A Unión Europea afrontará nos próximos anos un reto crucial: Boa parte dos agricultores e gandeiros xubilaranse sen que na maioría dos casos haxa quen continúa coas súas explotacións, o que plantea un enorme reto a nivel de xestión do territorio pero sobre todo para seguir producindo alimentos de calidade, un sector no que a Unión Europea é primeira potencia a nivel mundial, con 228600 millóns de euros en exportacións agrogalimentarias en 2023.
É certo que a produción se concentra en cada vez menos explotacións, pero isto supón problemas tanto de xestión do territorio (moitas fincas quedan abandonadas, co conseguinte risco de incendios), como a nivel de xestión dos xurros (concentración da gandería en moi poucas comarcas) e de aceleración do despoboamento do rural.
O problema da falta de relevo xeneracional no campo agrávase no caso de Galicia, onde só o 12% dos titulares de explotacións agrarias e gandeiras teñen menos de 44 anos -e só o 3,5% menos de 35 anos-, mentres que case o 72% teñen máis de 55 anos.
Para abordar este reto de toda a sociedade, o Foro Económico de Galicia reuniu o pasado 27 de xuño en Santiago de Compostela a investigadores e representantes do sector para analizar os retos e oportunidades do relevo xeracional no sector agrario galego.
A realidade do problema en Europa, España e Galicia
Como punto de partida, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Edelmiro López Iglesias, realizou unha análise de como se atopa o relevo xeneracional na Unión Europea, en España e en Galicia.
Neste sentido, subliñou que “aínda que o avellentamento dos titulares de explotacións agrarias e gandeiras é un problema xeral na UE, hai notables diferenzas rexionais, cos mellores datos nos estados máis desenvolvidos (Alemaña, Francia ou Austria) e logo de forma excepcional en Polonia”.
E cal é a situación en Galicia? No contexto europeo sitúase entre as rexións con maior avellentamento dos activos do sector agrogandeiro: Só o 3,5% das persoas xefas de explotación (unhas 2.700, cos datos do ano 2020) son menores de 35 anos, e o 8,7% de 35 a 44 anos. Fronte a iso, o 48,3% conta con 65 ou máis anos, e outro 23,4% de 55-64 anos. É dicir, o 72% dos titulares de explotacións agrogandeiras en Galicia é probable que cese a súa actividade nos próximos 10 anos.
Edelmiro López destaca que “no caso do agro galego o envellecemento é superior á media española, situándose entre os máis altos das 17 Comunidades Autónomas”.
Porén, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela salienta que “existen grandes diferenzas na idade media dos titulares segundo a dimensión económica das explotacións, que se trasladan, en parte, aos datos por orientación produtivas”.
“O problema do relevo dase tamén nun bo número de medianas e mesmo grandes explotacións”
“Como cabería esperar, semella pois que a dimensión económica, e polo tanto a capacidade da explotación para xerar unha renda adecuada, é un elemento fundamental que condiciona a existencia de relevo xeracional, e a incorporación de agricultores/as mozos/as”, conclúe.
En todo caso, matiza que “mesmo nos tres estratos superiores de tamaño (produción superior a 50.000 euros) hai ao redor do 40% (preto de 4.000 en cifras absolutas) cuxo titular ten 55 ou máis anos; e en concreto un 10% con 65 ou máis anos, o que nos indica que o problema do relevo dase tamén nun bo número de medianas e mesmo grandes explotacións”
Existen tamén diferenzas no relevo xeneracional segundo as orientacións produtivas, sendo maior o peso relativo dos/as titulares mozos/as no vacún de leite, vacún de carne, granívoros e horticultura de invernadoiro, aínda que estes dous últimos subsectores teñen un peso cuantitativo moi reducido.
“O relevo xeneracional no agro en Galicia concéntrase en boa medida en poucas comarcas”
Para Edelmiro López Iglesias, esta dinámica implica dúas consecuencias no plano de xestión do territorio:
-Boa parte do relevo estase concentrando en determinadas comarcas: aquelas con explotacións de vacún de leite e vacún de carne máis dimensionadas; que supoñen unha parte limitada do territorio galego (áreas gandeiras do interior na metade septentrional).
-As perspectivas son moito máis problemáticas en amplas zonas da xeografía galega, que poden ver desaparecer nas décadas inmediatas unha grande parte das actuais explotacións agrarias (que xa son poucas en moitos concellos
A opinión dos expertos:
-Francisco Ónega López (Laboratorio do Territorio-Universidade de Santiago de Compostela): “Nunca houbo unha visión holística por parte da Xunta para fomentar o relevo xeneracional no agro. (….). Na nova PAC 2023-2027 o relevo xeneracional é un dos obxectivos específicos e engádense novas medidas de apoio. A nivel da Comisión Europea os principais retos que se identifican para as persoas que se incorporan son o prezo e dispoñibilidade de terra, rendibilidade, burocracia, a imaxe do sector e o acceso a servizos públicos no rural, entre outros. Os retos aínda son maiores para os novos entrantes; é dicir, as persoas que entran no sector sen nada. En Galicia non hai estudos sobre as dificultades das persoas que se incorporan ao agro”.
“Habería que empezar tamén a transmitir unha imaxe positiva do sector, con casos de éxito, que os hai e moitos”
-José Manuel Andrade (Fundación Juana de Vega): “Hai moitas oportunidades para traballar no agro con rendas dignas. No caso do lácteo a realidade dos últimos anos é que as granxas son rendibles, con datos positivos, e hai oportunidades nunha parte importante das que van abandonar e que recibiron moitas axudas públicas. No caso do vacún de carne, arredor do 50% dos titulares das explotacións están próximos á xubilación, e hai oportunidades de tomar o relevo, sobre todo orientando o negocio cara carnes premium.
En canto aos obstáculos, temos carencia de políticas públicas transversais orientadas ao desenvolvemento rural, e que impliquen tamén sanidade, educación, vivenda…etc. A terra agraria en Galicia é un activo estratéxico de primeira magnitude que non podemos seguir deixando no abandono, mentres cada ano importamos máis de 300 millóns de euros en cereais para alimentación animal. Habería que empezar tamén a transmitir unha imaxe positiva do sector, con casos de éxito, que os hai e moitos”.
“Temos carencia de políticas públicas transversais orientadas ao desenvolvemento rural”
-Rocío Toxo Asorei (Universidade de Santiago de Compostela): “A partir dun estudo realizado sobre a emigración xuvenil no concello coruñés de Boimorto entre mozos e mozas de 18 a 34 anos, das 37 persoas entrevistadas 4 tiñan explotación gandeira na casa e 16 tiñan familiares que tiñan unha granxa en activo, pero só 1 deles era titular e só 2 traballan nela”.
-Luis García (Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa): “Na EFA Fonteboa non somos expendedores de títulos, senón que formamos a persoas que van axudar a dinamizar o rural cos seus proxectos. Para iso, os docentes temos que coñecer moi ben o entorno no que estamos e o entorno do alumno para poder axudarlle. Dende o ensino temos que formar ao alumnado na adquisición de coñecementos, pero tamén en habilidades e actitudes. Os catro principios que seguimos son: formación integral, responsabilidade formativa da familia, formación en alternancia en explotacións e empresas, e que a formación debe fomentar o desenvolvemento territorial”.
-Nieves Pérez (Proxecto TerraActiva): “Hai diferentes rutas de acceso ao relevo no agro, dende a sucesión familiar, á incorporación extrafamiliar ou os novos entrantes. Realizamos unha enquisa entre as persoas que se incorporan dende fóra do sector e as principais barreiras que sinalaron foron, por esta orde, a normativa e a burocracia, despois as dificultades técnicas e de xestión da explotación e en terceiro lugar a dificultade para acceder a terra de calidade. En Europa dende hai moitos anos hai iniciativas públicas para facilitar a mobilidade de terras. Por exemplo, no caso de Francia, a sociedade pública SAFER no 2021 puxo a disposición de agricultores e gandeiros algo máis de 100.000 hectáreas e adquiriu unhas 41000 hectáreas”.
-Xosé Manuel Vilariño (División Territorial de ABANCA na provincia da Coruña):
“O sector agrario é o que ten menos mora. É un sector no que o financiamento é fluído e de importes elevados. No relevo xeneracional o financiamento non é un problema e as axudas de incorporación facilitan moito a remuda pero non son o factor máis relevante para a remuda xeneracional. Para min é clave a implicación das familias”.
-Edelmiro López Iglesias (Universidade de Santiago de Compostela): “No futuro cada vez imos ter formas máis diversas de relevo xeneracional, con modalidades cada vez máis híbridas e cun peso crecente de persoas inmigrantes. En canto aos apoios públicos non creo que sexan precisos máis cartos, senón integrar as actuacións e trasmitilas con claridade aos usuarios finais, facilitándolle todo o proceso ás persoas que se incorporan”.
“As persoas que se incorporen ao agro en Galicia nos próximos anos está previsto que non cubran máis do 5% dos abandonos”
-Miguel Tomé (Unións Agrarias): “As persoas que se incorporen ao agro en Galicia nos próximos anos está previsto que non cubran máis do 5% dos abandonos. Creo que hai que ter un enfoque transversal para encarar este problema, partindo como punto básico a rendibilidade das explotacións e crear unha previsión de estabilidade e certezas”.
-Ana Rodríguez (Sindicato Labrego): “A miña experiencia dime que a maioría das persoas que se incorporaron como novos entrantes foron pechando cos anos. As axudas públicas son necesarias pero precísase algo máis. En Galicia temos tamén moitas menos incorporacións que na media das Comunidades Autónomas, o goberno da Xunta debería facer autocrítica porque se fixo unha mala xestión das axudas da PAC, que debería cambiar para promocionar tamén a agricultura familiar”.
normal eos novos nun van quedar tampoco porque hay estar 365 días do ano e coma unha carcel.
encima mal pagado unha exclavitud.
xente nova e más lista e fan ben nun coller esto eu teño 47 e vou deixar todo porque ganó más noutro lado e teño outra libertad o pouco q ganó sacanmo pa miña ex muller.
mellor traballen os politicos eos q poñen normas impidementos e burocracias.