O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o Decreto da Consellería do Medio Rural que regula a nova estrutura e o sistema de funcionamento do Observatorio Lácteo de Galicia, co fin de aumentar a cantidade de información dispoñible, a transparencia e a calidade na publicación de datos. Trátase, segundo o goberno galego, de “mellorar este órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo para dotalo de ferramentas para a toma de decisións empresariais e de estratexia do mercado”.
“O sector lácteo é un motor da economía agraria galega con máis de 2,9 millóns de toneladas producidas ao longo do ano 2023, que acadaron un valor superior aos 1.500 millóns de euros pagados aos produtores e produtoras de Galicia. Co fin de dotar este sector dunha ferramenta de planificación estratéxica e que achegue transparencia e información dun xeito eficaz, faise preciso impulsar, mediante unha nova regulación, o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia”, engaden. A última vez que se reuniu o pleno deste organismo foi en marzo de 2023.
En concreto, dende a Consellería do Medio Rural destacan que “o Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007, pero o tempo transcorrido dende aquela e os cambios experimentados nestes anos na produción e na industria, así como na evolución do consumo e dos mercados do leite e dos produtos lácteos a nivel nacional e internacional, aconsellan adaptalo á realidade actual”.
Quen formará parte do Observatorio?
Así, a norma aprobada hoxe cambia a composición do observatorio para acoller todos os elos da cadea de valor do leite: produción, industria, distribución e consumo. Así mesmo, redefine as funcións da Presidencia, da Secretaría e das vogalías que o conforman (21 en total). Neste sentido, dende o departamento que dirixe María José Gómez destacan a incorporación a unha das vogalías da organización de produtores lácteos de Galicia con maior representatividade. “Esta incorporación obedece á necesidade de que no observatorio figuren representados todos os sectores que traballan directa ou indirectamente no sector lácteo”, subliñan.
En concreto, integrarán o Pleno do Observatorio Galego do sector lácteo 3 representantes da Consellería do Medio Rural, outros 3 por parte da industria láctea; 3 en representación da distribución; 4 representantes das organizacións máis representativas por parte dos produtores -Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia e Agromuralla-; 1 representante da organización de produtores lácteos con maior representatividade -ULEGA, 1 representante do Consello Galego de Consumidores; 2 representantes das asociacións de mulleres rurais; 1 representante do LIGAL, 1 vogal en representación de FEFRIGA e 2 representantes das principais cooperativas lácteas de Galicia -CLUN e AIRA-.
Ademais, co fin de fortalecer o seu funcionamento ordinario, permítese a creación de grupos de traballo coa participación de persoas expertas no sector lácteo alleas ao observatorio. Outra das novidades salientables, canto ás funcións do Observatorio, é o feito de engadir entre elas o estudo da cadea de valor e das relacións comerciais e contractuais, pola importancia que esta materia ten no tecido do sector lácteo e na determinación dos prezos. Así, entre as funcións deste órgano engádese explicitamente a do “estudo da cadea de valor e das relacións comerciais e contractuais entre os distintos elos da cadea alimentaria”.
Xuntanzas do Pleno
Así mesmo, establécese un período máis amplo entre cada xuntanza ordinaria do Pleno do Observatorio (pásase das trimestrais a unha de carácter anual), para poder contar con datos consolidados á hora de exercer as funcións atribuídas ao Observatorio. Con todo, prevese a posibilidade de que se poidan organizar as reunións que fosen precisas, sen someterse a esta periodicidade, en sesións extraordinarias.