Notable afluencia e facturación no vacún maior e nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria rexistra novos máximos debidos a unha maior asistencia de animais e ventas. Na recría e nos becerros carniceiros houbo baixadas en boa parte das seccións. Os leitóns continúan á baixa e o mercado do ovo mantense sen cambios

Notable afluencia e facturación no vacún maior e nos becerros carniceiros en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda (Pontevedra). // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca acadou este martes varias cifras máximas anuais, motivadas por unha notable asistencia e facturación en dúas das categorías: o vacún maior e os becerros carniceiros, que superaron as marcas máximas. Así, no vacún maior rexistrouse a asistencia máis alta do ano, con 278 animais, fronte ós 226 exemplares que acudiron á poxa o 6 de abril e que eran a mellor marca ata hoxe. Nesta xornada tamén se acadou un novo récord no volume de transaccións, con 284.812 euros, superando os 225.420 euros da sesión da semana pasada, que figuraba como a maior do ano.

Ademais, na categoría de becerros carniceiros acadouse tamén a maior asistencia e facturación do ano, con 139 animais, fronte ós 134 que acudiron o 16 de marzo e supoñían o máximo do ano. En canto á facturación, neste caso logrouse acadar os 98.461 euros, e a cifra récord situábase nos 94.359 euros do 16 de marzo. Por outra banda, o volume total de transaccións da poxa tamén foi o maior do que levamos de ano, con 479.997 euros, mentres que ata o momento, en 2021, as mellores cifras foran os 400.184 euros do 27 de abril.

Á marxe destas cifras de récord, a xornada caracterizouse por unha tendencia á baixa tanto na recría coma nos becerros carniceiros ou no vacún maior. Nas mesas de porcino, o porco cebado mantense, mentres os leitóns continúan con reducións dos prezos. O mercado do ovo e o coello seguen sen cambios esta semana.

Nunha análise máis polo miúdo, na recría de raza Frisoa, os animais máis novos, os de menos de 20 días, experimentaron unha suba de 9 euros, ata situarse nos 93 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia do mercado, o prezo mantívose semellante á semana pasada, só cunha lixeira baixada dun euro que o deixa nos 106 euros. Porén, os tenreiros de máis de 50 días acusaron unha baixada de 20 euros, ata cotizarse a 111 euros.

Na recría de cruzamentos industriais, os becerros máis novos experimentaron unha suba de 32 euros, de xeito que acadan os 202 euros de media. Nas femias desta sección, o valor medio foi de 156 euros, logo dunha baixada de 45 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, produciuse unha redución de 21 euros, que deixa o prezo nos 268 euros. Nas femias, a baixada foi de 6 euros e agora cotízanse a 201 euros. Nos animais de máis de 50 días houbo unha suba de 18 euros para os machos e de 25 para as femias, polo que acadan un prezo medio de 370 e 308 euros respectivamente.

A xornada deixou destacadas reducións das cotizacións nos becerros carniceiros. Nos cruces industriais a baixada foi de 106 euros para os machos. Mentres, nas femias produciuse unha suba de 12 euros. Os becerros da raza Rubia Galega descontaron 130 euros, polo que pasan a cotizarse a 844 euros. As femias correron mellor sorte e experimentaron unha suba de 73 euros, de xeito que se pagan a 870 euros. O único becerro frisón adxudicado fixou un prezo medio de 583 euros, 20 euros menos que na feira pasada. As femias desta categoría experimentaron unha baixada de 82 euros e quedan en 368 euros. Os animais co selo Ternera Gallega Suprema acadaron un prezo medio de 955 euros, o que supón unha suba de 12 euros con respecto da semana anterior.

No vacún maior, as vacas da sección extra cotizáronse a 1.804 euros, o que supuxo unha baixada de 6 euros. Os animais de primeira lograron unha suba de 3 euros, ata acadar os 1.143 euros. O incremento máis destacado foi o das vacas de segunda, que sumaron 49 euros e sitúanse en 759 euros. Mentres, as vacas de desvelle tiveron una baixada de 20 euros e quedan en 463 euros.

Central Agropecuaria de Galicia Vacuno 11_05_2021_

Novas baixadas nos leitóns

As mesas de cotizacións do porcino acordaron unha baixada dos prezos dos leitóns, mentres que o porco cebado continúa sen cambios esta semana. Así, o porco selecto e o normal cotízanse a 1,515 e 1,490 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II están a 1,935 euros. Os porcos de desfeito sitúanse entre os 0,77 e os 0,83 euros o quilo.

Nos leitóns a baixada foi esta semana de 4 euros para tódalas categorías. Os animais de 20 quilos procedentes dunha única gandería quedan en 65 euros, cun prezo de 3,25 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 3 euros o quilo e o exemplar ten un valor de 60 euros.

O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Así, os ovos da XL cotízanse a 1,64 euros a ducia, os da L están a 1,21 euros, os da M páganse a 1,08 euros e os da S quedan en 0,84 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, teñen un valor de entre os 0,13 e os 0,20 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo cotízase a 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria de Galicia Porcino 11_05_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información