Os ataques dos xabaríns ás fincas de millo sucédense na comarca do Deza, en concreto no concello de Silleda. Entre os afectados, está Isabel Mariño Limeres, unha gandeira con 30 vacas en muxido, que esta semana viu como as mandas de porco bravo estragaban arredor do 25% dunha finca de 3 hectáreas.
“A leira está ao lado da igrexa de Fiestra e probamos sen éxito todos os métodos de protección: poñerlle a radio, esparexer colonia, pastor eléctrico ou repelente, pero non deu resultado”, explica. Non poden cercala porque a finca é alugada e suporía un desembolso moi importante. Ademáis, plantou unha variedade de millo tratada para que non sexa apetecible para o xabarín, pero Isabel asegura que “aínda que non o comen, estrágano igual”.
Recoñece que o ano pasado tamén tivo ataques, pero de menor impacto, e que non denunciou os danos ante a Consellería de Medioambiente “porque obrigan a cubrir moito papeleo e facer moitos trámites”. Pero asegura que este luns vai presentar denuncia ante a Xunta para que quede constancia dos danos e a Consellería adopte medidas de control contra o xabarín.
“O que non pode ser é que un animal salvaxe que é de toda a sociedade, sen embargo teñamos que ser os gandeiros os que o teñamos que alimentar cos nosos cultivos. A nos non nos interesan as axudas, senón que podamos traballar tranquilos, sen ter que engadir aos problemas que temos estas importantes perdas económicas que nos provocan os xabaríns”, conclúe.
Unións Agrarias denuncia que a Xunta non concedeu batidas en Silleda
Pola súa parte, o responsable de Unións Agrarias na comarca do Deza, Román Santalla, denuncia que “a responsabilidade é da Consellería de Medio Ambiente e da Delegación Provincial de Pontevedra, que concederon batidas para o xabarín en Lalín pero non en Silleda”.
“Están xogando co pan dos gandeiros e co futuro do rural galego. O goberno da Xunta só actúa cando Feijóo pegou dous trompazos no coche contra un xabarín, senón non pasa nada”, critica Santalla.
Máis información: