Nova baixada dos prezos do gando en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra por segunda semana consecutiva unha redución xeral das cotizacións tanto dos becerros de recría, coma dos carniceiros e do vacún maior. As mesas do porcino e os ovos mantéñense sen cambios

Nova baixada dos prezos do gando en Silleda

Animais no mercado de gando de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia–Abanca experimentou este martes unha nova baixada xeral dos prezos. As reducións producíronse en boa parte das categorías da recría, becerros carniceiros e do vacún maior, aínda que tamén houbo algunhas excepcións á alza. Na mentres, as mesas de porcino continúan unha semana máis sen cambios e tamén se manteñen sen variacións os ovos.

En concreto, nos becerros de recría as baixadas foron xerais. Nos tenreiros frisóns de menos de 20 días a redución foi de 3 euros e quedaron cun prezo medio de 82 euros. A única excepción á alza na recría desta raza produciuse nos animais de entre 20 e 50 días, que incrementaron o seu valor en 12 euros, ata situarse nos 102 euros. Nos animais de máis idade, os de máis de 50 días, houbo unha baixada de 8 euros e pasan a cotizarse a 121 euros.

A caída dos prezos afectou tamén ós machos de cruces industriais. Nos animais de menos de 20 días, a baixada foi de 48 euros e pasan a 202 euros. Pola contra, as femias desta sección sumaron 25 euros e véndense a 147 euros. Nos becerros de 20 a 50 días, produciuse unha redución de 8 euros ata os 254 euros no caso dos machos, mentres que nas femias descontáronse 10 euros e o prezo medio sitúase nos 164 euros. Nos becerros de máis de 50 días, os machos reduciron o seu valor en 50 euros ata os 337 euros. As femias cotízanse a 267 euros, logo dun aumento de 13 euros.

Nos becerros carniceiros de cruces industriais houbo unha baixada de 47 euros, polo que pasan a cotizarse a 784 euros. As femias desta categorías experimentaron tamén unha redución de 88 euros, polo que quedan en 633 euros. Nos exemplares de Rubia Galega houbo unha caída de 67 euros para os machos, de xeito que agora se sitúan nos 888 euros de media. As femias desta raza incrementaron o seu prezo en 49 euros e cotízanse agora a 795 euros. Os becerros frisóns acadaron esta semana un prezo medio de 467 euros, 63 euros por encima do prezo acadado polo único animal adxudicado na pasada feira. Os exemplares que contaran co selo Ternera Galega Suprema tiveron un valor medio de 838 euros, 123 euros menos que a semana pasada.

A tendencia á baixa tamén se notou no vacún maior. As vacas da categoría extra tiveron un prezo medio de 1.674 euros, tras descontar 123 euros. Nos exemplares de primeira, a redución foi de 80 euros e pasan a cotizarse a 1.095 euros. Nas vacas de segunda houbo unha baixada de 9 euros, polo que acaban en 703 euros de media. A única excepción á alza chegou coas vacas de desvelle que, tras unha suba de 10 euros, cotízanse a 444 euros. Os exemplares de Vaca e Boi de Galicia vendéronse a 1.088 euros, lonxe dos 1.802 euros que acadou a semana pasada o único animal con este selo.

Central-Agropecuaria-Vacuno-20_10_2020

Sen cambios no porcino

As mesas de negociacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios. Deste xeito, o porco cebado da categoría selecta está a 1,325 euros o quilo, mentres que o normal se atopa a 1,3 euros. Nos Canal II o prezo medio é de 1,688 euros por quilo e os exemplares de desvelle cotízanse entre os 0,47 e os 0,53 euros.

Nos leitóns, os animais procedentes dunha única gandería continúan asentados nos 35 euros, situándose a 1,75 euros por quilo. Nos exemplares procedentes de varias granxas, o prezo por quilo é de 1,5 euros e por animal acadan os 30 euros.

O mercado do ovo afronta esta semana tamén sen variacións. Así, os ovos da XL cotízanse a 1,52 euros a ducia, os da L atópanse a 1,12 euros, os da M están a 0,94 euros e os da S véndense 0,78 euros.

As galiñas de desvelle semipesadas, as situadas entre os 2,1 e 2,2 quilos, están nun valor entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo, igual que a semana pasada.

Na lonxa de Madrid, o coello mantense sen modificacións e continúa a 2,15 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Porcino-20_10_2020-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información