“Antes había 50 veciños, todos con vacas, pero agora só somos dous con animais”

Visitamos Seceda, en Folgoso do Courel, tralos incendios deste verán e falamos con dous veciños que manteñen actividade nos montes da contorna, Jorge Gallego, que conxuntamente coa súa parella xestiona unha gandería de Rubia galega e ovellas, e o apicultor José Ángel Ibáñez

Seceda é un pequeno pobo da montaña de Lugo que se atopa na parte sur da Serra do Courel. Nel desenvolven a súa actividade Jorge Gallego e José Ángel Ibáñez, un gandeiro e un apicultor con pequenas explotacións que se viron afectadas polo gran incendio do verán.

O gandeiro Jorge Gallego ten a súa principal finca nas Rozadas, na parte alta de Seceda, nun monte común onde fixo pastizais. A parcela divídese en catro partes que manexa nun sistema rotativo , a fin de facilitar a rexeneración do pasto. Neste espazo mantén un rabaño de vaca Rubia galega en réxime extensivo, nun pastizal de 30 hectáreas que está cercado cun peche de arredor de 10 quilómetros. Durante o incendio deste verán, uns 4 quilómetros do peche arderon, pois aínda que o lume non entrou nos pastos, si afectou ó monte circundante.

A gandería ten hoxe en día un total de 34 cabezas, 26 vacas e 8 becerros. O seu modelo de traballo céntrase en vender os becerros para recría, posto que “intentouse cebalos pero era imposible porque daban perdas constantemente”, explica. Por iso, procura vendelos aos 3 ou 4 meses.

“Intentamos cebar os xatos, pero era imposible porque daban perdas constantemente” (Jorge Gallego)

No entorno de Seceda, tan só queda outro veciño con vacas, unha situación diferente a décadas atrás, cando había no pobo 50 veciños, case todos con animais.

No pasado, Seceda tiña un sistema tradicional fundamentado na gandería e na apicultura, o que mantiña unha alta actividade sobre o territorio. Pero o envellecemento e a despoboación, igual que sucede no resto do Courel, levaron a un progresivo abandono das terras e á matorralización do monte.

En Seceda, con todo, Gallego sinala que as dúas ganderías que permanecen probablemente xuntan máis animais dos que había cando o pobo tiña 50 veciños e en cada casa había 2 ou 3 vacas de media. Aínda así, o gandeiro destaca que lle ve “moi pouco futuro a este tipo de gandería en Galicia pola falta de apoios” e afirma que “sobrevivirán as máis grandes”. “No noso caso continuamos porque á miña parella fáltanlle un par de anos para xubilarse”, conclúe o produtor.

De xeito paralelo ás vacas, Jorge Gallego xestiona un rabaño de ovellas que manteñen limpas as terras no entorno da aldea, nun espazo no que no seu día se cultivaba centeo.

Apicultura no Courel, o caso de José Ángel Ibáñez

Outro produtor que mantén a actividade en Seceda é o apicultor José Ángel Ibañez, que conta cun total de 37 colmeas. José Ángel leva vivindo na zona pouco máis de 9 anos, anteriormente viña de xeito esporádico ata que decidiu asentarse. Provén de Vigo, e animado polo encanto natural do entorno, optou por desenvolver un modo de vida ligado á apicultura no Courel. Complementa esa actividade con outros traballos debido a que “é complicado vivir só da venda de mel, xa que a produción baixou notablemente nos últimos anos”, sinala.

O manexo das súas colmeas achégase o máximo posible ao ecolóxico, “aínda que non estamos certificados, simplemente facémolo por convicción”.

De Seceda, o apicultor destaca a riqueza da súa vexetación. “As vantaxes que temos nesta zona xa estaban indicadas polo número de albarizas que había antigamente aquí. A floración non depende de especies concretas como o carballo ou o castiñeiro, senón que ata agora era moi continuada en distintas fases; por iso, o mel milflores de aquí é moi valorado, pero esta situación tamén permite ter un mel monofloral perfectamente”, subliña Ibáñez.

Esta continuidade floral verase afectada polos incendios deste ano, que devastaron unha parte importante da vexetación próxima ás colmeas e chegaron a impactar nalgunha delas directamente. “Hai que pensar que unha masa forestal tan continua, sobre todo de piñeiros e mato baixo, nun verán tan seco coma o deste ano, pode derivar en incendios de gran dimensión como o que sufrimos”, critica.

“A floración non dependía de especies concretas como o carballo ou o castiñeiro, senón que era moi continuada en distintas fases” (José Ángel Ibáñez)

Como desvantaxes para a apicultura no Courel, Ibañez sinala que en ocasión son “zonas difíciles de explotar polo seu acceso e tamén pola presencia do oso, máis marcada nos últimos anos, polo que temos que empregar instrumentos de prevención como pastores eléctricos. Cómpre engadir de tódolos xeitos que, se un oso se asenta na zona tamén é sinal da riqueza de vexetación e biodiversidade, posto que non se asenta en calquera espazo, polo que é un indicador positivo”, valora Ibáñez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información