Nova baixada da recría en Silleda e leve recuperación de prezos no vacún maior

Nova baixada da recría en Silleda e leve recuperación de prezos no vacún maior

A mala coxuntura actual da comercialización de carne de vacún está a lastrar os prezos nos mercados gandeiros, principalmente na recría. En Silleda, unha semana máis produciuse unha baixada notoria dos prezos na recría. Nos xatos frisóns, a categoría máis concurrida, a de machos de 21 a 50 días, comercializouse de media a 179,90 euros, polos 214 da anterior sesión.

En cruces, no treito de 21 a 50 días, os machos caeron de media 83 euros, cotizando a 508 euros, e as femias da mesma idade vendéronse a 323 euros de media, polos 501 da semana anterior.

Tamén houbo baixadas nos machos pasteiros con destino a cebadeiro, en especial nos de Rubia Galega, que a sesión anterior se venderan a 1.144 euros e esta semana quedáronse en 922. Nas femias de pasteiros, sen embargo, houbo unha certa subida, de 75 euros nas cruzadas e duns 37 euros nas de Rubia Galega.

A afluencia de xatos de recría foi de 893 animais (+ 174 en comparación coa semana pasada).

Lixeiro repunte do vacún maior
O vacún maior experimentou hoxe unha sesión á alza no mercado de Silleda, con subas de 46 euros de media nas vacas de categoría extra e de 114 euros nas de primeira, o que permite recuperar parte do perdido nas semanas anteriores.

Nos becerros carniceiros, a categoría máis concurrida, a de cruces, experimentou lixeiras subidas, cunha revalorización media das femias en máis de 70 euros e dos machos en máis de 25 euros.

Suspensión da lonxa de recría do martes 11 de agosto
A organización da feira lembra que o próximo martes non haberá poxa de recría, pola proximidade do festivo do día 15, pero mantéñense o resto de subastas (vacún maior, becerros carniceiros e pasteiros).

Prezos silleda

Pódense ver tódolos prezos de gando e das mesas de prezos de porcino, coellos e avícola neste documento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información