Novas normas da DO Ribeiro para potenciar as variedades autóctonas

Publicidade
Novas normas da DO Ribeiro para potenciar as variedades autóctonas

O Consello Regular da Denominación de Orixe Ribeiro empezou a aplicar para os viños da colleita 2016 o novo prego de condicións, publicado no Diario Oficial de Galicia do pasado 5 de xaneiro, e que supón importantes cambios respecto ao anterior prego do ano 2012.

Principalmente, apóstase aínda máis por primar os viños elaborados con variedades autóctonas ou preferentes, cunha nova denominación de Ribeiro Castes, e ampárase o viño espumoso e o viño de barrica, seguindo os cambios xa realizados noutras DO galegas como Valdeorras ou Rías Baixas.

Os cambios máis significativos respecto ao prego do ano 2012 son:

Variedades de uvas:

-Preferentes brancas: Treixadura, Torrontés, Godello, Albariño e Loureira. Incorpóranse Lado e Caíño branco.
-Preferentes tintas: Caíño longo, caíño bravo, caíño tinto, Ferrón, Sousón, Mencía e Brancellao.
-Autorizadas brancas: Palomino e Albillo. Elimínase Macabeo.
-Autorizadas tintas: Garnacha tintoreira e Tempranillo

Tipoloxía de viños amparados:

Ata o momento soamente estaban amparados Ribeiro branco, Ribeiro tinto e Ribeiro tostado. Agora ampáranse:

-Ribeiro Espumoso (branco e rosado): só elaborado con uvas preferentes.
-Ribeiro Castes (branco e tinto): só elaborado con uvas preferentes
Ribeiro (branco e tinto)
-Ribeiro Barrica (branco e tinto): só elaborado con uvas preferentes
-Tostado Ribeiro (branco e tinto): só elaborado con uvas preferentes

Precinta Certificadora D.O. Ribeiro

Nova contraetiqueta da D.O. Ribeiro

Ribeiro Castes: O obxectivo é que o consumidor distinga cando está elaborado cun 100% de variedades autóctonas

Precisamente, os Ribeiro Castes é o principal cambio normativo para as adegas e colleiteiros amparados polo Consello Regulador. “Os Ribeiro Castes son de máis calidade e máis característicos da D.O. que os elaborados con uvas autorizadas. Así, poden ser identificados na etiquetaxe, presentación e publicidade por parte de cada adega de fronte ao consumidor como: Castes, Barrica, Espumoso e Tostado”, destacan desde o Consello Regulador. “Desta maneira,-destacan- o consumidor poderá distinguir cando un viño é elaborado 100% con variedades autóctonas”.

Redúcense os rendementos máximos autorizados

Por último, outro dos requisitos destacados é o concernente aos rendementos máximos por hectárea, que antes era de 30.000 quilos/ha. e agora quedan reducidos a 13.000 quilos para brancas preferentes; 12.000 kg. para tintas preferentes, e 19.000 quilos no caso de uvas autorizadas. Dado o seu carácter restritivo, unha disposición transitoria do novo prego de condicións admite un período de adaptación para as adegas ata a vendima de 2018. Por último, tamén é de destacar o cambio relativo á densidade de cepas por hectárea que pasa de falarse dun máximo de 7.000 a unha densidade mínima de 3.000 cepas/ha.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información