Coa finalidade de apoiar á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas por grupos de produtores, a Consellería do Medio Rural abre unha convocatoria de axudas. As achegas contan cun orzamento total de algo máis de 3,2 millóns de euros, dos cales 2,2 son para a anualidade de 2026 e o millón restante para o 2027.
A convocatoria beneficia a aquelas agrupacións nas que participan produtores, é dicir, os titulares de explotacións agrarias e das instalacións de transformación, de alimentos galegos acollidos aos diferentes réximes de calidade, como son as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas, os produtos ecolóxicos ou de Artesanía Alimentaria. Esta axuda enmárcase no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027.
Son subvencionables aquelas actividades enmarcadas en proxectos de cooperación dirixidos a animar ao consumidor a adquirir produtos en réximes de calidade. En particular, as que se realicen no marco de accións promocionais, publicitarias ou de información e difusión dos requisitos técnicos dos réximes de calidade e coñecementos científicos relacionados con el.
Tamén se ten en conta a organización de misións comerciais directas ou inversas; a elaboración de plans estratéxicos, estudos técnicos, de mercado, de concepción; e a creación de produto dentro do marco definido no prego de condicións de cada réxime, así como a preparación de material divulgativo e de promoción. Por último, contémplanse accións dirixidas á organización, o patrocinio e/ou a participación en foros, intercambio de coñecemento entre empresas, concursos, exhibicións, exposicións, feiras, visitas educativas e outros eventos.
Galego









Control OJD