A Central Agropecuaria de Galicia celebrou este martes unha nova sesión da súa Mesa de Prezos, na que mantivo a cotización nas distintas categorías de coellos, galiñas e ovos, pero na que o porcino leitón sufriu un novo descenso de 3 euros.
É a terceira baixada consecutiva nos bacoriños, que xa sufriran un descenso de 4 euros por animal na semana anterior e outros 3 euros na semana do 20 de maio. No último mes, a baixada é de 12,5 euros, sumando a caída de 2,5 euros na sesión do 13 de maio, pasando os lotes de 500 porcos de procedencia única (animais de 20 kg) de valer 92 euros a unidade a 79,5 e os lotes de menos de 500 porcos procedentes de varias explotacións de 87 euros a 74,5.
Polo demais, esta semana non houbo feira de gando vacún por mor dos preparativos para que as instalacións acollan a Semana Verde. A vindeira semana retomaranse as poñas só de becerros de recría, con apertura de portas para a entrada e recepción de gando a partir das 22 horas do luns 9 de xuño.
Imposición de topes
A organización do mercado semanal informa ademais que haberá topes para o gando nas vindeiras sesións debido a que o feito de non terse celebrado poxa esta semana fai previsible unha alta concorrencia nas seguintes sesións.
Na categoría de becerros de recría esta aplicación de topes realizarase xa dende a poxa do 10 de xuño e ata que as instalacións do mercado conten con capacidade para acoller a un maior número destes animais.
No caso das poxas de vacún maior e becerros carniceiros, os topes aplicaranse nas sesións dos días 17 e 24 de xuño, co obxectivo de non superar a cifra máxima establecida para garantir o benestar animal.

Galego









Control OJD