Nova baixada dos prezos da recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha redución dos prezos dos becerros de recría. Leve recuperación nos tenreiros carniceiros e no vacún maior. As mesas do porcino seguen acordando baixadas para o porco cebado e estabilízase o prezo dos leitóns

Nova baixada dos prezos da recría en Silleda

Recría nas instalacións do recinto feiral de Silleda (Pontevedra). // Foto de arquivo.

Este martes a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou unha baixada xeral nos prezos dos becerros de recría. Nos tenreiros carniceiros, así como no vacún maior, houbo unha leve recuperación. Unha semana máis, as mesas do porcino acordaron novas baixadas dos prezos para o porco cebado, mentres que os bacoriños logran estabilizarse. O mercado do ovo mantense sen cambios.

Na sesión de hoxe tamén se anunciou a suspensión da última poxa de gando deste mes de agosto, a do martes 31, debido á celebración da feira Abanca Semana Verde, que terá lugar do venres 3 ó domingo 5 de setembro. Ademais, a poxa do martes 7 de setembro tamén se verá afectada e só haberá becerros de recría.

No referido á sesión desta mañá, na recría apreciáronse destacadas baixadas dos prezos e contadas excepcións. No gando frisón, os becerros de menor idade, os de menos de 20 días foron dos poucos que experimentaron unha suba (de 5 euros) e pasan a cotizarse a 78 euros. Mentres, nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa da feira, houbo unha baixada de 8 euros, que deixa un prezo medio de 94 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, o desconto foi dun euro e páganse a 116 euros.

Os becerros carniceiros experimentaron destacadas baixadas dos prezos nesta xornada. Os máis novos, os de menos de 20 días, descontaron 36 euros e sitúanse en 212 euros. As femias desta sección tiveron mellor sorte e incrementaron en 6 euros o seu prezo, ata acadar os 162 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, houbo unha rebaixa de 6 euros, que os sitúa en 249 euros. Nas femias, de novo produciuse unha suba, nesta ocasión de 15 euros, de xeito que conseguen os 202 euros. A baixada máis acusada foi a dos becerros de máis de 50 días, cunha rebaixa de 47 euros, ata caer a 365 euros. Tamén as femias desta sección experimentaron unha redución do prezo (en 9 euros), o que as deixa nun prezo medio de 320 euros.

Na recría de Rubia Galega, esta semana os machos de máis idade, os de máis de 50 días, experimentaron unha suba de 21 euros e marcan un prezo de 456 euros. A deste martes foi unha xornada cunha destaca afluencia e venda de animais desta raza, cun total de 23 animais adxudicados, logo de varias semanas cunha menor presenza deste gando.

Houbo unha leve recuperación dos prezos nos becerros carniceiros. Nos exemplares de raza Frisoa o valor incrementouse en 54 euros e acadan os 583 euros. Pola contra, as femias tiveron un prezo medio de 284 euros, moi por debaixo dos 596 euros que fixara a única femia vendida a semana pasada. Nos becerros de cruzamentos industriais, os machos experimentaron unha suba de 51 euros e de novo as femias sufriron unha redución do prezo, desta vez en 89 euros. Así, cotízanse a un prezo medio de 894 e 719 euros, respectivamente. Nos becerros de Rubia Galega houbo baixada tamén para os machos, que descontaron 22 euros e sitúanse a 931 euros. Nas femias, a redución foi de 99 euros e quedan en 795 euros. Pola súa banda, os becerros co selo Ternera Gallega Suprema acadan un valor medio de 1.023 euros, logo dunha suba de 119 euros.

No vacún maior, a tendencia foi tamén á alza. Nas vacas da categoría extra houbo unha suba de 58 euros que lles permite acadar un prezo medio de 1.877 euros. Nos animais de primeira o incremento foi de 20 euros e sitúanse en 1.121 euros. Tamén as vacas de descarte experimentaron unha suba de 10 euros que as deixa nos 478 euros. A única excepción protagonizárona as vacas de segunda, que descontaron 24 euros e caen ata os 716 euros. Os animais co selo Vaca e Boi de Galicia experimentaron tamén un incremento de 687 euros, o que lles permite acadar un prezo medio de 1.939 euros.

Central agropecuaria vacuno 03_08_2021

Continúan as baixadas no porco cebado

Esta semana, as mesas de cotizacións do porcino acordaron novas baixadas das cotizacións no porco cebado. No porco selecto e no normal o prezo reduciuse 0,03 euros, polo que se cotizan a 1,305 e 1,280 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,662 euros, logo dunha baixada de 0,039 euros. Os porcos de desfeito mantéñense esta semana sen cambios e cotízanse entre os 0,52 e os 0,58 euros o quilo.

Nos leitóns conseguen estabilizar o prezo, logo de acumular varias semanas con importantes baixadas. Así os exemplares procedentes dunha única granxa mantéñense nos 35 euros (cun prezo de 1,75 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías están nos 30 euros e cun prezo por quilo de 1,5 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Deste xeito, os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M atópanse a 1,28 euros e os da S páganse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue unha semana máis en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central agropecuaria porcino 03_08_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información