Nos últimos 5 anos en Galicia pasaron ao abandono unhas 150.000 hectáreas

Nos últimos 5 anos en Galicia pasaron ao abandono unhas 150.000 hectáreas

Terra agrícola recuperada por Alejandro na Pontenova

Galicia foi a terceira comunidade autónoma que porcentualmente máis hectáreas perdeu nas axudas da PAC nos últimos cinco anos, só por detrás de La Rioja e do País Vasco. En concreto, entre a campaña da PAC 2013 e a do 2017 a superficie declarada en Galicia para estas axudas pasou de 587.872 hectáreas a 438.258 hectáreas, é dicir unha perda de superficie agraria cultivada de 149.614 hectáreas e un 25,45% menos.

Así se desprende da comparación entre os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) -o organismo do Ministerio de Agricultura responsable da xestión das axudas da PAC- sobre as solicitudes únicas de axudas e de superficies declaradas por Comunidades Autónomas dos anos 2013 e 2017.

No conxunto de España a superficie agraria declarada nas axudas da PAC caeu no mesmo período un 13,07%, pasando de 24.573.250 hectáreas a 21.360.369. As comunidades nas que menos caeu a superficie declarada foron Andalucía, Castela e León e Extremadura.

En canto ao número de solicitudes de axudas da PAC presentadas, en 2017 ascendeu en España a 745.166, un 18,54% menos que hai cinco anos, cando se presentaron 914.819 solicitudes. Por comunidades autónomas, en Galicia a caída foi similar á media do estado, un 17,53%, pasando de 36.456 solicitudes presentadas no ano 2013 a 30.065 neste 2017. As Comunidades nas que máis caeron nestes últimos 5 anos o número de solicitantes das axudas da PAC foron a Comunidade Valenciana, A Rioxa e Madrid, e nas que menos redución houbo de solicitudes foron Asturias, Andalucía e Cantabria.

REDUCCION_AXUDAS_PAC

Fonte: Fega

Valoración das organizacións agrarias

Para a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, estes danos “confirman que non hai un proxecto para o agro galego, e que nos últimos anos non se actuou por parte da Administración para que a superficie das granxas que abandonan a actividade siga tendo un uso agrario, como tampouco se actuou dende a Xunta para frear as forestacións ilegais de terras agrarias, principalmente con eucalipto”.

Isabel Vilalba advirte de que “a día de hoxe a Superficie Agraria Útil de Galicia debe andar polo 21% do territorio galego”, unha das porcentaxes máis baixas de España e da Unión Europea. A responsable do Sindicato Labrego vincula tamén esta perda de superficie declarada na PAC, e polo tanto activa na agricultura e na gandería, “ao peche das Oficinas Agrarias Comarcais, e á falta e medios do Banco de Terras para mobilizar as terras abandonadas”.

Javier Iglesias (Unións): “En cinco anos o 20% da superficie agraria útil de Galicia pasou ao abandono”

Pola súa parte, Javier Iglesias, responsable de Gandería de Unións Agrarias, atribúe boa parte desta caída no número de hectáreas de superficie agraria polas que se solicitan axudas da PAC, “ao exceso de celo da Consellería do Medio Rural, que no ano 2015 decidiu eliminar de oficio das axudas da PAC os pastos arbustivos e baixo arborado de menos de 0,3 hectáreas, unha decisión que creo que ronda a ilegalidade”. Tamén como outra das causas sitúa “as maiores dificultades a partir do ano 2015 para o aproveitamento dos pastos en montes comunais”.

“O que é evidente é que dende 2013 Galicia perdeu 150.000 hectáreas de terras en produción, que representan o 20% da SAU da comunidade, e que pasaron sobre todo ao abandono”, advirte o representante de Unións.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información