“Non todos os gandeiros serven para ter un robot porque hai que estar disposto a traballar con datos”

O robot de muxido é máis que unha máquina para muxir vacas. O veterinario e asesor catalán David García detalla como sacar o máximo partido á información que achega o software do robot para mellorar a xestión da granxa

David García, durante a súa intervención nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro

David García, durante a súa intervención nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro

A tecnoloxía ten entrado de cheo nas granxas leiteiras, co robot de muxidura como elemento estrela. Non supón só un cambio no sistema de muxidura, senón que o seu alcance vai moito máis alá. “Os robots non só muxen: muxen, alimentan e ofrecen datos”, valora o veterinario David García, que participou nas Xornadas Técnicas de Seragro cunha ponencia sobre como maximizar o potencial do robot de muxidura para a xestión da explotación.

“Coas súas bondades e coas súas limitacións, os robots de muxidura son unha ferramenta de traballo fundamental que nos achega gran cantidade de datos. Debemos aproveitar ao máximo toda esa información que o robot nos proporciona”, insiste.

Porén, advirte, “o robot non serve para todos os gandeiros”. “Aos que estades valorando montar un robot, eu aconséllovos que vos asesoredes con alguén que vos explique a verdade dos robots máis alá do que vos conten as marcas que os venden, porque non todos os gandeiros serven para o robot; o primeiro é que hai que estar dispostos a traballar con datos”, conclúe.

Manexar a tecnoloxía pode chegar a representar un desafío en moitas explotacións

“A clave para unha transición exitosa á automatización é comprender que se está a realizar un cambio cara a un novo sistema de xestión onde os datos son os que mandan. O software do robot é o maior provedor de datos procesados dentro da granxa, xa que traballa tanto coa información do propio robot como coa dos colares asociados colocados nos animais”, describe.

De gandeiro a experto en datos

David asegura que “o manexo da tecnoloxía pode chegar a ser un desafío en moitas explotacións”. Por iso, defende que o propio gandeiro e os seus empregados deben capacitarse para integrar todos os datos que xeran as diferentes tecnoloxías implementadas na explotación na toma de decisións da granxa.

“Cando instalamos un robot nunha explotación moitas veces pasa a ser o centro de atención en exclusiva, cando non debería selo. É o conxunto de datos o que nos ten que levar a tomar decisións, non só a información que nos achega o robot, porque o robot non nos di canto diñeiro estamos gañando ou non”, afirma.

Debemos aproveitar ao máximo toda a información que o robot nos proporciona e integrala na toma de decisións, pero necesitamos moitos máis datos que os que nos ofrece o robot para xestionar unha granxa

“Necesitamos moitos máis datos que os que nos ofrece o robot para xestionar unha granxa”, insiste. Despois da muxidura, o seguinte paso será a robotización da alimentación, prognostica. “Unha vez teñamos a inxestión de materia seca controlada teremos pechado o círculo”, asegura.

“Os principais índices económicos dunha gandería de leite están directamente relacionados coa nutrición”, afirma. Son indicadores de eficiencia económica e, por tanto, de viabilidade. Por iso, asegura, “tres muxiduras diarias non garanten mellores resultados económicos que 2,5”, asegura.

Tres muxiduras diarias non garanten mellores resultados económicos que 2,5

“Coidado cos datos, porque nas medias hai que ter moi en conta a dispersión. Por exemplo, unha media de tres muxiduras diarias: se unha vaca se muxe 4 veces e outra 2, a media é 3, pero se unha vaca se muxe 5 veces e outra 1, a media tamén é 3”, evidencia. “O verdadeiro indicador de eficiencia é a cifra de litros por muxidura, porque se unha vaca se muxe 3 veces pero dá só 8 litros por muxidura non interesa”, destaca.

Alimentación e muxidura á carta

O consumo de penso no robot é totalmente configurable e permite repartilo ao gusto do gandeiro, pero atopar o equilibrio entre a máxima produción de leite a mínimo custo non é tarefa doada. Os KPI máis usados habitualmente son quilogramos de concentrado por vaca e día e gramos de concentrado por litro de leite producido. “Hai que traballar con listados e análise de datos de animais que non consomen o desexado segundo as táboas para establecer medidas correctoras”, recomenda.

Até que chegue a intelixencia artificial temos que decidir nós

“Ata que chegue a intelixencia artificial temos que decidir nós, pensando en como maximizar a produción no robot. O índice de produción de leite por día de vida na explotación, desde o nacemento até a saída ao matadoiro, é o que nos vai dicir se ese animal foi bo ou non na nosa granxa”, afirma.

Para este asesor, o obxectivo final debe ser “facer 22 litros de leite por día de vida”. Para logralo, algunhas estratexias poden ser reducir a idade ao primeiro parto pero sen comprometer a produción futura e aumentar a produción por vaca presente, contando tamén ás vacas secas, non só as que están en lactación.

O obxectivo final debe ser lograr producir 22 litros de leite por día de vida

“O obxectivo final é producir máis e facelo máis barato e o robot pode axudarnos niso a través dos permisos que damos”, asegura. A inxestión elevada de concentrado pode derivar, ademais dun incremento de custos, en problemas metabólicos. “Hai moitos rabaños con acidoses subclínicas pola elevada inxestión de penso. Non se pode dar un 70% de concentrado e un 30% de forraxes na ración, porque iso ten consecuencias”, advirte o veterinario catalán.

Focalizar os problemas

Xa sexa a través de listados, informes ou alarmas, aspectos como saúde e actividade e desviación na produción de leite deben ser revisados a diario. “As desviacións negativas en produción de leite adoitan ser indicadores de patoloxías incipientes debidas a un descenso do consumo. Distinguiremos entre animais a intervir rapidamente e animais a observar”, propón.

A muxidura robotizada representa un sistema eficaz de monitorizar vacas de alta produción

“O robot monitoriza moi ben aos animais e é unha ferramenta moi boa para diagnosticar enfermidades. Detectan mellor as enfermidades as máquinas que nós”, afirma. “A revisión a diario do reporte de vacas frescas e até o pico de produción é indispensable, xa que aquí a detección precoz de enfermidades pode reducir perdas de ingresos en leite considerables”, asegura David.

“As desviacións negativas en produción de leite adoitan ser indicadores de patoloxías incipientes debidas a un descenso do consumo. Os novos animais enfermos non detectados precozmente adoitan aparecer no listado de vacas con atraso”, detalla.

É indispensable revisar a diario o reporte de vacas frescas até o pico de lactación

A maioría de sistemas de muxidura robotizada contan con dispositivos de monitorización da saúde ruminal das vacas. “A través de alarmas ou listados de traballo configurables debemos optimizar o manexo destes animais a revisar para reducir o tempo de traballo e o benestar dos animais”, defende.

Xunto coas caídas de rumia, outras alertas que permiten unha detección precoz de enfermidades, neste caso relacionadas coa saúde de ubre, son a condutividade e as muxiduras incompletas. “Configurar alarmas diarias por muxiduras incompletas é útil para detectar os riscos de mamite”, explica.

Número de vacas por robot

“O obxectivo económico de calquera explotación robotizada debería ser producir a maior cantidade de leite por robot, pero o número de vacas que xestiona correctamente un robot depende tamén doutros factores, como os axustes nos permisos de muxidura ou as propias instalacións”, asegura.

As deficiencias nas instalacións poden limitar a produción de leite mesmo máis que o número de vacas por robot

“O espazo de comedeiro, o número de cubículos, a dimensión dos corredores, as dimensións da área de achegamento ao robot, o número de bebedoiros, etc. son factores que poden limitar a produción, mesmo máis que o número de vacas por robot”, afirma.

Non todos os establos serven para montar robots

“Non todos os establos serven para instalar robots e hai que entender tamén que cando se montan robots nunha granxa varía o funcionamento do rabaño”, asegura. “En Cataluña aos gandeiros cústalles moito entender que con robots non fai falta ter tantos cubículos ou tantas cornadizas”, exemplifica.

A xenética ao servizo do robot

Para optimizar o robot, David recomenda configurar os permisos de muxidura de maneira que se priorice ás vacas recentemente paridas fronte ás que se atopan en cola de lactación. “Se damos preferencia aos animais en pico de lactación castigando un pouco aos que se atopan máis preto do secado faremos máis litros co mesmo robot”, asegura.

Para facer máis litros podemos priorizar nos permisos de muxidura ás vacas recentemente paridas fronte ás que se atopan en cola de lactación

En canto á velocidade de muxidura, este experto indica que “se deben seleccionar vacas aptas para o robot”. “Mediante a selección xenética podemos mellorar o fluxo de leite dos nosos animais”, explica. Outro aspecto a optimizar sería o tempo medio de visita. “O número de muxiduras e o tempo libre diario deben manterse sempre en valores aceptables”, advirte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información