O Mercado de gando de Amio (Santiago) rexistrou esta mañá novas baixadas dos prezos tanto nos exemplares de Ternera Gallega coma no gando de abasto. Continúa así a tendencia á baixa que xa se evidenciou nas reducións da semana pasada.
No caso da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, a mesa de prezos acordou unha baixada de 0,15 euros en todas as canais, tanto da calidade Suprema como na de Ternera. Consideran que esta baixada tan acusada dos prezos reflicte, mellor que a táboa da sesión anterior, a realidade dun mercado que se recupera a ritmo moi lento.
Na mesa de prezos do gando de abasto, os vogais acordaron unha redución de 5 euros en tódalas categorías e as calidades das femias de raza Cruzada para recría. Manteñen os prezos da sesión anterior para o resto de gando de recría, así como para o vacún mediano e o maior. Porén, aprecian unha tendencia á baixa nos prezos dos machos de Frisoa para recría e nos do vacún maior de abasto.
En canto á asistencia, nesta xornada contabilizáronse 1.634 animais, 31 menos que o pasado mércores día 15. Houbo 1.270 cabezas de vacún menor, 76 menos que na feira anterior, 160 de vacún mediano, 4 máis; e 204 de vacún grande, o que supón 41 máis do rexistrado na sesión pasada.
Máis información
– Táboa de cotizacións de Amio (22-VII-2020).