novas vidas para a herba sobrante e arbustos de terras de baldío

A EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC investiga co proxecto europeo ‘GO-GRASS’, que conta con 10 millóns de financiamento, alternativas de economía circular para o aproveitamento da herba sobrante ou non cultivada e de arbustos para producir papel, biogás, proteína orgánica, camas de gando ou biochar

Gograss2Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC participan no marco do proxecto europeo GO-GRASS, dotado con 10 millóns de euros de financiamento, no estudo de novos aproveitamentos e usos para arbustos e herba de terras de baldío, así como para as producións sobrantes dun cultivo que podería servir como materia prima apropiada para a obtención de biogás, proteína orgánica, fibra de papel e mesmo para a elaboración de camas de gando ou para a produción de ‘biochar’, unha sorte de carbón biolóxico rico en fósforo e con múltiples aptitudes para o seu uso como enmenda para os solos.

Esta nova liña de traballo no ámbito da bioeconomía procura un aproveitamento óptimo dun recurso abundante. Daquela, cómpre lembrar que máis da quinta parte (21%) da superficie total da Union Europea (UE) está ocupada por pradeiras e flora arbustiva. Parte destes terreos corresponden con zonas abandonadas e outras (xardíns, medianeiras, beirarrúas…) implican custes directos ou indirectos tanto a nivel individual como para o conxunto da sociedade.

Ante esta realidade, o consorcio GO-GRASS, no que participa o grupo de investigación Silvopast da EPS de Enxeñaría do Camapus Terra da USC, coordinado pola catedrática do Departamento de Produción Vexetal, Mª Rosa Mosquera Losada, xunto cun equipo multidisciplinar integrado por outros 21 socios de sete países europeos (Alemaña, Dinamarca, Suecia, Países Baixos, Bélxica, Romanía e Hungría), impulsa un proxecto centrado en transformar o potencial do continxente desta materia prima desaproveitado. Alén deste obxectivo, GO-GRASS busca novas utilidades para este cupo de herba excedentaria e de terras baldío, a fin de reducir así a importación de nutrientes e a dependencia de combustibles fósiles, ademais de avanzar no desenvolvemento de alternativas que permitan transferir os beneficios acadados ás comunidades rurais.

Sistema agroalimentario circular e integral

Este ambicioso proxecto internacional no eido da bieconomía pretende avanzar no deseño dun novo sistema agroalimentario circular e integral. A súa aplicación probarase a pequena escala en catro rexións de Dinamarca, Alemaña, Holanda e Suecia que rexistran un exceso de herba cultivada, segundo indicou Rosa Mosquera, que se ben recoñeceu que este tipo de forraxe é imprescindible para os gandeiros de Galicia, que producen o 40% do leite en España e tamén destacan pola súa capacidade de produción de carne no contexto europeo, apuntou que este tipo de aproveitamentos ou solucións innovadoras poderían aplicarse á biomasa obtida en masas arbustivas e áreas de monte baixo.

A coordinadora do proxecto GO-GRASS na USC explicou que as accións perfiladas ao abeiro deste programa internacional prolongaranse ata o ano 2023. Neste período, explicou, os distintos socios implicados tratarán de poñer en marcha ideas e iniciativas orientadas ao aproveitamento da herba desprezada para a produción de biochar, unha sorte de carbón vexetal sen osíxeno, apto como fertilizante e con alto contido en fósforo, cuxas reservas mundiais se esgotarán en 2050, dixo.

Alén do biochar, os promotores de GO-GRASS, un programa no que tamén participa a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e a consultora Zabala, impulsarán solucións tecnolóxicas e innovadoras que permitan obter proteína orgánica, fibra de papel, biogás e mesmo materiais útiles para as camas do gando, relatou Mosquera, quen se referiu a este programa como unha ambiciosa proposta que contribúe a mitigar o rápido esgotamento dos recursos, a avanzar na loita e na prevención contra os lumes forestais e, en consecuencia, a mitigar os efectos do cambio climático.

A catedrática da USC salientou a forte aposta pola biotecnoloxía como ferramenta para aproveitar os activos rexionais e revitalizar a economía das comunidades rurais. Aínda así, Mosquera recoñece que a posterior implementación dos avances acadados ao abeiro deste programa internacional requirirán do apoio e da implicación dos sectores privados e públicos, tanto no que atinxe a enfoques de produción e transformación de produtos, como na habilitación de financiamento e políticas sensibles a este cometido.

Semana Verde da Comisión Europea

Os obxectivos que perseguen os promotores do proxecto GO-GRASS e, sobre todo, as diversas políticas postas en marchas polas distintas administracións para avanzar nesta dirección, centrarán a temática da intervención que realizará este xoves Rosa Mosquera no foro da Semana Verde da Comisión Europea.

Nesta sesión, a investigadora do Campus de Lugo poñerá o foco nalgúns contrastes advertidos no contexto europeo, tal e como pode ser a decidida aposta feita en Alemaña desde a última década do pasado século para impulsar a produción e as infraestruturas precisas para garantir o subministro de biogás e o escaso desenvolvemento deste recurso enerxético noutras rexións, como Galicia, onde apenas estes días unha empresa vén de poñer en marcha a primeira planta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información