Nova convocatoria do Perte Agroalimentario para o día 19 de setembro

O prazo de solicitude estará aberto até o 21 de outubro, pero os fondos outorgaránse por orde de presentación. Financiaranse investimentos en equipos para Pemes, investigación e innovación e proxectos de sustentabilidade e eficiencia enerxética

visita ás instalacións da empresa no polígono industrial de Castro Ribeiras de Lea, en Castro de Rei, na que estivo acompañado polo director xeral da firma, Sergio Martínez, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

O director xeral de Innolact, Sergio Martínez, explica o proceso de produción ao delegado do Goberno en Galicia

O Goberno abrirá o vindeiro día 19 de setembro o prazo de solicitude para acceder ás axudas do PERTE Agroalimentario na súa segunda convocatoria, que contará con tres liñas de actuación; unha nova liña de apoio directa para investimentos en equipos para Pemes e dúas máis, unha dedicada á investigación, desenvolvemento e innovación e outra á innovación en sustentabilidade e eficiencia enerxética.

Os proxectos que se presenten, ademais de encadrarse nunha destas liñas, deberán situarse, polo menos, nalgunha das seguintes prioridades temáticas: economía circular e ecoinnovación; descarbonización, eficiencia enerxética, novas fontes de enerxía renovable e redución de emisións contaminantes; materiais e produtos avanzados; innovación en procesos de calidade e seguridade e/o proxectos baseados en tecnoloxías dixitais.

O proceso de adxudicación será por concorrencia non competitiva, asignando os fondos por orde de solicitude

Nesta segunda edición do PERTE Agro, o proceso de adxudicación será por concorrencia non competitiva, o que significa que os proxectos serán analizados por orde de entrada. Aqueles que cumpran os requisitos, iranse resolvendo ata esgotar os créditos dispoñibles, o que redunda na axilización no cobro das axudas.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 21 de outubro de 2024. Así mesmo, o prazo de execución dos proxectos será de dous anos a partir da resolución definitiva das axudas, segundo as bases da convocatoria, publicadas o pasado 22 de agosto no Boletín Oficial do Estado (BOE).

O exemplo de Innolact

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou este mércores en Castro de Rei a empresa Innolact, especializada na elaboración de queixos crema, e púxoa como exemplo da oportunidade que representan as axudas do PERTE Agro para modernizar e facer máis competitiva a industria agroalimentaria.

O delegado do Goberno aproveitou para animar ás empresas e pemes galegas a non deixar pasar a “oportunidade única” que supoñen as novas axudas do PERTE Agro, que se poderán solicitar a partir do 19 de setembro, por valor de 100 millóns de euros, ás que se sumarán proximamente outros 200 millóns da adenda en forma de préstamos “para transformar a nosa economía cara un modelo máis innovador, eficiente, dixital e sostible”.

O PERTE Agro mobilizou na primeira convocatoria máis de 54 millóns en axudas aos catro proxectos nos que participan empresas galegas

Innolact, que comercializa os seus produtos baixo a firma Quescrem, é unha empresa innovadora que dá traballo a máis de 100 persoas e recibiu máis de 734.704 euros do PERTE Agro no marco do proxecto AccelerEAT. Estes cartos veñen a sumarse aos recibidos pola empresa para distintos proxectos financiados polo CDTI con fondos FEDER, cos que, en conxunto, se mobilizaron investimentos en materia de investigación, innovación e desenvolvemento por valor de máis de 3,3 millóns de euros na empresa Innolact.

Entre as actuacións a financiar con cargo ao PERTE concedido figuran a investigación de novos ingredientes e novos materiais e envases sostibles para o sector alimentario elaborados a partir de subprodutos; a creación dun xemelgo dixital para reducir ineficiencias no proceso de produción de produtos lácteos; a implantación de blockchain e códigos QR para rastrexar e garantir a seguridade alimentaria, ou a introdución de robots colaborativos nas liñas de envasado, etiquetaxe e almacenado para a optimización dos procesos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información