Nova orde de axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios

O venres 16 sae a convocatoria que financiará investimentos, tanto para a construción e reforma de inmobles como a compra de maquinaria ou programas informáticos

Nova orde de axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios

Industria láctea. / Arquivo.

A Consellería do Medio Rural saca unha nova liña de axudas para a transformación e comercialización dos produtos agrarios, dotadas con case 19 millóns de euros ata 2028, no marco do Plan estratéxico da política agraria común (Pepac). Estas achegas, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia este venres 16 de xaneiro, contan con dúas liñas subvencionables, unha dirixida a investimento con obxectivos ambientais e outra centrada na concesión de achegas que aumenten o valor das producións agrarias.
Poden ser beneficiarios os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto desta axuda e fináncianse investimentos tanto para a construción e reforma de inmobles como para a compra de maquinaria e equipamentos novos ou programas informáticos, entre outros.

A industria agroalimentaria está formada en Galicia por unhas 1.400 empresas, cunha facturación anual superior a 12.500 millóns de euros

O Goberno galego destinou desde 2016 algo máis de 195 millóns de euros para apoiar 614 proxectos, destacando os sectores o lácteo e o cárnico, que foron a metade dos proxectos subvencionados. Por provincias, cómpre salientar que Lugo é a que conta con máis proxectos aprobados – un total de 225- e agrupou case o 50 % do investimento subvencionable. Tras ela, sitúase a provincia da Coruña con 165 proxectos aprobados; Pontevedra, con 127; e Ourense, con 97.

A industria agroalimentaria está formada en Galicia por unhas 1.400 empresas, cunha facturación anual superior a 12.500 millóns de euros e con case 35.000 persoas traballadoras. Desas 1.400, unhas 900 corresponden a industrias que procesan materias primas agrarias procedentes principalmente de explotacións galegas, así como as industrias de elaboración de produtos de alimentación animal, todas elas de importancia estratéxica para o sector agrario galego. Por iso, cómpre seguir apoiando a súa competitividade e sustentabilidade económica. Este é o motivo fundamental que está detrás desta liña de axudas á comercialización e transformación de produtos agrarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información