“Non se entende que a administración non interveña ante a situación das ganderías de vacún de carne”

“Non se entende que a administración non interveña ante a situación das ganderías de vacún de carne”

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, durante o reparto realizado esta mañá en Santiago de Compostela

A organización Unións Agrarias realizou esta mañá en Santiago de Compostela un reparto gratuíto duns 1000 kilos de carne de vacún de Galicia para pedirlle aos consumidores que apoien coa súa compra ás ganderías de vacún de carne galegas e denunciar ao mesmo tempo os baixos prezos que perciben os produtores.

Neste sentido, o secretario xeral de Unións, Roberto García, denunciou que “non se entende que a Administración non interveña ante un caso claro de venda a perdas” que incumpre a Lei da Cadea Alimentaria. “E é que mentres que aos gandeiros lles custa producir un kilo de carne de vacún 5,35 euros, segundo os datos do Ministerio de Agricultura, sen embargo o prezo medio que levan percibindo dende a crise do Covid19 é de 4,30 euros por kilo, co que de media están perdendo por becerro uns 200 euros”, explicou.

Esta situación de crise de prezos coincide, ademáis, cunha suba dos costes de produción de arredor dun 25% no que vai de ano, unha tormenta perfecta que, tal e como advertiu Roberto García, “pode levar ao peche a boa parte das arredor de 11.000 explotacións de vacún de carne que hai en Galicia, a gran maioría de tipo familiar, e que producen unha carne de altísima calidade nun sistema en extensivo respectuoso co medioambiente, que reduce a incidencia dos incendios forestais e que mantén un medio rural vivo”.

Neste sentido, o secretario xeral de Unións reclamou unha suba dos prezos que perciben os produtores, “o que non ten que implicar que lle suba o prezo da carne ao consumidor, senón que se reparta dunha forma máis xusta e transparente de forma que os gandeiros cubran polo menos os costes de produción”.

“Non pode ser que a Administración non interveña ante esta ilegalidade e dende Unións imos continuar co calendario de mobilizacións ata que se lle suba o prezo da carne aos gandeiros”, advertiu Roberto García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información