A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia en Silleda seguiu a mesma tónica da semana pasada e saldouse cunha nova suba nos becerros de recría e un descenso nos prezos dos becerros carniceiros, mentres que o vacún maior mantivo sen apenas cambios as cotizacións da semana anterior malia o aumento do número de vacas á venda.
Na recría produciuse unha suba xeralizada tanto nos becerros de raza frisoa como nos de cruce industrial, máis acusada no caso dos xatos cruzados, tanto nos machos como nas femias. Mentres que os becerros pintos subiron entre 25 e 35 euros, no caso dos cruzamentos industriais a revalorización chegou a ser de 130 euros nos machos e de máis de 200 euros nas femias de menor idade (de 15 a 20 días) e de entre 40 e 65 euros nos de 21 a 50 días, chegando practicamente a igualar prezos uns cos outros.
No caso dos becerros carniceiros, a poxa pechouse á baixa con respecto á semana pasada, agás nos animais marcados como Ternera Gallega. Baixaron tanto os xatos frisóns procedentes de cebadoiro coma os de cruzamento industrial, que perderon de media 135 euros. No caso das femias cruzadas, o descenso foi moito menor (38 euros), pagándose de media a 1.339 euros, tan só 45 euros menos que os machos.
O vacún maior aguantou prezos, malia haber 76 vacas máis á venda que a semana pasada. As de categoría Extra perderon case 40 euros, pero as de Primeira gañaron 12 euros e as de Segunda 40 euros.
No que respecta ás mesas de prezos do resto de especies gandeiras, o porcino cebado segue en caída libre, cun novo descenso, na mesma tónica que nas últimas semanas. Os bacoriños, sen embargo, non se están a ver contaxiados, aguantando esta semana as cotizacións. No caso dos ovos, gañaron outros dous céntimos por ducia esta semana en todos os tamaños este martes en Silleda.
Pódese descargar o pdf completo das cotizacións desta semana neste enlace.
Galego









Control OJD