Novas vías de colaboración entre a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira e a Xunta

Ambas entidades buscan valorizar a construción naval tradicional en madeira e poñen o foco na tradición como piar fundamental par ao desenvolvemento da innovación e a xeración de mercados de maior valor engadido para os recursos forestais

Publicidade
Novas vías de colaboración entre a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira e a Xunta

A Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) mantiveron unha reunión na que se puxo en valor o traballo realizado polas empresas dedicadas á construción de embarcacións de madeira en Galicia. Agalcari agrupa ao 98 % das carpinterías de ribeira activas actualmente na comunidade, a maioría delas emprazadas na ría de Arousa, que xeran un centenar de empregos directos e preto de medio milleiros indirectos ademais de representar un volume de facturación anual de 10 millóns de euros.

O director de XERA, Alfredo Fernández Ríos, asegurou o compromiso da Xunta para pór en valor e apoiar a construción naval tradicional en madeira: “É unha actividade artesanal dun alto valor ecolóxico que se debería manter como parte do patrimonio marítimo e cultural e para recuperar o pleno sentido produtivo e comercial da actividade”.

Fernández lembrou a oportunidade que ofrece o emprego da madeira no sector da construción naval para a descarbonización da economía galega, ao tratarse dun material reciclable, transformado en procesos sustentables cada vez máis optimizados. Así mesmo apuntou á oportunidade de negocio para a cadea monte-industria co emprego de madeira local de piñeiro, carballo ou eucalipto, entre outras. “Preservar os saberes dos carpinteiros e da construción naval tradicional é preservar a nosa historia e identidade pero, ademais, é recoñecer o valor da tradición como un piar fundamental para o desenvolvemento da innovación e a xeración de mercados de maior valor engadido para os recursos forestais”.

Lembrou que a Xunta pon a disposición de empresas e asociacións varias liñas de axuda para a divulgación, mellora da formación e incorporación da tecnoloxía nos estaleiros da que se poderán beneficiar os asociados de Agalcari.

As técnicas construtivas da carpintería de ribeira foron declaradas en 2017 como ben de interese cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia para recoñecer o seu valor cultural sobranceiro na conformación da identidade do pobo galego e colaborar á concreción de medidas para a súa salvagarda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información