Delagro, Ideagro e Alltech levaron a cabo este xoves no Barco de Valdeorras unha xornada técnica cos principais axentes do viñedo da DO Valdeorras para compartir a súa visión conxunta sobre a relevancia do chan e as prácticas agronómicas na calidade final do viño, así como o papel das solucións tecnolóxicas avanzadas na mellora continua do cultivo.
Durante a xornada, tratáronse diferentes temas como a importancia do solo e o microbioma, as prácticas agronómicas clave na viña e tamén a resistencia inducida no viñedo. As charlas foron impartidas por Alexia Stellfeldt (Ideagro); Jesús Sánchez (Delagro) e Marta Simón (Alltech Crop).
O coñecemento do chan como base da rendibilidade e a sustentabilidade do viñedo foi o eixo central do relatorio impartido pola doutora e bióloga Alexia Stellfeldt. A especialista insistiu na necesidade de tomar decisións agronómicas baseadas en datos reais e na análise específica de cada parcela.
“Non é o mesmo tomar decisións dende o despacho que coñecer o que realmente está a ocorrer no campo”, subliñou. Neste sentido, destacou a importancia dos ensaios en condicións reais, os estudos de compatibilidade de produtos e o manexo da finca en función de información obxectiva. “A clave é poder traballar con datos que reflictan a realidade do chan e do cultivo”, engadiu.
A intervención abordou os tres piares fundamentais para o manexo do solo: as súas propiedades físicas, químicas e biolóxicas. Dende o punto de vista físico, a textura condiciona o movemento da auga e a dispoñibilidade de nutrientes. Os terreos arenosos presentan unha baixa capacidade de retención, o que favorece a perda de elementos coma calcio, potasio ou magnesio por lixiviación. Pola contra, os chans moi arcillosos reteñen mellor os nutrientes, pero poden xerar problemas de drenaxe e falta de osíxeno, co consecuente risco de asfixia radicular. O equilibrio ideal, explicou, atópase nos chans francos, onde se combinan adecuadamente retención e aireación.
A materia orgánica, ademais de mellorar a estrutura e a capacidade de retención de auga e nutrientes, favorece a actividade microbiana
No ámbito químico, Stellfeldt lembrou que os nutrientes só poden ser absorbidos polas plantas cando están disoltos na auga do chan, polo que é fundamental interpretar correctamente as analíticas e diferenciar entre o contido total e a fracción dispoñible. Ademais, advertiu da variabilidade dentro dunha mesma parcela, o que obriga a axustar o manexo en función das zonas.
O pH é outro dos factores determinantes, xa que condiciona a dispoñibilidade dos elementos nutritivos. “Podemos ter nutrientes no chan, pero se o pH non é o adecuado, a planta non poderá aproveitalos”, explicou. En chans acedos, coma os de Galicia, o uso de emendas calcarias pode axudar a achegarse a valores próximos a 6,5, onde a maioría dos nutrientes se atopan en condicións óptimas.
Con todo, a experta puxo o acento especialmente no compoñente biolóxico do chan, cada vez máis relevante nos sistemas de produción actuais. A materia orgánica, ademais de mellorar a estrutura e a capacidade de retención de auga e nutrientes, favorece a actividade microbiana, responsable de transformar e mobilizar os elementos necesarios para o cultivo.
No solo habita unha enorme diversidade de microorganismos —bacterias, fungos e outros organismos— que contribúen tanto á nutrición como á sanidade da planta. Para o seu correcto desenvolvemento, é imprescindible manter unha boa aireación, evitar a compactación e asegurar niveis adecuados de humidade. Moitos destes microorganismos melloran a estrutura do chan ao formar agregados e poros que facilitan o crecemento das raíces.
A zona de maior actividade é a rizosfera, a contorna inmediata da raíz, onde a planta libera azucres procedentes da fotosíntesis que atraen microorganismos beneficiosos. Esta relación simbiótica permite mellorar a absorción de nutrientes, solubilizar fósforo e protexer fronte a patógenos, podendo dar lugar aos denominados chans supresivos, nos que as enfermidades teñen maior dificultade para desenvolverse.
Dentro das ferramentas dispoñibles, Stellfeldt destacou o papel dos microorganismos aplicados de forma dirixida. Bacterias como Azospirillum brasilense poden fixar nitróxeno atmosférico e estimular o desenvolvemento radicular, mentres que outras especies contribúen á solubilización de fósforo. Con todo, insistiu en que non todas as cepas presentan a mesma eficacia, polo que é fundamental contar con ensaios de campo que apoien o seu comportamento.
A microbioloxía non é un complemento, é unha ferramenta fundamental para aproveitar o potencial do chan
Entre os axentes de control biolóxico máis utilizados atópase o fungo Trichoderma, capaz de colonizar a raíz, competir con patóxenos e mesmo parasitar outros fungos, ademais de mellorar a absorción de nutrientes. O fungo Trichoderma é un dos microorganismos máis utilizados no manexo biolóxico do chan. Colonizan a contorna radicular e actúan principalmente contra outros fungos patóxenos, aos que parasitan e degradan. “Ademais da súa acción de control biolóxico, Trichoderma mellora a absorción de nutrientes e estimula o desenvolvemento do sistema radicular, aumentando a formación de pelos absorbentes e favorecendo así o crecemento e a vitalidade da planta”, subliñou.
Como conclusión, a especialista resumiu o cambio de enfoque que está a experimentar o manexo agronómico: “A microbioloxía non é un complemento, é unha ferramenta fundamental para aproveitar o potencial do chan, mellorar a nutrición do cultivo e aumentar a súa resistencia fronte a enfermidades”.
Jesús Sánchez, asesor técnico de Viticultura en Delagro
“Valdeorras é unha zona moi interesante pola microbioloxía do solo e polo mantemento das cepas vellas”

Que interese ten para Delagro unha comarca como a de Valdeorras?
É unha zona que ten moito interese pola forma de traballo nesta zona, que vai en liña con como nós entendemos a viticultura en particular, e a agricultura en xeral. Tamén xera máis interese por produtos deste tipo de microbioloxía de solos, por mantemento de variedades clonais antigas, cepas vellas, redución de fitosanitarios… En definitiva, hai grandes adegas, técnicos moi preparados cos que teríamos unha grande afinidade para traballar.
Que lle podedes ofrecer?
A través de Delagro, e mesmo con firmas coma Alltech, podemos acompañar co noso coñecemento e o desenvolvemento de determinados produtos aos viticultores e ás bodegas que queiran ir incorporando este tipo de estratexias: estimulación de defensas, favorecer a microbioloxía do solo, buscar defensa fitosanitaria dende outros ataques menos químicos e nocivos tanto para solo, auga como calidade dos viños.
Chegades nun momento no que moitos adegueiros teñen que estudar unha recuperación tras a vaga de incendios, cal pode ser o papel de Delagro?
Primeiro, hai unha obriga de felicitalos polo traballo que fixeron e por ser salvadores, xa que o coidado dos viñedos supuxo un freo nalgunhas zonas, e minimizouse así o impacto que podía ter. No caso das viñas que sobreviviron, habería que tratar de rexeneralas, cun apoio a través do solo con bioestimulación. Nas que arderon, non se pode facer nada pola propia cepa, pero si preparar o solo con aportes de materia orgánica e intentar reactivar a microbiota beneficiosa do solo de cara a novas plantacións.
Tamén hai que destacar xa o esforzo que están facendo, logo de que chegasen estes meses de tantas choivas, colocaron uns diques para que a auga non lavase e deixar o solo espido.
Na charla destacou a importancia da poda de respecto nas cepas vellas, aquí lévase a cabo?
Si, aquí é un tema máis coñecido e practicado. Un dos asistentes é profesor de poda de respecto e informoume que ofrecen moitas formacións de Consello Regulador e que teñen asistencia. Ao traballar con grandes bodegas, que teñen técnicos e demais, é máis fácil achegar todos estes coñecementos.
As cepas vellas son un patrimonio inmaterial da zona e a gran maioría dos adegueiros aplican esta poda porque lle dan un valor especial a estas plantacións. Cabe destacar que hai cepas que se viron afectadas polos lumes, polo que ademais de que son un patrimonio antigo que non se poderá recuperar, tamén supoñen unha perda de clons. Antigamente había moitas variedades diferentes, agora a tendencia e homoxeneizar as variedades por diferentes parámetros; por iso eu destaco a importancia do Valdeorras na conservación destas cepas, xa que abandanolas supón unha perda dese patrimonio clonal irrecuperable.
Tamén destaca a importancia de coñecer ben o solo para escoller os portainxertos, por que?
É importante elixilos ben porque non son traballos que dean resultados dun ano para outro, senón que fixan obxectivos para 50 anos ou máis. Os portainxertos son importantes e deben adaptarse ao clima, á zona, ao solo e, sobre todo, hai portainxertos que son vigorosos, outros reducen o vigor. Canta máis información lle deas ao viveiro para elixir o patrón e facer a plantación mellor, ata aclarar cal vai ser a túa expectativa para esa plantación é fundamental, só así conseguirás o éxito.
Ben é certo que o sector foise profesionalizando e cada vez se fan máis estudos sobre isto, e os adegueiros teñen en conta máis parámetros para tomar as decisións.
Do laboratorio ao viñedo
A delegada de Alltech para Galicia, Marta Simón, presentou resultados de algunhas investigacións. Primeiramente, centrouse en falar da resistencia sistémica inducida, o mecanismo de defensa propio das plantas que desenvolven ante un estímulo inicial. “A finalidade é ter a planta activada constantemente e ensinarlle a defenderse máis rápido ou a que pase mellor esas situacións de estrés”. Así, os microorganismos estimulan as defensas das plantas provocando unha resistencia da planta hóspede contra os axentes patóxenos.
Durante a charla, presentou o PROCROP ISR, activador de resistencia inducida enfocado na protección do cultivo que se basea neste sistema de defensa. Contén carbohidratos complexos derivados da parede celular do fermento Saccharomyces cerevisiae. Está formulado para aplicalo de forma foliar ou en fertirrega; durante o ciclo do cultivo expón á planta a estes compoñentes que activan, como mecanismo de defensa, a produción de fitohormonas, un composto que se pode empregar, entre outros cultivos, para o viñedo. “A recomendación que facemos é 1 cc/litro de caldo e pódese mesturar co programa que cada viticultor estea facendo. O recomendado é aplicar cada 15 días, pero na zona das Rías Baixas sempre lle indico que o apliquen cando vaian realizar algún tratamento e como fan unhas 20 entradas, xa está; se facedes menos aquí, pois durante os tratamentos que realicedes ou habería que estudar cada caso”, detallou a profesional.

Os resultados que presentou son dunha testemuña, das que levaron a cabo en Rías Baixas e Ribeira Sacra. Para levalo a cabo escolleron dúas parcelas con características case iguais, nunha delas o protocolo co PROCROP ISR e na outra só a aplicación habitual. “Deseñamos un protocolo para sanidade de solo e protección de planta e fixemos un seguimento continuo de como estaban as parcelas, e fimos anotando”, detalla Marta.
Durante o estudo e para coller os resultados “analizamos uvas da zona control e da outra, e así obtemos unha análise detallada”. Así, observaron nos diferentes ensaios que realizaron que as parcelas tratadas co protocolo ACS mostran unha tendencia positiva en parámetros de maduración alcohólica e maduración fenólica. Ademais dunha mellora no equilibrio de uva, con menor acidez e maior concentración de compostos fenólicos. “Outra das observacións que se fixo foi que o protocolo tamén favorece unha maior concentración de polifenois e antocianos, o que se traduce en mellor estrutura, cor e potencial aromático do viño”, explicou Marta Simón.
A maiores, a capacidade antioxidante mantense en niveis adecuados para viños brancos, evitando interferencias en frescura e claridade: “A consistencia dos resultados suxire un efeto beneficioso do tratamento sobre a fisioloxía da planta”.
Galego









Control OJD