A Xunta prevé sacar una nova orde de axudas destinadas á destilación voluntaria de viño en época de crise. O Goberno galego, a través da Consellería do Medio Rural, en coordinación co sector vitivinícola, solicitou de novo á Comisión Europea a destilación en crise como medida puntual e excepcional.
Fai esta solicitude a través do Goberno Central e xurde a raíz da comunicación por parte do Ministerio de Agricultura ás comunidades autónomas sobre a autorización da Comisión Europea para realizar a destilación. A orde de axudas terá un presuposto de 663.589 euros de fondos propios da Xunta.
Deste xeito, subvencionaranse as adegas que voluntariamente decidan levar a cabo esa destilación do viño para convertelo en alcohol de uso industrial. A finalidade é, por un lado, rebaixar a estocaxe de viño acumulado nas adegas, e por outro, dar saída ao produto almacenado sen provocar unha distorisión no mercado, tanto en cantidade como en prezo. As adegas beneficiarias serán, unicamente, as adscritas ás denominación de orixe protecidas (DOP) Ribeiro e Monterrei, destinando 0,88 euros/litro e 0,965 euros/litro, respectivamente.
O prazo para presentar as solicitudes de pagamento das axudas finaliza o 20 de decembro e a destilación deberá rematar o 15 de decembro.
A destilación de crise é unha das actuacións de intervención de mercados que permite a Unión Europea cando se dá unha situación derivada da problemática na comercialización dos viños, especialmente dos tintos e rosados.
Galego









Control OJD