Nova Zelandia ocupa unha superficie de 26,77 millóns de hectáreas (algo máis da metade da superficie de España) e só ten 5,11 millóns de habitantes, unha décima parte da poboación española, pero posúe 10.500 granxas e 4,6 millóns de vacas.
O 80% das granxas atópanse na illa Norte e o 20% restante na illa Sur, que conta con explotacións de maior tamaño e produción máis intensiva en base a regadío para produción de pasto, mentres que a illa norte mantén granxas familiares máis pequenas e unhas condicións climáticas máis favorables (temperaturas máis suaves, mellores solos e maior cantidade de chuvia).
Esta variabilidade climática (1.200 litros de precipitación anual na illa norte, o dobre que na sur) tamén condiciona o sistema produtivo (cultivo de millo no norte e regadío para produción de herba no sur). O sistema intensivo estabulado é moi minoritario (a practica totalidade das explotacións botan o gando fóra, con maior ou menor peso do pasto na alimentación) aínda que a suplementación complementaria con carro mesturador está a gañar terreo.
A illa Sur cambiou a partir dos anos 80 os rabaños de ovellas por vacas e produce hoxe o 40% do leite do país
As explotacións máis grandes e intensivas atópase na illa Sur, que foi gañando peso na produción láctea nas últimas décadas. A illa Norte concentra neste momento o 57,4% da produción leiteira neozelandesa, principalmente nas rexións de Waikato (22,6%) e de Taranaki (9,5%), mentres que na illa Sur (42,6%) destacan North Cantebury (14,9%) e Soutland (12,5%),
A produción láctea total do país é de 21 millóns de toneladas anuais (tres veces a produción española), cunha gran estacionalidade da produción (2/3 do total prodúcense en 5 meses) debido a un sistema baseado no pastoreo, que reduce os custos de produción pero supón unha maior complexidade á hora da transformación e a loxística, obrigando a un sobredimensionamento industrial para poder facer fronte aos picos de produción de primavera.
Nova Zelandia produce o 5% do leite mundial pero controla o 25% das exportacións a nivel internacional
O leite producido destínase principalmente ao mercado exterior (95% da produción), debido ao seu reducido mercado interior e o país é un exemplo claro da perfecta integración vertical entre os distintos elos da cadea (produtores e empresas transformadoras) co obxectivo final da exportación.
O centro de innovación de Manawatu é o buque insignia da investigación láctea do país, grazas ao impulso das Universidades de Massey e Lincoln
Un sistema de produción de materia prima a baixo custo grazas ao pastoreo, a valorización industrial e a comercialización que achega Fonterra e o asesoramento independente que ofrece DairyNZ son os tres elementos que Francisco Sineiro, gran coñecedor da produción láctea no país, destaca para explicar o éxito de Nova Zelandia no panorama lácteo internacional.
Un dos principais exportadores de lácteos a nivel mundial
Nova Zelandia é un dos principais exportadores de produtos lácteos a nivel global (achega un 25% do total de exportacións mundiais). O país exporta sobre todo leite en po e manteiga, que supoñen o 70% das exportacións de lácteos neozelandeses.
Nova Zelandia disputa coa UE ser o principal exportador mundial de produtos lácteos
Nova Zelandia é un país moi competitivo nestes produtos básicos (commodities) debido a dous factores: concentración industrial en mans de Fonterra, que transforma grandes volumes de leite, e materia prima máis barata, xa que o prezo pagado ao produtor polo leite é inferior ao pagado na UE ou nos EEUU (aínda que os custos de produción, cun sistema baseado no pastoreo, tamén son máis baixos).
Segundo os datos reflectidos no Observatorio Lácteo Europeo, a diferenza no pasado mes de setembro entre o prezo medio da UE e o de Nova Zelandia foi de máis de 10 céntimos por litro: 49,6 céntimos na UE fronte a 38,3 en Nova Zelandia (prezo de Fonterra por litro de leite corrixido a un 4,2% de graxa e un 3,35% de proteína).
As limitacións no crecemento da produción, debido á lexislación ambiental, están reenfocando a estratexia industrial. Nos últimos anos o país está facendo elevadas inversións en transformación industrial, remodelando as súas plantas cara a produtos de maior valor engadido, como por exemplo derivados con proteína enriquecida. Nova Zelandia exporta tamén distintos tipos de queixo, situándose como quinto exportador mundial de queixos.
O país exporta produtos básicos como leite en po e manteiga e está tentando reenfocar a súa industria láctea para producir ingredientes de maior valor engadido
Actualmente, as exportacións de Nova Zelandia seguen dominadas por produtos básicos como o leite enteiro en po (WMP), o leite desnatado en po (SMP) e a manteiga, que historicamente representaron o 80-85% de todos os volumes de exportación de produtos lácteos, pero nos últimos cinco anos, a contribución dos leites en po ao valor das exportacións foi diminuíndo gradualmente. Ao mesmo tempo, o valor das exportacións de manteiga e queixo foi en aumento, debido ao crecente consumo destes produtos nos mercados asiáticos, incluída China, onde a industria neozelandesa ten fortes vínculos comerciais.
Dependencia de China
Nova Zelandia mantén acordos bilaterais con máis de 20 países, pero a súa industria láctea é especialmente dependente das exportacións a China. Tras a sinatura en 2019 dun acordo de aranceis 0% á exportación de lácteos (o que favorece ás exportacións neozelandesas fronte ás europeas) déronse investimentos mutuos por parte de ambos países, como a participación de Fonterra na construción de grandes granxas leiteiras e no desenvolvemento da industria láctea chinesa e a entrada de capital chinés nas empresas lácteas neozelandesas: Synlait (participada nun 51% pola chinesa Bright Dairy), Oceania Dairy (comprada no 2013 polo xigante lácteo chino Yili Group, que acabou adquirindo tamén no 2019 Westland Milk Products, a segunda empresa láctea máis importante de Nova Zelandia despois de Fonterra) ou Mataura Valley Milk, unha factoría de ingredientes lácteos inaugurada no 2018 na illa Sur e participada nun 25% por China Animal Husbandry Group (CAHG), unha empresa pública pertencente ao Gobierno chinés centrada na participación na industria láctea internacional.
A industria láctea neozelandesa ten unha especial dependencia das exportacións a China. O país está tratando de negociar acordos bilaterais coa UE
Pero o aumento da produción e da capacidade de autoabastecemento por parte de China está obrigando a Nova Zelandia a buscar novos mercados. Nestes momentos está en negociación un acordo comercial coa UE que tería nos produtos lácteos e a carne de año os dous principais obxectivos, dado que na actualidade os aranceis europeos supoñen unha barreira de acceso importante para ambos produtos.
A UE ampliou a 90.000 toneladas de manteiga e 35.000 toneladas de queixo os continxentes de produtos lácteos con baixo arancel procedentes de Nova Zelandia. Holanda importa, por exemplo, leite en po para fabricar chocolates que logo son reexportados.
Produción pensada para a exportación
A economía de Nova Zelandia depende en grande medida das exportacións agrarias: produtos lácteos, carne de cordeiro, kiwis, mazás e viño, principalmente. As exportacións de lácteos supoñen o 30% das exportacións do país.
A segmentación de mercados é unha das estratexias de Nova Zelandia para rendibilizar as súas exportacións
A produción e transformación están organizadas pensando na exportación. De feito, a industria láctea de Nova Zelandia é un dos mellores exemplos a nivel mundial de integración vertical entre provedores e industria para rendibilizar ao máximo as exportacións que realizan.
Unha cuarta parte das exportacións totais de Nova Zelandia son produtos lácteos que Fonterra exporta a máis de 130 países
A nivel de comercialización, dispoñen dun coñecemento exhaustivo dos distintos mercados exteriores, contando con delegacións comerciais en numerosos países. Non en van, o Ministerio de Asuntos Exteriores tamén é de comercio exterior.
Concentración industrial
Nas últimas décadas a industria láctea de Nova Zelandia viviu un forte proceso de concentración. Hai 30 anos eran 36 as cooperativas existentes nun sistema que hoxe monopoliza Fonterra, unha das maiores cooperativas lácteas do mundo, propiedade de 10.000 gandeiros.
Tras a aprobación da Lei de Reestruturación do Sector Lácteo (DIRA) no ano 2001, forzados pola Organización Mundial do Comercio, elimínase o monopolio estatal para a exportación que representaba o NZ Dairy Board (NZDB) e créase Fonterra, froito da unión das principais cooperativas do país (excepto dúas delas, Westland Milk Products na costa oeste da Illa Sur e Tatua na Illa Norte en Waikato). Por tanto, actualmente existen só 3 empresas cooperativas en Nova Zelandia: Fonterra, Westland e Tatua, xunto a un número crecente de empresas privadas.
As 4 principais industrias lácteas neozelandesas procesan o 96% do leite producido no país e só Fonterra o 82%
Para evitar un posible efecto monopolio de Fonterra, establécense unha serie de normas, como a libre entrada e saída de produtores socios ou a posibilidade de entregar ata un 20% da produción a outro comprador. Fonterra está ademais obrigada a vender leite a outros operadores que a necesiten a un prezo estipulado (prezo na orixe máis custo de transporte).
Fonterra é o resultado da unión das dúas principais cooperativas e do antigo NZ Dairy Board, o organismo público que tiña o monopolio para as exportacións
Fonterra conta con 28 plantas industriais e procesa unhas 16 millóns de toneladas de leite, o 82% do leite producido no país. Dúas das maiores plantas teñen capacidade para transformar 2,5 e 3 millóns de toneladas, unha cantidade equivalente a toda a produción láctea anual de Galicia. A multinacional neozelandesa exporta arredor do 95% da súa produción.
Fonterra posúe ademais instalacións propias para a xestión de stocks nos principais países de destino das súas exportacións, así como plantas de fabricación tamén en Australia, Arabia Saudita e Malaisia.
Con 28 plantas de fabricación, Fonterra procesa uns 16 millóns de toneladas de leite cada ano
Na actualidade, Fonterra mantén joint ventures con Dairy Farmers of America para operar plantas nos EEUU e con Nestlé en Sudamérica, e está inmersa en varias operacións similares con explotacións leiteiras e empresas lácteas en China (posuía, por exemplo, un 43% da empresa Sanlu, a terceira compañía procesadora de leite máis importante de China, que se viu seriamente implicada na venda de leite en po para nenos contaminada con melanina, o que supuxo importantes perdas económicas e reputacionais para a cooperativa neozelandesa).
Posuía tamén activos en diversos países de Sudamérica, como en Chile (Soprole), que acabou vendendo en 2022 á multinacional peruana Grupo Gloria debido aos problemas financeiros que Fonterra segue arrastrando tras a crise láctea de 2015, con baixos prezos nos mercados a nivel internacional.
A cooperativa está pechando as súas plantas máis pequenas e ampliando a capacidade produtiva das máis grandes para gañar eficiencia
Na súa estratexia para os vindeiros anos Fonterra busca centrarse no seu negocio de ingredientes innovadores e en servizos de alimentación en China, e seguir desinvestindo nas súas áreas de consumo en países como Sri Lanka para alixeirar a súa débeda. Tamén realizou nos últimos anos desinvestimentos en Brasil ou Rusia, onde posuía a empresa de capital conxunto Unifood.
Prezo por kg de materia seca
En Nova Zelandia o leite non se paga por litro, senón por quilo de materia seca. A graxa e a proteína son moi variables ao longo do ano, tendo en conta que a produción é moi estacional e vinculada ao pasto. Os niveis de graxa, con todo, rondan de media o 5% no conxunto do ano e os de proteína achéganse ao 4%.
O leite págase en función dos sólidos que contén
Existe transparencia no cálculo do prezo pagado ao produtor, que é publicado ao inicio de cada campaña, que arrinca o 1 de xuño, e ten en conta os resultados obtidos pola cooperativa e os seus custos de recollida, fabricación e exportación.
Fonterra acaba de elevar o prezo pagado ás granxas na actual campaña 2024-2025 até os 10 dólares neozelandeses (que equivalen a uns 5€) por kg/MS, de modo que unha granxa media neozelandesa cun 5% de graxa e un 4% de proteína estaría cobrando o litro de leite, ao cambio, a 41,5 céntimos de euro).
O director executivo da compañía, Miles Hurrell, afirma que a mellora das perspectivas establecidas no mes de setembro debeuse en gran medida á forte demanda de produtos básicos de referencia, que contribuíu a impulsar os prezos nas recentes poxas de Global Dairy Trade. “Esta demanda observouse en China, onde hai indicios de que a produción nacional está por baixo das expectativas, e tamén en África, Oriente Medio e o sueste asiático”, afirma Hurrell.
Fonterra produce a metade do leite en po a nivel mundial e é o principal exportador internacional de lácteos
Os prezos dos principais produtos de referencia (leite en po enteiro, leite en po desnatado e subprodutos como BMP e HMA reflíctense cada dúas semanas no Global Dairy Trade (GDT), convertido nun dos principais índices a nivel mundial sobre cotización de lácteos no mercado internacional.
O GTD funciona baixo o sistema de poxa e cobre entre o 20 e o 30% do comercio mundial de lácteos. Aínda que está controlado por Fonterra, que ten certa capacidade para condicionar os prezos pola vía de controlar as cantidades de produto ofertadas, a través deste mercado internacional que pon en contacto a compañías e países excedentarios e deficitarios de lácteos, venden tamén outros operadores, como a cooperativa danesa Arla Foods.
Produción a baixo custo
As vantaxes competitivas de Nova Zelandia radican na súa capacidade para producir leite a baixo custo cun sistema baseado no manexo do pasto. Cun clima suave similar ao de Galicia (sobre todo na illa Norte), as granxas neozelandesas posúen grandes fincas de centos de hectáreas nunha soa peza coas instalacións de muxidura no centro.
A produción láctea ocupa unha superficie de 1,64 millóns de hectáreas. Por lei, as fincas non se poden dividir (está así establecido desde a chegada dos primeiros colonos británicos á illa), polo que é habitual atopar explotacións con ata 500 hectáreas de terra nunha soa peza.
A superficie está concentrada en grandes fincas e as vacas están todo o ano fóra e acoden unicamente ao establo a muxirse
É moi habitual que as ganderías dediquen toda a súa superficie de pradeiras ás vacas en produción, co único limitante da distancia ás instalacións de muxido, e que a recría estea externalizada noutra granxa da zona especializada na produción de xovencas.
Os excedentes de recría (animais de menos de 10 días, denominados bobby calves) son sacrificados en moitas granxas e a súa carne usada para alimentación de mascotas, un asunto que xera gran controversia no país. A prohibición desta práctica xeraría unha maior competencia, tanto coa gandería láctea como de carne, ao obrigar as granxas a destinar parte da súa superficie para a alimentación destes animais sobrantes.
Os excedentes de recría (bobby calves) son sacrificados antes dos 10 días, o que xera unha gran controversia social no país
En moitos casos non existen establos para as vacas en produción, que están no exterior todo o ano, acudindo unicamente ás instalacións existentes a muxirse para volver ás pradeiras. Noutros casos, as ganderías contan cunhas certas instalacións a cuberto moi sinxelas onde o gando pasa os dous meses de inverno, que coinciden co período de secado, para deste xeito non danar os pastos.
A curva de lactación das vacas acompásase coa curva de crecemento da herba nas pradeiras
Na maioría de granxas fanse concentracións de partos para facer coincidir as curvas de lactación das vacas coas curvas de crecemento da herba de primavera nos pastos. Ao facer parir a todos os animais nun curto período de tempo (6-8 semanas) as necesidades alimenticias do rabaño son homoxéneas a medida que avanza a lactación.
As principais variedades utilizadas son o raygrass inglés e o trebo branco. Seméntanse tamén fincas de remolacha ou nabo para pastar en determinadas épocas do ano, por exemplo no inverno, e as achegas de minerais necesarios aplícanse na auga de bebida. En moitas granxas nin se ensila nin se dá penso, senón que se adapta o número de animais á cantidade e calidade do pasto existente, aínda que a alimentación das vacas tende cada vez máis a unha maior suplementación para aumentar a produción e reducir o risco climático na primavera que suporía un sistema cunha alimentación exclusivamente a pasto. Os concentrados máis habituais son a base de torta de palma procedente de plantacións para aceite de palma de Indonesia e Malaisia.
Na illa Norte existe cultivo de millo para ensilado e na illa Sur súplementase o gando con torta procedente das plantacións de aceite de palma de Indonesia e Malaisia
A raza máis abundante é a Kiwicross, un cruzamento de frisona con jersey desenvolvida hai 20 anos pola empresa de xenética LIC, participada por todos os gandeiros neozelandeses e que se encarga tamén de realizar o control leiteiro nas granxas.
As kiwicross son vacas de pequeno tamaño (450 kg de peso) ideais para transformación do pasto en sólidos lácteos e que destacan pola súa boa fertilidade e a súa lonxevidade. A media de produción por vaca é duns 18 litros (5.000 litros por lactación) con 400 kg de sólidos, 50 kg máis que hai 10 anos.
A frisona é cada vez menos utilizada, sendo substituída pola Kiwicross, un cruzamento con jersey
LIC dispón de centro de testaxe de touros e subministra o 70% do seme ás explotacións leiteiras do país. A empresa holandesa CRV, con centro de testaxe e extracción de seme tamén en Nova Zelandia, centrado en produción de seme de touros para pastoreo, controla outro 25% do mercado e o 5% restante está an mans de multinacionais como Semex ou World Wire Sires, que adaptan o seu catálogo ás necesidades específicas das granxas neozelandesas.
No sistema agrícola estacional baseado en pastos de Nova Zelandia, son esenciais vacas fértiles. A maioría das vacas paren nun período de 8 semanas a finais do inverno e principios da primavera e a produción no inverno, necesaria para cubrir o consumo interno durante os dous meses nos que non existe produción para a exportación, págase baixo contrato a un prezo máis elevado.
O intervalo entre partos das vacas sitúase por debaixo dos 370 días de media e a lonxevidade media alcanza 4,5 partos. O sistema de produción de leite neozelandés baséase en lograr un parto anual por vaca, con lactacións de aproximadamente 7 meses. A nivel reprodutivo, úsase inseminación artificial por un período inicial de 6 semanas (2 celos) e pasando posteriormente as vacas baleiras a un lote de monta natural con touro. No caso de non quedar preñadas de forma acompasada ao resto do rabaño, envíanse ao matadoiro.
O reto da redución de emisións
Nova Zelandia duplicou a súa produción láctea nos últimos 30 anos. Desde 1990 a 2015 a produción pasou de 9 millóns de toneladas anuais a 21 millóns, manténdose estancada desde entón.
O gran boom na produción láctea de Nova Zelandia debeuse á transformación de granxas de ovino na illa Sur a vacún de leite
O crecemento na produción de leite debeuse fundamentalmente a un cambio no enfoque produtivo das granxas. Historicamente Nova Zelandia era o principal provedor de carne de año e vacún ao Reino Unido, pero coa súa entrada na UE en 1973 estas exportacións víronse dificultadas, pasando moitas explotacións cárnicas neozelandesas de ovino e vacún a producir leite, pasando a cabana gandeira láctea de 2 millóns de vacas nos anos 80 a 4,6 millóns na actualidade e reducindo de maneira moi notable a cabana ovina.
Hoxe en día esta reconversión de granxas está prohibida polo que o crecemento do sector lácteo verase limitado nos próximos anos pola dispoñibilidade de terras e as presións ambientais. Os produtores neozelandeses terían que cumprir novas condicións ao aplicarse un novo imposto que gravaría as emisións de metano e óxido nitroso do gando a partir do ano 2025, aínda que o actual Goberno conservador de Christopher Luxon está botando para atrás parte da normativa herdada polas presións do sector.
Nova Zelandia estableceu fai 20 anos un mercado de créditos de carbono para diversos sectores que ata agora non incluía á agricultura e á gandaría
Nova Zelandia estableceu hai dúas décadas un mercado de créditos de carbono para diversos sectores (NZ Emissions Trading Scheme) que ata agora non incluía á agricultura e á gandaría, responsables do 50% dos GEI do país. A inclusión destas actividades no sistema xeral NZETS conta co rexeitamento das organizacións agrarias (Federated Farmers) e o seu modo de implementación está actualmente en discusión.
A maior parte das explotacións realizan avaliacións de gases de efecto invernadoiro, con medias que rondan 0,8 kg de CO2/ kg de leite
Aínda que Nova Zelandia estivo estudando a posibilidade de valorar o secuestro de carbono nos solos, non ten un sistema de bonos de carbono agrícola como o de Australia e no balance de emisións das granxas non se recoñece a captura a través de árbores, pastos, solo ou sebes.
Durante anos permitíronse plantacións de piñeiros a grande escala, sobre todo na illa Norte, a través dos créditos de carbono forestais
A estas novas normativas súmase a presión da propia industria láctea. A estratexia de Fonterra en canto a redución de emisións para 2030 pasa por un descenso total do 50% e unha redución do 30% na intensidade das emisións na explotación.
Existen tamén problemas de sobreexplotación hídrica na illa Sur debido aos regadíos para pastos, chegando a estar prohibido o baño nun terzo dos ríos e lagos interiores debido á calidade da auga. Existe unha limitación de 190 kg de nitróxeno por hectárea e os Consellos Rexionais teñen flexibilidade para aplicar a norma en función da situación concreta de cada zona.
Existen problemas de sobreexplotación dos recursos hídricos para regadío na illa Sur
Prevese un endurecemento da normativa a partir de 2025 como consecuencia da concienciación e a presión social e as autoridades aspiran a seguir mantendo a imaxe de país respectuoso co medio ambiente para protexer a outra grande fonte de ingresos do país, o turismo, que representa o 6% do PIB.
Sistema de “muxido compartido” para fomentar o relevo
Para facer fronte aos problemas de relevo xeracional nalgunhas granxas, Nova Zelandia conta cun sistema denominado Sharemilking (muxido compartido) que consiste en que un mozo externo se incorpore á explotación participando nunha porcentaxe dos beneficios, que varía entre o 30 e o 50% en función do que achegue (o seu traballo, as vacas, a compra de maquinaria, etc), mentres que o propietario da finca obtería outra parte dos ingresos. Un terzo das ganderías do país operan baixo esta fórmula xurídica, que facilita a entrada no sector a pesar dos altos prezos da terra.
As leis antiinmigración limitan a entrada de traballadores estranxeiros, principalmente filipinos, ás explotacións lácteas do país
As leis antiinmigración limitan a entrada de traballadores estranxeiros, principalmente filipinos, ás explotacións lácteas do país, que se atopan na actualidade con dificultades de man de obra. Os soldos que se pagan son elevados e un empregado nunha explotación cobra un salario de máis de 30.000 euros ao ano, ademais de dispoñer habitualmente de casa. Cooperativas como Fonterra e entidades como DairyNZ prestan servizos de asesoramento aos titulares das explotacións e formación aos seus traballadores.
O sistema fiscal permite ás granxas aprazar o pagamento de impostos ata 5 anos, de maneira que poden compensar os diferenciais positivos obtidos en anos con bos prezos con exercicios con perdas ou menores beneficios, podendo deste xeito facer fronte á volatilidade do prezo do leite.
O prezo da terra é alto, arredor de 30.000 euros por hectárea, e serve de aval ás explotacións para conseguir créditos vantaxosos
O nivel de endebedamento das ganderías é elevado e a terra é o principal activo co que contan as granxas para solicitar créditos en condicións vantaxosas (a moi longo prazo) por parte de entidades bancarias como a holandesa Rabobank, presente no país.
O peche de granxas é moito menor en Nova Zelandia que noutros países produtores de leite a nivel mundial. Por exemplo, nos últimos 12 anos, entre 2010 e 2022, só pecharon o 0,7% das granxas neozelandesas, fronte ao 5,1% da media da UE (en España foi o 8,2%) ou o 5,2% rexistrado nos EUA.
Sen axudas públicas
Non existe PAC en Nova Zelandia. O sector agroindustrial do país non recibe na actualidade ningún apoio significativo do Goberno, como ocorría ata o ano 1984, cando a Administración neozelandesa tomou a decisión de derrogar toda a lexislación existente e acabar cos subsidios á produción agrogandeira do país. Ata entón mantiña políticas de garantía de prezos mínimos e axudas e créditos públicos baratos ao sector.
O Goberno decidiu acabar cos subsidios á produción agrogandeira en 1984
Ao principio, as consecuencias foron nefastas e moitos produtores perderon as súas granxas. Con todo, a longo prazo promoveu a eficiencia da cadea láctea e incrementou a competitividade do sector. Por tanto, tanto os gandeiros como o sector industrial tiveron que manter rendibilidade sen axuda gobernamental.
DairyNZ é a organización encargada de investigación, desenvolvemento e extensión do sector lácteo. Finánciase cunha achega que realizan todos os produtores que fan entregas de leite á industria de 3,6 centavos de dólar neozelandés por quilo de sólidos en leite, que equivale a uns 2 euros por tonelada de leite entregada.
Viaxe de gandeiros galegos para coñecer o sistema de produción de leite en base a pasto
Campo Galego acompaña até o próximo 16 de decembro a un grupo de gandeiros de Galicia, Asturias e Navarra e de técnicos de distintas disciplinas (veterinarios, enxeñeiros agrónomos, economistas) que visitan Nova Zelandia para coñecer de primeira man o seu sistema de produción láctea en base a pasto.
A expedición está organizada polo asesor Xan Pouliquen e durante unha semana analizará o funcionamento da cadea de produción e transformación do país maorí, considerada unha das mellor integradas a nivel mundial e formada por explotacións, cooperativas lácteas e entidades de xestión e asesoramento.
O programa inclúe visitas a unha ducia de granxas na illa Norte, que traballan con distintas razas e sistemas de manexo do gando, así como a centros de mellora xenética e á principal organización de gandeiros do país (Federated Farms).