Novas axudas para que a cadea monte-industria mellore a súa competividade a través da dixitalización e a innovación

A finalidade é potenciar o sector e impulsar o aproveitamento, a transformación e valorización de produtos de orixe forestal como a madeira, a resina ou a castaña

Publicidade
Novas axudas para que a cadea monte-industria mellore a súa competividade a través da dixitalización e a innovación

O Consello da Xunta de Galicia deu saída á nova convocatoria de axudas que vai lanzar a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para mellorar a competitividade
da cadea monte-industria e impulsar un sector que representa o 5,5 % da cifra de negocio total e conta con máis de 13.600 persoas ocupadas.

A Consellería de Economía e Industria, da que depende a Xera, vai destinar 16,5 millóns de euros a tres programas de axuda: o Xera-savia, o Xera-tecno e o Xera-valor, cos que o Goberno galego aspira a potenciar un sector que en 52 dos 313 concellos galegos, a industria de base forestal, representa máis do 30 % dos establecementos e en sete comarcas figura entre as tres primeiras actividades industriais. As bases das convocatorias sairán publicadas nas vindeiras semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Xera-tecno

Deste xeito, a Xunta activará proximamente o programa de apoios dirixido a persoas autónomas e pemes da industria forestal radicadas en Galicia: o denominado Xera-tecno. As axudas están destinadas á realización de investimentos en tecnoloxías forestais, así como para a mobilización e comercialización de produtos do sector e conta cun orzamento de máis de 11 millóns de euros no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.

A convocatoria establece 5 liñas de axudas: a liña 1. Xestión forestal activa, para a compra da maquinaria necesaria para realizar tratamentos silvícolas (podas, desbastamentos e rareos); a liña 2. Madeira e biomasa, dirixida ao acondicionamento e ás instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa e á compra de maquinaria para a corta e desembosque de madeira; a liña 3. Castaña e resina, para adquirir equipamentos para o aproveitamento comercial da castaña ou da resina; a liña 4. Valor engadido na primeira transformación da biomasa e da madeira, onde se inclúen equipamentos portátiles para a clasificación estrutural da madeira e maquinaria e instalacións de primeira transformación, entre outros; e a liña 5. Medición, rastrexabilidade e caracterización da madeira obxecto de aproveitamento, na cal se inclúen equipamentos de medición de inventario forestal, vehículos aéreos non tripulados e os seus accesorios como cámaras ou LIDAR, entre outros.

Os apoios alcanzarán ata o 40 % dos gastos elixibles cun límite máximo de 200.000 euros para as liñas 1 e 4 e de 50.000 euros para a liña 5, mentres que as liñas 2 e 3 poderán recibir unha axuda máxima por solicitante de 160.000 euros.

Programa Xera-valor

A segunda das liñas de axuda, Xera-valor, pon o foco na posta en valor e no peche do ciclo produtivo dos recursos forestais na Comunidade a través do impulso da segunda
transformación, de maneira que se aproveitan as oportunidades que está a xerar o incremento de produtos derivados da madeira en diversos eidos como o da construción ou o segmento do contract, no cal Galicia é punteira a nivel internacional. Trátase dunha axuda única a nivel estatal cuxo orzamento ascende a 5 millóns de euros financiados con fondos propios.

Para iso, a convocatoria recolle seis liñas de axuda. A liña 1. Competitividade e valorización, está destinada á adquisición de novo equipamento para a transformación de produtos de orixe forestal non alimentario, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabamentos da madeira. A liña 2. Mobiliario, contract e construción, facilita a compra de maquinaria nova vinculada ao deseño e á fabricación de mobiliario e á fabricación de elementos para a construción. No caso da liña 3. Dixitalización, recolle apoios para a xestión integral, dixitalización de procesos e sistemas para a xestión do ciclo de vida, ciberseguridade, intelixencia artificial ou automatización e sensorización, entre outros.

A convocatoria Xera-valor está dirixida principalmente ás pemes do sector forestal-madeira, así como ás asociacións da cadea de valor e empresas que presten servizos de transporte de mercadorías por estrada

No caso da liña 4. Certificacións, ensaios e informes, poderán solicitala aqueles que queiran implantar e certificar a cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental, informes, servizos, bens de equipamento, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e ambientais. Tamén para marcas colectivas rexistradas ou para a implantación da marcación CE de produtos de orixe forestal, entre outros. A liña 5. Seguridade e saúde na contorna laboral está dirixida á incorporación de servizos para a implantación e certificación do estándar ISO 45001 –xestión da seguridade e saúde no traballo- ou medidas para reducir os riscos de orixe e propagación de incendios.

E, finalmente, a liña 6. Ecoinnovación está dirixida ao ecodeseño de produtos ou materiais con madeira, a implantación de solucións de economía circular, así como para introducir ferramentas que permitan analizar diferentes aspectos ambientais nas fases do ciclo de vida.

A convocatoria Xera-valor está dirixida principalmente ás pemes do sector forestal-madeira, así como ás asociacións da cadea de valor e empresas que presten servizos de transporte de mercadorías por estrada no caso da liña 3, e de pemes de calquera sector que desenvolvan solucións ecoinnovativas con madeira, no caso de solicitar apoios no marco da liña 6. E no que respecta á intensidade das axudas, esta será do 50 % ata un máximo de 60.000 euros en todas as liñas agás no caso de actuacións encadradas nas liñas 1 e 2, que será de 250.000 euros. Ademais, os apoios poderán ser do 70 % no caso da liña 3 se a actuación consome servizos web da Xunta ou se se trata de proxectos que empreguen a ferramenta gratuíta de rastrexabilidade Fortra.

Xera-Savia
O programa Xera-savia dispón dun orzamento de medio millón de euros, inclúe tres liñas de actuación, tanto para actividades formativas non regradas de carácter específico, como as de carácter transversal, e mesmo accións de divulgación para dar a coñecer a industria forestal-madeira e a súa cadea de valor.

Xera-savia esta destinada a asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e sexan representativas da cadea de valor da industria forestal-madeira. Tamén a agrupacións empresariais innovadoras (AEI), os centros universitarios e colexios profesionais representativos da industria forestal-madeira galega. Todos eles poderán optar ao 100 % da axuda cun límite máximo de 70.000 euros por entidade beneficiaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información