A Consellería do Medio Rural anuncia que convocará en breve unha nova liña de axudas para a bioseguridade. Son as primeiras axudas financiadas con Fondos Next Generation que se publicarán en Galicia derivadas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo Goberno central. Trátase dunha orde cun orzamento de preto de 1 millón de euros dirixida a viveiros (490.324 euros) e a centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte de gando (410.578 euros), tal e como foi repartido na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, o pasado mes de outubro.
Estas achegas convocaranse en réxime de concorrencia competitiva e os investimentos que poden recibir subvención abranguerán fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización. Mentres, as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40 % e o 70 % do proxecto.
No caso das axudas aos viveiros, búscase financiar as instalacións de protección fronte a insectos vectores para produtores de materiais vexetais de reprodución. O obxectivo é manter ese material libre de determinados organismos nocivos, considerados de corentena consonte a normativa comunitaria de sanidade vexetal. O control deste material de reprodución é esencial na difusión destes organismos, pois está formado por sementes, plántulas, froiteiras ou outros materiais que posteriormente comercializan os viveiros. A axuda céntrase no control dos insectos que actúan como transmisores destes organismos nocivos instalando, por exemplo, estruturas de mallas ou dobre porta nos viveiros.
En canto aos centros de desinfección, perséguese financiar investimentos de bioseguridade para mellorar os centros de limpeza de vehículos de transporte de gando por estrada, ou para a construción de novos centros con esa finalidade. O seu obxectivo é modernizar estes centros e que haxa o número suficiente para evitar a transmisión de enfermidades polo uso de vehículos sen limpeza axeitada. Coas novas achegas, poderíanse financiar solados, peches ou lectores de matrículas, entre outras actuacións.
Reforzo á sanidade animal e vexetal
Coa nova liña de achegas, anunciada durante o Consello da Xunta celebrado este xoves, búscase consolidar Galicia como a comunidade coa mellor situación sanitaria gandeira en relación coas enfermidades dentro dos programas oficiais de erradicación, ó incidir na mellora dos centros de limpeza e desinfección dos vehículos de transporte de gando. Nese senso, Galicia vén de ser declarada a finais de 2021 rexión libre de tuberculose bovina, ademais de ser rexión libre de brucelose bovina, ovina e caprina.
En canto á sanidade vexetal, dende a Consellería do Medio Rural apuntan que están levando a cabo unha loita contra diversos organismos nocivos de corentena, algúns dos cales contan con insectos transmisores. É o caso do psílido africano dos cítricos, praga na que se están a ver importantes éxitos a través da loita biolóxica, pero que tamén precisa de medidas de control nos centros produtores de material vexetal.
Dende Medio Rural sinalaron que os fondos que asignou o Ministerio a Galicia son insuficientes para cumprir os obxectivos xerais das axudas, pero agárdase acadar con eles, cando menos, avances significativos.