Nova liña de axudas en 2025 para apoiar a incorporación de gandeiros e agricultores en ecolóxico

Esta partida estará incluída na solicitude única da PAC e as persoas interesadas en solicitalas deberán inscribirse no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica antes de finais de ano

conselleira monfero ecoloxico craega 2A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciou hoxe que a solicitude única da PAC do vindeiro ano incluirá unha nova convocatoria da liña de axudas a produtores ecolóxicos para apoiar a incorporación de agricultores e gandeiros neste ámbito. Explicou que os interesados deberán inscribirse no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) antes de finais de ano e cumprir os requisitos que se establecen para estar incluídos neste réxime de produción.

Segundo explicou María José Gómez, estas axudas teñen un carácter quinquenal e xa foran convocadas na campaña de 2023, polo que ata transcorridos os cinco anos do período de programación do Plan Estratéxico da PAC, as persoas que quixeran acollerse a esta axuda non o poderían facer ata o ano 2028.

Con esta iniciativa, a Consellería do Medio Rural afirma que “quere afondar no seu compromiso coa produción ecolóxica, e tenderlle a man a aqueles produtores que non puideron acollerse a estas achegas na anterior convocatoria, co fin de que non teñan que esperar durante cinco anos á apertura doutra nova”.

A conselleira fixo este anuncio na súa visita a unha explotación de produción de leite en sistema extensivo e de tipo ecolóxico situada no municipio coruñés de Monfero, que conta cun censo de arredor de 100 animais, e na que estivo acompañada polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.

Neste acto, Gómez puxo en valor o modelo produtivo en ecolóxico “pola súa contribución á sustentabilidade ambiental, económica e social do noso agro”. Neste contexto reiterou, ademais, a aposta da Xunta pola agricultura e a gandaría ecolóxicas.

A conselleira sinalou que deste modo se segue reforzando o sector agrogandeiro galego e contribuíndo tamén a cumprir os obxectivos establecidos na PAC e no Pacto Verde Europeo, en cumprimento da axenda 2030, cunha aposta decidida pola sustentabilidade medioambiental para chegar ao 25% de terra en cultivo ecolóxico para o ano 2030.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información