A nova norma sobre o caderno dixital, obrigatorio desde setembro de 2025, xa está a exposición pública

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación iniciou o procedemento de audiencia e información pública do real decreto que modifica a normativa para establecer a voluntariedade do caderno dixital de explotación agrícola. Esta iniciativa de simplificación forma parte das 43 medidas comprometidas polo Goberno para dar resposta ás preocupacións manifestadas por agricultores e gandeiros.

A nova norma modifica o real decreto que establece e regula o Sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras e da produción agraria (SIEX), para establecer a voluntariedade do uso deste caderno. Ademais, permitirá aos titulares de explotacións agrarias decidir, tamén de forma voluntaria, se pon a disposición da administración a información que cumprimentasen no caderno.

En relación co real decreto que establece normas para a nutrición sustentable nos solos agrarios, modifícanse as disposicións relativas ao caderno de explotación, o plan de abonado e aquelas que facilitan o uso de estercos e abonos orgánicos. Desta forma, exceptúase da obrigación de elaborar e aplicar un plan de abonado ás unidades de produción destinadas unicamente a pastos que non se fertilicen e a aquelas que non superen as 10 hectáreas de superficie, sempre que sexan de secaño ou estean dedicadas unicamente a pastos ou cultivos forraxeiros para autoconsumo.

No resto das explotacións, a obriga de elaborar e aplicar este plan comezará a partir do 1 de setembro de 2025.

En materia de fertilización, o asesoramento técnico será obrigatorio a partir do 1 de setembro de 2026 para unidades produtivas en zonas vulnerables, e 2027 para as demais unidades de produción.

Así mesmo, vanse levar a cabo axustes no reais decreto sobre o marco de actuación para conseguir un uso sustentable dos produtos fitosanitarios e no que establece as condicións de aplicación da normativa comunitaria en materia de hixiene na produción primaria agrícola, para adaptar os seus contidos a esta modificación do caderno de explotación.

As modificacións contidas neste novo real decreto terán carácter retroactivo, para evitar consecuencias sancionadoras ou restritivas de dereitos, no caso de que a súa publicación sexa posterior ao 1 de setembro de 2024, data na que comezaban a aplicarse as obrigas de cumprimento do caderno dixital.

O procedemento de consulta iníciase o 18 de xuño e finaliza o 26 de xuño. Toda a documentación sobre este proxecto pódese consultar picando nesta ligazón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información