Nova suba dos becerros de recría en Silleda pola baixa afluencia

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada de novo pola menor concurrencia de gando o que segue a favorecer a suba dos prezos dos becerros de recría mentres baixa o vacún maior. O porco cebado tamén sube e mantéñense os prezos dos leitóns e os ovos

Nova suba dos becerros de recría en Silleda pola baixa afluencia

Ó igual que a pasada semana, a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou este martes unha asistencia de reses inferior á habitual debido, segundo os operadores que acoden á poxa, a que os gandeiros están a realizar labores de ensilado. Así, os gandeiros están a pospoñer a tramitación dos documentos dos animais e o seu envío á Central para atender os labores agrícolas da campaña de ensilado de herba.

Esta menor afluencia de gando favoreceu unha nova suba dos becerros de recría. Porén, os prezos do vacún maior, que a semana pasada tamén se incrementaran, nesta feira rexistraron unha baixada e unha maior afluencia de animais. Mentres, na mesa de cotización de porcino, tamén subiu o prezo de porco cebado e mantéñense sen cambios os leitóns. Tampouco houbo variacións nos ovos.

En canto ó gando vacún, nos becerros de raza Frisoa, a suba centrouse nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado. En concreto, o prezo situouse en 150 euros por becerro, 12 máis que a semana pasada. Namentres, no resto de categorías desta raza rexistrouse unha baixada dos prezos, que no caso dos xatos máis novos, ata 20 días, foi dun euro, situándose nos 122 euros. Nos animais de máis de 50 días, a baixada foi de 5 euros e o prezo quedou en 153 euros por xato.

Nos becerros de cruzamento industrial, nas categorías máis numerosas rexistrouse tamén unha suba dos prezos para os machos, mentres que as femias de tódalas idades se pagaron menos que na feira pasada. Así, nos xatos de menos de 20 días o prezo subiu ata os 299 euros por animal, 19 euros máis ca semana anterior. Non ocorreu o mesmo para as femias desta categoría, que se pagaron a 179 euros, 14 euros menos.

Nos xatos de 21 a 50 días, a sección con máis animais, o prezo incrementouse en 30 euros, chegando ós 350 euros por becerro nos machos e nas femias a baixada foi de 8 euros, pagándose a 213 euros. Por último, nos becerros de máis de 50 días o prezo baixou tanto para machos como para femias, pagándose os primeiros a 408 euros, 67 euros menos, e as xatas a 205 euros, 141 euros menos ca feira anterior.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, tamén rexistraron unha suba do prezo nos machos, cunha media de 879 euros por animal, 40 máis que a semana pasada. As femias baixaron uns 30 euros e o prezo medio foi de 778 euros.

Baixada do vacún maior

No referido ó vacún maior houbo unha maior afluencia de animais ca semana pasada con 196 animais e rexistrouse unha baixada xeralizada en case tódalas categorías. Así, na categoría segunda, a máis numerosa, o prezo medio foi de 721 euros, 10 por debaixo do que se pagou a semana pasada. Unha baixada similar experimentaron as vacas de primeira, pasando dun prezo medio de 1.100 euros na feira anterior ós 1.090 euros desta. A única diferenza veu marcada polas vacas de desvelle, onde o prezo subiu en 32 euros ata os 496 euros.

Central-Agropecuaria-Silleda-21_05_19-vacun-

Suba do porco cebado e sen cambios nos leitóns e os ovos

Na mesa de cotizacións de porcino acordaron subir o prezo do porco cebado en tódalas categorías. Así, o selecto e o normal soben 0,020 euros e quedan en 1,445 e 1,420 euros o quilo respectivamente. Na categoría de Canle II a suba foi de 0,026 euros e o prezo do quilo sitúase en 1,844 euros. Por último, nos animais de desvelle, o incremento foi de 0,010 euros e queda nun intervalo de 0,72 e 0,78 euros o quilo.

En canto ó leitón, mantivéronse os prezos da semana pasada. Deste xeito, o prezo por quilo é de 3,525 euros para os animais procedentes dunha única granxa. Neste caso, estes bacoriños acadan un prezo medio de 70,5 euros. Na mentres, os exemplares procedentes de varias granxas cotízanse a 65,5 euros por animal e a 3,275 euros o quilo.

Tamén os ovos seguen sen cambios esta semana. Así, por tamaños, os prezos da ducia de ovos é de 1,33 euros para XL, 0,99 para L, 0,96 para M e 0,81 para S.

As galiñas de desvelle rexistraron unha nova baixada, ó igual ca na semana anterior novamente de 0,01 euros, e o prezo medio sitúase nun intervalo de 0,10 e 0,18 euros o quilo.

No prezo do coello tampouco houbo cambios nesta xornada na Lonxa de Madrid e continúa o quilo a 1,85 euros.

Central-Agropecuaria-Silleda-21_05_19-porcino-

Cambios nas sesións de xuño pola Semana Verde

Por outra banda, debido á celebración da Semana Verde de Galicia, do 6 ó 9 de xuño, haberá varios cambios nos mercados do mes de xuño. Así, suspéndese o mercado do martes de 4 de xuño, coincidindo coa celebración da feira internacional.

Á semana seguinte, o mercado do martes 11 de xuño tamén se verá afectado e só se fará a poxa de becerros de recría. Neste caso, a apertura de portas para a recepción de gando farase a partir das 20.00 horas do luns 10 de xuño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información