Nova normativa en Galicia sobre marcación de ovos

O texto legal regula onde debe realizarse a marcación e o código distintivo dos ovos, as autorizacións e os supostos en que se pode exceptuar a marcación, as normas de etiquetaxe dos estoxos e a embalaxe dos ovos, a etiquetaxe facultativa e os controis a que están sometidos os centros de embalaxe

galiñas fóra exterior interior granxa de polos poñedoras carne ovos interior 10

O consello de goberno da Xunta de Galicia ven de aprobar o decreto que regulará marcación de ovos. O novo regulamento establece que os ovos vendidos directamente aos consumidores polo produtor na explotación, na venda ao domicilio ou nun mercado público local seguirán quedando exentos da obriga da marcación, sempre que cumpran os requisitos fixados no decreto.

O texto legal regula todo o relativo a onde debe realizarse a marcación e o código distintivo dos ovos, o réxime das autorizacións, aqueles supostos en que se pode exceptuar a marcación de ovos, as normas sobre a etiquetaxe dos estoxos e a embalaxe dos ovos, a etiquetaxe facultativa e os distintos controis a que están sometidos os
centros de embalaxe.

Por outra banda, permítese, logo da autorización, a marcación dos ovos tamén nos centros de embalaxe e non só nas granxas, ao mesmo tempo que se axiliza o proceso de comercialización.

Desta forma, establécese a posibilidade de realizar a marcación de ovos no primeiro centro de embalaxe ao que cheguen, sempre e cando conte coa preceptiva autorización, á marxe de que, con carácter xeral, a marcación se levará a cabo na súa explotación de orixe.

Establécese, ademais, que seguirán exentos da obriga da marcación de ovos os vendidos directamente á persoa consumidora final polo produtor na explotación ou na venda ao domicilio en Galicia.

Tamén aqueles vendidos directamente ao consumidor final nun mercado público local, sempre que cumpran dous requisitos: 1) que a explotación conte cun máximo de 50 galiñas poñedoras 2) que o nome e apelidos da persoa produtora, no caso de persoas físicas, ou a razón social para persoas xurídicas, así como a dirección da explotación, en ambos os casos, estean indicadas no punto de venda de forma claramente visible e lexible.

O decreto, que conta co ditame favorable do Consello Consultivo de Galicia será publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entrará en vigor aos vinte días da súa publicación nese boletín.

Segundo a Xunta, “o novo decreto responde á obriga de respectar e trasladar a nova normativa comunitaria e estatal, e estableceun novo marco xurídico nesta materia que responda tanto a esa lexislación como ás competencias que ten Galicia neste eido.”

Dende o goberno galego sinalan que “a autorización de marcación nos centros de embalaxe, e as excepcións que se establecen á obriga da marcación teñen especial incidencia en Galicia, tendo en conta a importancia da venda directa deste produto na nosa Comunidade.”

Dende a Xunta lembran que “o sector dos ovos ten unha especial importancia no territorio galego, xa que a nosa comunidade conta con máis de dous millóns de galiñas, cun total de 94 explotacións que producen anualmente preto de cincuenta e dous millóns de ducias de ovos. A estas cifras cómpre engadir que Galicia conta cun total de 67 envasadoras deste produto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información