“Non podemos seguir producindo porco para exportar a China, temos que axustarnos a unha escala nacional ou europea”

Andrés Muñoz Rico, responsable de Soberanía Alimentaria de Amigos da Terra, explícanos a nova campaña impulsada pola organización para fomentar a gandaría extensiva fronte a modelos intensivos na produción de carne

“Non podemos seguir producindo porco para exportar a China, temos que axustarnos a unha escala nacional ou europea”

Andrés Muñoz Ricos, responsable da área de Soberanía Alimentaria da organización Amigos da Tierra.

Na Semana Mundial Sen Carne, que se celebra do 15 ao 21 de xuño, abordamos con Andrés Muñoz Rico, responsable da área de Soberanía Alimentaria de Amigos da Terra, a campaña impulsada pola organización baixo o lema Menos carne, mellor carne.

Ademais, a entidade está a desenvolver unha recollida de firmas, que entregarán o próximo 15 de outubro ao Ministerio de Agricultura, e coa que solicitarán medidas de apoio ás pequenas explotacións familiares con modelos extensivos e agroecolóxicos. Con el coñecemos tamén as propostas da entidade para a gandaría de carne, así como a súa valoración sobre o actual sistema gandeiro.

-Á marxe do que xa se intúe co seu lema, en que liñas se basea a campaña ‘Menos carne, mellor carne’ que estades a impulsar?
-Como indica o nome da campaña, séguense dúas liñas de traballo: Por unha banda, hai un consenso bastante unánime a nivel científico e sanitario de que nun contexto como o español existen un sobreconsumo de carne. Consumimos máis carne do recomendable tanto dende o punto de vista da saúde, como do medio ambiente, xa que ten impactos importantes, sobre todo cando se trata de carne de orixe industrial.

A segunda liña de traballo da campaña atende a que este sobreconsumo de carne baséase nunha produción de carne en grandes cantidades en sistemas industrializados. Reivindicamos outros modelos de produción da carne baseados na gandaría extensiva e ecolóxica.

-Cando se fala dunha redución da inxesta de carne, de canto se estima esta redución?
-Agora estamos a traballar para concretar estas cifras e esperamos achegar máis datos nos próximos meses. Porén, organizacións internacionais e institucións científicas e académicas como a Universidade de Harvard, falan de que o consumo se debería reducir nun 50% en países como España, onde a taxa media se sitúa ao redor dos 45 quilos de carne por persoa ao ano, segundo os datos que manexa o Ministerio de Agricultura.

“Na produción de porco estanse abandonando os modelos familiares, tradicionais de Cataluña, por sistemas industrializados que se expanden ó resto do territorio”

Non só se trata de reducir a cantidade, senón de cambiar o tipo de carne de consumimos. Comprobouse que a carne procesada ten altos impactos na saúde e que está relacionada con enfermidades coma o cancro, polo que se desaconsella o seu consumo. A carne vermella ten uns impactos na saúde máis importantes que os da carne branca, pero desde o punto de vista do medio ambiente o seu impacto é menor, dado o número de ganderías que se atopan en modelos extensivos ou ecolóxicos.

A produción industrial de carne ten un alto impacto, como se está vendo coa produción de porco en España. Cada vez máis, estase substituíndo ese modelo familiar, como o que era tradicional en Cataluña, por un sistema industrializado e que agora se está expandindo a territorios como Aragón, que xa está a superar en produción a Cataluña, ou a Galicia, onde cada vez ten maior presenza.

“Non podemos seguir producindo carne para exportar sen ter en conta o seu impacto social e ambiental”

-Como debera ser o axuste na produción?
-Ten que darse un cambio do modelo de produción. Non podemos seguir producindo tanta carne para un modelo centrado en producir para a exportación, que se basea en fins claramente especulativos, sen ter en conta o impacto social e ambiental que provoca no territorio. Para nós non ten sentido seguir nesa dirección. Propoñemos un reaxuste do modelo produtivo baseado nun consumo sustentable a escala nacional ou europea, pero non podemos seguir producindo porco para exportar a China, carece de sentido seguir nesta liña.

-Hai sectores nos que se focalicen en maior medida os esforzos para o cambio de modelo?
-En España, o porcino é un dos sectores nos que nos últimos anos se produciu un incremento da produción de carne de maneira industrial sen ter en conta os impactos que xera, só primando o beneficio das empresas. É un modelo que xera graves impactos a nivel ambiental como o consumo e contaminación de augas, a xeración de xurros, a contaminación da atmosfera polas emisións de amoníaco. Tamén está a ter importantes impactos a nivel social, sobre todo nas zonas rurais onde se implantan grandes factorías de porcino, que esnaquizan a posibilidade do desenvolvemento sustentable destas áreas e provocando que cada vez apeteza menos vivir alí, cando proliferan estes modelos industriais. Todo iso prodúcese, ademais, coa conivencia e o apoio das autoridades locais e autonómicas.

“Na produción de carne é moi importante diferenciar entre modelos produtivos”

Cando falamos de produción de carne é moi importante diferenciar entre modelos produtivos. En España unha das grandes problemáticas destes sistemas de produción industrial é a carne de porco e cada vez máis a carne de pito, que se está industrializando e volvéndose máis similar ao porcino. Por iso, pomos máis o foco nestes sectores e non tanto na produción de carne vermella, de bovino, ovino e caprino onde, aínda que houbo unha tendencia tamén á industrialización, mantéñense a pequena escala e asociados a modelos produtivos de corte familiar con modelos extensivos e de pastoreo que teñen, ademais, enormes beneficios, como o fomento da biodiversidade do hábitat.

-Na vosa petición inicial ao goberno, esixiades prohibir a gandaría industrial. Por que vedes necesario eliminar completamente este modelo?
– Defendemos a eliminación da industrialización do modelo alimentario porque non vai en beneficio nin das persoas que producen os alimentos nin dos consumidores. No caso da carne, o modelo de produción industrializado que se fomentou nas últimas décadas non ten ningún beneficio para a maioría social polo que demandamos, ou ben, que se prohiba ou, nalgúns casos, unha moratoria, que polo menos deixen de concederse licenzas para este tipo de explotacións industriais. Necesitamos que se revise e avalíe o estado actual do sector para decrecer e camiñar cara a un modelo máis sustentable e axustado a unha escala nacional, que debese ser o que primase.

-Un dos argumentos que se esgrimen para manter a produción intensiva é a súa rendibilidade económica e a necesidade de producir a menores custos e en grandes cantidades para abastecer a demanda existente. Poderán os modelos en extensivo e agroecolóxico ser unha solución efectiva para a atender a demanda, aínda que esta se reduza?
-Estamos a ver que os modelos de produción máis intensivos e industriais, por exemplo no caso do porcino, deixan de ser rendibles para a persoa que o produce, xa que a maioría teñen unha produción integrada. Desta forma o gandeiro deixa de ser un gran produtor para pasar a ser un mero elo nunha cadea de produción, sen capacidade na toma de decisións. É a empresa propietaria a que cede os leitóns, proporciónalle a alimentación e finalmente comercializa o produto, polo que o gandeiro non ten maior beneficio económico que unha cantidade fixa que se establece.

“Os modelos de produción máis intensivos e industriais deixan de ser rendibles para o gandeiro”

Agora mesmo estamos a ver unha redución das exportacións de porcino a China, xa que parece que conseguiron atallar a peste porcina africana que lles estaba afectando. Con todo, os modelos que apostan por unha gandaría extensiva ou ecolóxica, como no vacún, non se viu esta redución no consumo. Ademais, son produtos que se defenden moito mellor en canto a sustentabilidade económica, xa que teñen maior valor engadido. Así é que, para nós esa defensa dos modelos industriais desde un punto de vista económico non é real.

-Unha das vosas reivindicacións pasa por introducir cambios nos criterios da PAC. Que modificacións reclamades?
-O modelo actual da PAC beneficia aos grandes produtores en detrimento dos pequenos produtores e as gandarías familiares. Reivindicamos que se vaian deixando atrás os pagos directos e se aposte por modelos que favorezan a gandaría extensiva e ecolóxica. Recentemente presentáronse en Europa as estratexias de Biodiversidade e Do Campo á mesa, que nalgúns elementos establecen xa enfoques que poden favorecer esta transición a un sistema agrícola e gandeiro máis ecolóxico. Demandamos ao Ministerio que se sitúe nesta liña e non que perpetúe un modelo que só beneficia ás grandes producións, en lugar dos pequenos gandeiros.

-Como propoñedes esa transición cara a modelos máis extensivos para os gandeiros que asumiron grandes investimentos para a construción e instalación de novas granxas en sectores como o porcino ou o avícola?
-As medidas das administracións públicas deben ir encamiñadas a incentivar esa transición, do mesmo xeito que se están expondo noutros sectores. Os esforzos deben encamiñarse cara aos pequenos produtores de maneira que as axudas poidan favorecer o cambio de modelo. Se seguimos incentivando o modelo industrial e aos grandes produtores esa transición non vai chegar a producirse. Sobre todo é moi importante que ninguén quede atrás, en especial os pequenos produtores.

cabras meira estandar portada

“En Galicia aínda hai un modelo de gandaría moi vinculada ao territorio polo que se debe seguir apostando”

-Que valoración facedes do actual sistema gandeiro galego?
-Tanto en Galicia como na Cornixa Cantábrica hai aínda un modelo de gandaría moi vinculada ao territorio, un modelo polo que se debe seguir apostando. Tamén vemos o risco e a pulsión cara a un aumento de escala e unha tendencia cara a unha certa industrialización derivado da presión económica. Cremos que as autoridades non deben apostar por esa liña senón por un modelo máis ligado ao territorio, tentando buscar sistemas extensivos e máis vinculados a unha produción de tipo ecolóxico. Cremos que os modelos tradicionais en Galicia son unha alternativa que hai que defender e pola que hai que apostar.

-Que propostas contemplades para a gandaría de carne galega?
-É fundamental que as administracións públicas poñan en valor os modelos extensivos que hai en vacún de carne, ovino e caprino, fronte a outros modelos máis intensivos e industriais. É moi importante diferenciar o modelo produtivo e poñelo en valor.

“O consumidor ten que saber o valor social e ambiental asociado á carne producida en modelos de extensivo e agroecolóxico”

A nivel de comercialización eses produtos tamén teñen que ter un valor engadido, de maneira que o consumidor, cando os adquira, saiba tamén o valor social e ambiental asociado a ese produto. Hai que facer un maior esforzo para visibilizar eses valores de cara ao consumidor e que tampouco compitan en desigualdade de condicións.

-No caso galego, en que creedes que debe incidirse en maior medida?
-Preocúpanos a proliferación da gandaría industrial asociada ao porcino en Galicia. Estamos a ver como cada vez están a gañar terreo fronte a outros modelos máis asociados ao vacún e ligados ao territorio.

-Precisamente esta mesma semana gandeiros de vacún de carne en Galicia manifestábanse para esixir solucións ante o baixo prezo e as dificultades que están a ter para dar saída ao seu produto, a maior parte deles en explotacións de extensivo. Que está a fallar para que se siga con esta problemática?
-Está a verse como a gran distribución, nesta situación de crise sanitaria e económica polo Covid-19, incrementou os prezos na venda final sen ter isto unha repercusión nos prezos que reciben os produtores. Claramente o gran peso que ten a distribución na cadea de alimentación desvirtúa por completo o prezo xusto que deben recibir os gandeiros. Cremos que nestas cuestións o Ministerio ten moito por facer.

Doutra banda, no caso do vacún as administracións tamén teñen a responsabilidade de evitar que se chegue a xerar unha competencia desleal, sobre todo con produtos que veñen doutros países, como o caso do tratado de Mercosur, que vai supor a apertura comercial a unha gran cantidade de carne de vacún e que afectará ó prezo e á comercialización de vacún producido en España. É unha gran contradición por parte do Ministerio fomentar esas prácticas desleais cando aquí temos produtos de enorme valor nutricional e ambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información